22/4/10

Barja afirma que segue negociando coa Xunta a posta en marcha da residencia universitaria

La Voz de Galicia
22/04/10
A Coruña

Ana Lorenzo

A construción da residencia de Elviña, a primeira pública coa que contará a Universidade da Coruña, é un tema que seguen negociando a Xunta e a institución académica coruñesa, a pesar de que é un proxecto que se iniciou hai cinco anos e que xa debería estar en marcha. Nas últimas semanas, os responsables do Goberno autonómico enviaron unha proposta á UDC sobre como querían que fose este aloxamento, e no que deixaban entrever que estaban dispostos a variar o deseño inicial, e incluso a que fose xestionado por unha empresa privada.

Desde a institución académica coruñesa non estaban de acordo con estas suxerencias e así llo fixeron saber, posto que xa se percorreu moito camiño para poñer en marcha este proxecto, e cambialo significaría perder tempo e diñero. Así mesmo, desde o principio apostouse por unha xestión pública desta residencia, para que poidan acceder a ela a maior parte dos alumnos.

Onte, o reitor da UDC, José María Barja, confirmou que seguen pendentes desta negociación, pero que tamén son conscientes das dificultades económicas que trouxo a crise. «Desde a Xunta nunca dixeron que non ao proxecto da residencia; ao contrario, sempre se mostraron a favor, e mostran a súa vontade de levala a cabo, pero o recorte orzamentario fixo que se demorase», afirmou onte o responsable universitario.

No hay comentarios:

Publicar un comentario