6/4/10

Os expropiados de Castro de Elviña barallan mobilizarse para esixir solucións ao proceso

El Ideal Gallego
06/04/10
A Coruña

Lorena Fernández > A Coruña

Os afectados polas expropiacións de Castro de Elviña pola construción da residencia universitaria barallan a posibilidade de emprender mobilizacións se non se desbloquea o proceso en breve, tal como adiantou onte o portavoz do colectivo, Carlos Maceiras, quen advertiu que, “despois de esperar respostas e estar abertos ao diálogo, xa se barallan outras posibilidades para facer que a Xunta e a Universidade presten atención ás reclamacións dos veciños”.

Os veciños da zona encheron de pancartas o entorno do campus. gago


Desta forma, as once familias que se encontran á espera de que se resolva o seu realoxo estudan emprender accións máis alá da colocación de pancartas tanto en Alfonso Molina como nas inmediacións do campus para reivindicar os seus dereitos. “Cortes de tráfico, encerros en calquera sitio... estamos dispostos a facer o que sexa ante esta tomadura de pelo”, indica o seu representante, que chega a calificar a falta de resposta aos seus casos por parte das administracións implicadas de “terrorismo institucional”.


Conflicto > Precisamente, hoxe mesmo os residentes manterán un encontro co director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Antonio Bonet, no que intentarán recabar nova información sobre o estado no que se encontra o procedemento e, á vez, instarlle a resolver o conflicto canto antes.

Aínda que hai varias semanas os afectados responsabilizaban á Universidade de manter bloqueado o proceso, por non ratificar o acordo que pactaron co Goberno galego e o Concello, agora Maceiras expresa a súa preocupación ante a actitude dos responsables autonómicos, “que xa empezaron a cuestionar estas medidas”.

O pacto, redactado xa en tempos do bipartito, consistía basicamente en aumentar o prezo que lles abonaría a administración por metro cadrado ata superar os 800 euros no caso do terreo edificado, co obxetivo de achegarse ao que debían pagar os expropiados pola súa nova vivenda de protección oficial, entre 900 e 1.200 euros o metro. No caso das fincas, o prezo sería de 105 euros. Para o portavoz dos veciños, estas condicións eran “as menos malas”, polo que reclama o seu cumprimento.

“Dudamos de que se teña outro prantexamento mellor, pero se o hai, estamos dispostos a negocialo, aínda que ten que ser xa”, comenta o representante. Cre que detrás deste “silencio” están os intereses de xestión da residencia. “Hai un tira e afloxa entre a Universidade, que quere que o edificio sexa público, e a Xunta á que lle gustaría que o levase unha empresa concesionaria”, apunta. Ningún destes extremos tería por que afectar aos intereses dos veciños, segundo eles mesmos admiten, se ben estes expresan o seu rechazo á opción do gabinete autonómico, pois “sería bastante inxusto que lle quitasen os terreos á xente para que unha empresa se enriquecese a costa deles”.


Universidade > A xuízo dos afectados, a pelota está no tellado do órgano docente, que “debe velar polos intereses dos universitarios, pero tamén exercer como mediador nun conflicto do que é parte interesada”.

O líder veciñal recorda que hai máis de dous meses solicitou un encontro co reitor, José María Barja, sobre o que aínda non recibiu contestación. Critica a “deixadez” do representante educativo e, en boa parte, cúlpao dos continuos retrasos na búsqueda de alternativas.

Lamenta, así mesmo, ter que chegar ás protestas na rúa para forzar o entendemento. E é que as movilizacións servirán, augura, para que “aqueles que nun principio se negaron a atender as chamadas dos afectados, teñan que chamalos despois para intentar alcanzar un acordo o máis rápido posible e calar as manifestacións”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario