17/5/09

Manifestación na defensa do galego


A Mesa

17/05/09
17 DE MAIO.- Máis de 50.000 persoas uníronse en Santiago de Compostela á maior manifestación da historia en defensa do galego .
O acto final tivo que repetirse dúas veces nunha praza da Quintana repleta, mais houbo miles de persoas que non deron accedido
Carlos Callón pídelle a Feijóo e aos seus conselleiros “que se apropien do galego”

Vista da Quintana (Vieiros)

Desde as doce do mediodía até pasadas as tres da tarde 50.000 persoas manifestáronse esta mañá nas rúas de Santiago de Compostela na que foi a maior manifestación en defensa do galego da Historia, na que a mensaxe foi unánime: “nin un paso atrás para o noso idioma”. Cando a cabeceira da manifestación chegaba á Praza da Quintana aínda había xente saíndo da Alameda, e a pesar de que se realizou o acto de clausura dúas veces, houbo miles de persoas que non conseguiron acceder á praza.

Unha vez feita a chegada á Quintana da cabeceira da manifestación e despois de que Mercedes Peón dese coa súa intensa voz a benvinda aos manifestantes, desde o palco, o presidente da Mesa, Carlos Callón, dirixiuse a Alberto Núñez Feijóo para pedirlle que se apropie do galego: “Feijóo, o mesmo que levantou no seu día a bandeira do odio contra a nosa lingua, dixo onte que había quen quería apropiarse do galego. Nós pedímoslle que el tamén se apropie do galego, que o faga seu, e tamén llo pedimos aos seus conselleiros, como Pilar Farjas ou Javier Guerra, analfabetos en galego”.

Callón chamou á “mobilización continuada da sociedade” e lanzou unha advertencia ao goberno da Xunta: “Que non nos pidan ningún consenso para enterrar o galego nin para que renunciemos aos nosos dereitos. Se os actuais gobernantes queren desmantelar a oficialidade do noso idioma, volveremos a saír á rúa, as veces que faga falta.”

Un dos momentos máis emotivos do día foi cando se deu lectura por vez primeira ao Manifesto a prol da convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego. Yolanda Castaño, Nemésio Barxa, Teresa Moure e Avelino Pousa Antelo foron a voz das máis de 20.000 persoas e 600 colectivos que apoiaron até o de agora este texto, promovido por 30 persoas de distintos eidos da sociedade galega.

A presenza no palco de Pousa Antelo, un histórico galeguista que aos seus 95 anos continúa sendo un dos máis activos defensores da lingua galega, despertou unha inmensa ovación de todos os asistentes. As palabras de ánimo do Presidente de Honra da Mesa serviron de exemplo vital para os miles de nenas e nenos presentes na manifestación, algún dos cales encabezou a marcha con pancartas como “Señor Feijóo, queremos xogar e aprender en galego” ou “Mil primaveras máis para a nosa lingua”.

Precisamente o ensino en galego protagonizou moitas das consignas coreadas polos asistentes á manifestación, entre elas “Os conselleiros ás galescolas” ou “Na Galiza, ensino en galego”. Tamén houbo berros para a chuvia, que non conseguiu diluír as ganas dos milleiros de galegos e galegas que hoxe se manifestaron para defender a nosa lingua propia: “Aínda que se molle a nosa lingua non encolle”.

Foron moitas e moi diversas as asociacións e colectivos que acudiron con pancartas propias á manifestación, na que se escoitou falar moito galego mais tamén castelán, deixando patente que non só os galegofalantes queren a igualdade de dereitos para o galego, senón que a maioría da poboación galega está en contra da desmantelación da protección xurídica do galego que pretende o goberno do Partido Popular.

http://www.amesanl.org/noticias/noticia_tipo.asp?IDNOTICIA=1433

http://www.vieiros.com/nova/74130/manifestacion-historica-en-defensa-da-lingua

No hay comentarios:

Publicar un comentario