Xornal de Galicia
31/07/10
Galicia
Uns 30 veciños deste barrio coruñés tentaron pecharse onte en dependencias da Xunta para paralizar o desaloxo
Sonia Dapena
Os veciños de Elviña-Castro afectados polo proceso de expropiacións para a construción da futura residencia universitaria da Coruña acudiron onte ao edificio da Xunta na cidade para intentar pecharse no despacho do Delegado provincial, Diego Calvo, ao que esixen que paralice o desaloxo de dúas familias, que está previsto para dentro duns quince días. Os afectados, que recibiron as actas do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para deixar as súas casas no prazo dun mes hai cousa de dúas semanas, néganse a marchar e piden un prezo xusto por ceder as súas propiedades ou aceptar o realoxamento.
Logo de pasar tres anos en litixios co fin de acadar novas vivendas na contorna da futura área residencial e un prezo de mercado polas súas terras, a Administración parece gañarlle a partida aos veciños de Elviña-Castro. Dúas das once familias que quedarán sen fogar para levar a cabo o proxecto xa recibiron o aviso do IGVS polo que lles indican que quedan dúas semanas para cambiar de dirección.
“Tíñamos o compromiso de Diego Calvo e dun representante do IGVS de non desaloxar a ninguén mentres non se firmasen uns documentos preparados polo Goberno bipartito pero o Instituto levantou actas e intentou colarnos o desaloxo nun mes, co cal incumpren o acordado”, explica o presidente da Asociación de Veciños Elviña-Castro Os Rexumeiros, Carlos Maceiras. De feito, o acordo coa Consellería de Vivenda do anterior Executivo aseguraba a construción de novas casas na zona, antes de botar fóra aos veciños.
Promesa dunha resposta
Dada a indefensión na que se atopan, arredor duns trinta habitantes do pobo achegáronse onte á delegación da Xunta na Coruña para esixirlle a Calvo a paralización duns desaloxos que incumpren o compromiso entre as partes. Pero, segundo fontes da Xunta o delegado atópase de vacacións ata mediados de agosto, xusto despois de que se produzan as primeiras expropiacións forzosas, polo que unha representante do Executivo comprometeuse cos veciños a ter resposta nos próximos días.
“Queremos que se paralice a orde, se retomen as negociacións e se cumpran os compromisos adquiridos”, insiste Maceiras, que avisa de que as Administracións –IGVS, Consellería de Vivenda, Universidade da Coruña e Concello, todos implicados na futura obra, licitada por 24 millóns– só teñen dúas formas de sacalos das súas casas: polas boas ou “cos pés por diante”.
A nai de Luís Gómez será unha desas primeiras desaloxadas, pero só lle ofrecen “sete millóns e medio por unha vivenda de 80 metros cadrados”. “Tecnicamente, é posible facernos outras casas pero non queren, ofértannos pisos na rúa Salvador de Madariaga pero temos que pagalos”, comenta Gómez, acompañado por uns amigos que consideran a situación unha inxustiza. Luis advirte de que terán que quitalo da casa pola forza.
Pola súa banda, Manuel López perderá tres pisos e unha terra de máis de 1.000 metros cadrados por 350.000 euros. “Isto é como estar no corredor da morte pero sen saber cando vas morrer; eu xa tiven un infarto polos desgustos porque fixemos todo co noso sacrificio e pouco a pouco e agora nos rouban”, confesa López co nerviosismo no corpo.
A preguntas de Xornal, o representante veciñal recoñece que non confían moito na Xustiza porque levan “20 anos con recursos sen resolver” debido aos distintos procesos de expropiación que sufriu o pobo. “Cremos que incluso hai casos de prevaricacións porque se concedeu unha licenza de obra cando a residencia non cumpre coa normativa municipal”, denuncia Maceiras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario