13/7/10

Expropiados en Elviña ameazan con mobilizarse tras ser citados pola Xunta

La Opinión de A Coruña
13/07/10
A Coruña


Os veciños sorpréndense de que o Goberno autonómico lles transmita o día e a hora do pago das expropiacións para a construcción da residencia universitaria sen garantir previamente os realoxos


Suma e segue coas expropiacións na zona do Castro de Elviña. Primeiro foi a avenida Alfonso Molina, logo os campus universitarios e os polígonos industriais e agora a terceira ronda e o complexo residencial para estudantes e profesores. Os propietarios de máis de 70 fincas deberán acudir ao levantamento de actas de pago e ocupación e abandonar as súas vivendas para que, unha vez aprobado definitivamente o proxecto, a Xunta comece a construcción da primeira residencia universitaria de carácter público da cidade. Porén, os veciños aseguran que non llo poñerán fácil mentres non lles garanticen un realoxo digno


Aida Mosquera A Coruña

Máis de 35 familias, os habitantes de todo un edificio, unha empresa constructora e incluso a Universidade da Coruña foron chamados pola Xunta para levantar as novas actas de pago e ocupación das máis de 70 fincas, ubicadas nas inmediacións do campus e do núcleo rural do Castro de Elviña, que foron expropiadas para a construcción dunha residencia universitaria con máis de 600 prazas para estudantes e profesores.

Os veciños da aldea de Elviña teñen as pancartas listas para saír á rúa e esixir o que consideran seu. "Non estamos dispostos a deixar as nostras casas ata que os reaoxos estean solucionados", asegurou presidente da Asociación de Veciños Elviña-Castro, Carlos Maceiras, preguntado pola citación da Xunta publicada o pasado venres no Diario Oficial de Galicia para levantar as novas actas de pago e ocupar os bens afectados polo expediente de expropiación forzosa.

As máis de 70 fincas expropiadas -a Xunta especifica 68 delas sen facer referencia ás propiedades doutros dous grupos de afectados- teñen unha superficie que vai desde os 16 metros cadrados ata os 2.977, e os seus donos -máis de 35 familias que hai que sumar á comunidade de propietarios do edificio Sarria e aos donos non identificados doutros oito terreos- están chamados a abandonalas entre hoxe e este xoeves, tendo cada un unha data e hora para levantar as actas.

A expropiación en si, coa consecuente obriga de abandonar o lugar onde se criaron e viven moitas familias coruñesas, non é o único problema ao que se enfrentan os veciños. Segundo Maceiras, as indemnizacións xiran sobre os 600 euros por metro cadrado, frente aos 1.000 ou 1.200 que os afectados deberán abonar polas súas novas vivendas; son unhas cantidades, denuncia o representante veciñal, "inxustas e insuficientes". De feito, algúns dos propietarios dos terreos chegaron a presentar recursos contra os procesos e solicitaron entrevistarse tanto co Goberno local e o autonómico como coa Universidade da Coruña, pero sen éxito.

"Somos coellos de indias, víctimas da inmoralidade de tres institucións -Universidade, Concello e Xunta- que deberían velar polo ben dos cidadáns e que non fan nada por solucionar problemas creados por elas mesmas", lamenta Maceiras, ao tempo que advirte das negativas dos veciños a abandonar as súas casas "ata que se solucione o tema dos realoxos" e as discrepancias nos xustiprezos. "Parecerá que estamos relaxados pero non es así, estamos esperando a ver que pasa e algo faremos", conclúe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario