El Ideal Gallego
A Coruña
19/05/09
A “Canción protesta” de Elviña pide a Barja un compromiso firme cos veciños
Reportaxe de Marino Pérez
O acto no que estaba prevista a presentación do libro “O val de Elviña, a identidade cultural na memoria”, converteuse nunha reivindicación por parte dos veciños da área na que se sitúa a Universidade, debido a que a súa expansión supoñería o derrubo das súas vivendas.
“Aquí todos queren encher a mochila, aínda que para eso, alguén perda a vida”. Esa foi a conclusión, o final da tonadilla coa que quixeron rematar os nativos de Elviña unha composición especificamente creada para o día de onte. É que, di Carlos Maceiras, presidente da asociación de veciños Os Rexumeiros de Elviña e Castro, que son moitos os anos que levan vivindo nas súas casas “para que agora veñan botarnos delas”.
Por iso é entendíbel que o que había ser a presentación dun libro sobre Elviña, sobre a súa idiosincrasia, as súas tradicións e os seus mitos e lendas, se convertese nun espazo para a reivindicación polas consecuencias da residencia universitaria. Tanto Maceiras coma os seus veciños, aos que se lles uniu o escrito Manuel Rivas á hora de entoar, debido ao seu pasado como residente no barrio, pediron “un compromiso máis firme” á Universidade. Até agora, para eles, a súa postura fora “un tanto ambigua”.
O reitor, José María Barja, asegurou que o compromiso da entidade que dirixe coa zona contigua “seguirá a existir”. Pero é que o órgano educativo pouco ten que ver cos dictados de quen decide construír aquí ou acolá e “cargarse vinte ou corenta casas”, tal e como sinalou Maceiras. O que foi fundador da agrupación veciñal no seu día, e que onte exerceu como compoñente dun coro improvisado, acusou os constructores de “falla de imaxinación no traballo”: “Teñen un millón de metros para construír, non había necesidade de tirar nin unha vivenda”. Na súa intervención, o responsábel veciñal afirmou que son “partidarios da expansión, pero con racionalidade”. Lembrou, ademais, a figura de Antonio de Manuco, que se matou “botándose ao tren cando o quixeron deixar sen a súa casa, onde vivira sempre”.
O caso da “canción protesta” non terminaba aí, senón que arengaba á loita aos máis novos, declarándose os máis vellos cansos, e pedindo un esforzo ás xeracións vindeiras. “Non imos quedar parados, non imos sentar a mirar como nos botan das nosas casas”, avisaban os veciños, “se nos queren botar imos resistir”. Por outra banda, tranquilizaban aos presentes dicindo que o seu discurso “non é unha ameaza, aínda que podería provocar un conflito social grave”.
Rivas secundou a postura de Carlos Maceiras e, tras asegurar que “o que é de Elviña leva a pertenza ao val como unha tatuaxe, para sempre”, solicitou un cambio de nome: “Deberíase chamar Universidade de Elviña”. Visibelmente emocionado, mirou atrás para recordar a Maruxa Tasende, unha das mulleres que xogaban ao fútbol na zona do castro: “Primeiro estaba ela, despois apareceu Messi”. O autor de “O lapis do carpinteiro” relatou como viu por primeira vez a televisión “na tenda de Leonor” e ao home do tempo, que apuntaba sempre ao mesmo lugar do mapa cando chegaba unha borrasca desde as Azores: “Despois souben que Mariano Medina –nome do meteorólogo- apuntaba a Elviña, aos nosos tellados”.
A terra das mulleres futbolistas, das pedras que falan para contaren a historia que as precedeu e do que Rivas chamou “o realismo máxico da fábrica da Coca-Cola” corre, segundo os seus habitantes, “risco de desaparecer”. Por iso, para homenaxeala, Filgueiras recolle na súa obra o que foi o castro, empregando os seus coñecementos de arqueoloxía para contar “as vidas das persoas”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario