26/5/09

Un novo fogar do tamaño do seu actual garaxe


El Ideal Gallego
A Coruña
24/05/09


Reportaxe de C.R.

Parece que os veciños de Castro de Elviña poderían chegar por fin a un acordo económico que os afectados consideren máis xusto, pero iso non fai desaparecer o problema, cando menos para unha das partes. Son doce familias que deberán abandonar o seu fogar para comezar a vivir –cando se constrúan- nunha vivenda de protección oficial cunhas condicións totalmente diferentes ás que tiñan, que en moitos casos son peores.

Un caso concreto é o de Beatriz Abad que terá que cambiar a súa casa de 340 m2 cun terreo de 2000 por unha casa unifamiliar de 90m2 sen finca. Esta afectada explica que perderá a calidade de vida da que dispón e non só ela se verá afectada, o seu fillo de quince anos deberá esquecerse de invitar os seus amigos á pequena cancha de baloncesto da que dispón e o seu home de todos os artigos de caza e animais disecados que garda no soto de 40 m2.

Incluso os seus amigos cambiarán de vida. É que esta familia adoitaba celebrar festas e ceas no seu garaxe de cen metros ou na mesa de pedra que teñen na súa finca. “E todo iso acabouse”, declara entristecida Abad. Entre as súas maiores preocupacións tamén están os animais xa que, ademais dos cans, tamén ten faisáns. “E agora que fago con todo iso?”, pregúntase esta muller que aínda que tivo dous anos para asimilar o problema, admite que non imaxina cando teña que irse realmente.

Tamén o terán que facer os seus sogros de oitenta anos e deixar os seus cochos e galiñas para viviren sos nunha nova vivenda. Abad denuncia tamén o seu caso, xa que actualmente a parella posúe dous pisos independentes e contiguos á súa casa, un dos que ten alugado, pero ambos están nun mesmo inmoble e só lles aboarán o prezo dunha casa.

Beatriz Abad entende que a Universidade e cidade teñen que crecer pero reclama que, se para iso teñen que abandonar o seu fogar, se lles ofrezan unhas condicións similares ás que tiñan.

1 comentario:

  1. Resulta sarcastico, cinico e escandaloso que parte da expropiacion se vaia adicar precisamentes a vivendas para prof. da universidade, innecesarias por canto non é que o soldo medio dun prof. univ. sexa precisamente baixo nin lle faga prohibitiva, mentres se "desterra" como nos tempos do Imperio Perso a comunidades e familias enteiras do seu lugar natural, se a vivenda é un dereito e vivimos nun estado de liberdades, non debería respetarse o dereito da xente a viver onde queren e de donde é, ... que demos se pensaría noutras epocas sobre estes traslados forzados de poboación para asentar unha poboacion nova, unha elite minoritaria, mentres o comun da xente que fixeron Elviña, que eles a fin de contas son Elviña- se ve precarizada e guetizada (si ao guetto, que todos sabemos a como esta o piso e o metro cadrado n LA-CORUÑA)...a xente que recordemos eran propietarios de seu. Deixemos aun lado que para min separar manu military a un velliños da casa onde naceron e viviron toda vida non sera delito pero si eticamente indigno

    Propoño un cambio de terminoloxía cambiemos "expropiación" por "Invasiön" ou "Deportación (legal, eso si)", será máis realista ainda que menos diplomático

    Non a Invasiòn

    Un Saudo

    ResponderEliminar