26/5/09

Os expropiados de Elviña confían en que a Xunta ratifique o acordo xa pactado

El Ideal Gallego
A Coruña
24/05/09
O superdelegado da Xunta na Coruña reuniuse esta semana cos veciños expropiados de Elviña e diminuíu as súas preocupacións. Tras o encontro os damnificados teñen a esperanza de que o goberno galego ratifique o novo acordo ao que chegou con anteriores dirixentes.
C.R. A Coruña

Con esperanza. Así é como saíron os veciños de Castro de Elviña que serán expropiados para construír a residencia universitaria tras a reunión que mantiveron coa administración autonómica. O superdelegado do goberno galego na provincia, Diego Calvo, reuniuse esta semana cos afectados e parece que se comprometeu a intentar ratificar o convenio que, de palabra, xa tiñan acordado coa anterior Xunta.
O portavoz dos damnificados, Carlos Maceiras, cualifica de “positiva” e, segundo os presentes, nada tivo que ver cos anteriores encontros, “moi tensos”. “Non houbo ningunha negativa de entrada”, afirma Maceiras, o que xa considera como un paso cara a adiante. Tras unha explicación por parte dos veciños de todo o proceso polo que pasaron durante estes dous anos, Calvo comprometeuse a defender o acordo inicial que existía porque considera razoábeis as esixencias dos afectados. Os veciños destacan o informado que estaba o delegado sobre o conflicto e el asegurou que se poñería en contacto con eles nun prazo de vinte días.
Maceiras asegura que Calvo tamén se comprometeu a non desaloxar ningunha familia nin dar comezo ás obras ata que o acordo e o proceso administrativo estivese pechado, algo que tranquiliza aos que serán expropiados.
O pacto ao que chegaran coa anterior Xunta consistía basicamente en aumentar o prezo que lles abonaría a administración por metro cadrado ata superar os oitocentos euros no caso do terreo edificado, nun principio esta cifra situábase en cincocentos vinte. No caso das fincas o prezo é de cento cinco euros.
Os veciños sempre denunciaron a diferencia que existía entre o que lles pagaba o Concello e o que debían pagar os expropiados pola súa nova vivenda de protección oficial, entre novecentos e mil douscentos euros o metro, segundo a situación de cada familia. O obxectivo era achegar os prezos para evitar o desfase económico entre ambos inmobles.
Proxecto> A nova Xunta será a encargada de adxudicar a construcción da residencia a unha das vintetrés empresas que accederon ao concurso público que finalizou o prazo de presentación en febreiro.
O proxecto, elaborado por un estudio catalán, inclúe catrocentos apartamentos de entre 40 e 45 m2, con capacidade para seiscentos estudiantes e profesores, dúas grandes prazas a cada un dos lados xa que se lle deu gran importancia aos espacios comúns. Prevese que o edificio estea listo no 2012.

No hay comentarios:

Publicar un comentario