19/5/09

Xeografía sonora do val de Elviña

La voz de Galicia
A Coruña
19/05/09
A Universidade publica o traballo de Ana Filgueiras cos nomes dunha zona que no seu día «foi a que nutriu a cidade, un libro de pedra que está desaparecendo»
Rodri García. «A xente de Elviña canta / e canta por non chorar / ou pobo que tanto queren / xa lle o queren quitar». é a primeira estrofa da canción coa que un grupo de veciños pecharon onte a presentación de O val de Elviña, a identidade cultural na memoria , unha publicación coa que a Universidade coruñesa celebrou o Día das Letras Galegas. Ana Filgueiras, a autora deste traballo, falaba na mañá de onte entre os xardíns da Casa do Lagar, coa emoción asomada á súa garganta e a choiva ameazando desde o alto dos Curutos e Os Castros e a piques de baixar pola Cavaxe. Todas esas son, pódese ler na publicación, «designacións cunha forte personalidade e con voz propia que hoxe en día non somos quen de ouvir». Tamén cualifican esta toponimia como «un legado de primeira orde cunha forte base territorial que vai desaparecendo de vagar ao sobrepoñérense neste espazo novas denominacións asépticas alleas».

Filgueiras confesou que é cascarilleira, «das Atochas», desculpouse porque «non sei cociñar ben as palabras» e recordou como «o Val de Elviña foi o que nutriu a cidade, que logo cuspiu sobre ela o cemento de moitas maneiras». Tamén evocou o monte das Arcas, cuxo topónimo aínda se conserva nunha leira da Zapateira, no que había «a necrópole máis antiga, con trinta e tres túmulos funerarios», ademais de menhires.

Unha arca de cartón é precisamente a que contén os vellos topónimos recuperados; Ana Filgueiras apuntou que aí dentro «están as vidas das persoas, que é o fundamental», cualificou estes testemuños como «libros de pedra que están desaparecendo» e considerou «grave e dramática» a desaparición da terra. Para a autora deste traballo de investigación antropolóxica, a publicación auspiciada pola Universidade «é un punto de esperanza no desalento».

Carlos Maceiras, en nome dos veciños de Elviña, agradeceu a recuperación desta toponimia e a súa publicación, á vez que reivindicaba que a ampliación do campus universitario «se faga de maneira racionalizada, porque os veciños queremos seguir vivindo en Elviña, somos os gardiáns deste ben cultural» e comprometeuse «a que seremos bos veciños».
Manuel Rivas evocou recordos da súa infancia neste lugar, algúns vinculados á tasca de Leonor e outros ás mulleres que xogaban ao fútbol, «despois veu Messi, pero non vin a ninguén xogar como Maruxa Tasende».

Xurxo Souto recordou topónimos perdidos na cidade e aludiu á «Mariña Dourada, ese campo de aí», dixo sinalando cara ao comedor universitario.

O reitor, José María Barja, reiterou o compromiso «de que os veciños sigan aquí» e indicou que a recuperación desta toponimia era un compromiso. Tamén recordou as palabras de Ramón Piñeiro sobre a necesidade de «galeguizar Galicia», algo do que «queda moito por diante», e tamén na defensa do idioma «a máis grande riqueza de Galicia».

No hay comentarios:

Publicar un comentario