20/7/10

Os expropiados do campus de Elviña critican a Xunta polos seus realoxos

La Opinión de A Coruña
20/07/10
A Coruña


O Goberno galego prometéralles que ían ser reinstalados no entorno do castro, pero só lles dá a opción de vivir na cidade

Redacción A Coruña

A asociación de veciños Os Rexumeiros de Elviña e Castro de Elviña condenan a actitude da Xunta de negar o realoxo aos expropiados do campus de Elviña no entorno no que vivían e que o goberno bipartito lles prometera.

Segundo a agrupación veciñal, o Instituto Galego de Vivenda e Solo ordenou o desaloxo das dúas primeiras casas e, só ofrece como alternativa aos expropiados, vivendas na cidade, nunca no Castro de Elviña, como tamén os actuais responsables da Xunta lles prometeran.

A asociación de veciños considera que a Xunta está incurrindo nun delito de "violación dos dereitos" dos expropiados, xa que lles nega a posibilidade dun realoxo digno no entorno no que tiñan as súas vivendas. O presidente da asociación, Carlos Maceiras, asegura que os veciños tomarán "todas as medidas que estean nas súas mans" para evitar esta situación que califican de "atropelo".

Os veciños expropiados, segundo a asociación Os Rexumeiros, conseguiran en 2009 un acordo para ser realoxados en Castro de Elviña, un convenio que non se chegou a firmar polo cambio de goberno no Executivo galego. Os afectados critican a actitude do Instituto Galego de Vivenda e Solo porque se sinten enganados e cren que está coartando os seus dereitos de ter un realoxo xusto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario