Ideal Gallego
5/08/2010
Redacción
5/08/2010
Redacción
«Estamos dispostos a poñernos diante das máquinas para evitar que derruben as nosas casas». Un dos dous expropiados de Castro de Elviña que xa recibiron a orde de desaloxo da súa vivenda para o día 14, Lois Gómez, avisou onte de que tratará de impedir custe o que custe a demolición da propiedade se antes non se produce un acordo coa Xunta, que, entre outras cuestións, debería garantir o seu realoxo no núcleo. No outro inmoble que deberá quedar libre en menos de dez días, os seus propietarios, Mercedes Gómez e o seu pai, Perfecto Gómez, comparten a mesma postura que o seu veciño. Consideran que a forma de proceder do Goberno galego neste asunto foi, como mínimo, «irrespetuosa», pois en ningún caso, segundo denuncian, tívose en conta a súa opinión. Por iso, aseguran que farán todo ou ruído que sexa necesario para facer valer as súas reivindicacións.
As queixas á xestión dos responsables autonómicos son diversas, aínda que destacan que a falta de información e de consideración ao sentir dos afectados foi a tónica xeral durante os dous anos nos que se prolongaron as negociacións, cuxo punto final, se non o evitan antes, será o traslado destes tres residentes a dous pisos da avenida de Salvador de Madariaga, aos que accederán en réxime de aluguer, xa que non se lles ofreceu a opción de compra, confirmaron.
Muiñeiro
Que fago eu nun piso, que aínda por riba teño que pagar tódolos meses, pregúntase Perfecto Gómez; a piques de cumprir 80 anos, non concibe outra forma de vida fóra do núcleo no que residiu durante décadas e no que aínda se mantén activo grazas ao muíño que nos baixos da súa casa segue explotando e ao que boa parte da veciñanza leva as súas espigas de millo para transformar en fariña. É certo que o Executivo galego tivo en conta o cesamento do negocio á hora de calcular as indemnizacións, pero, para a familia, a cantidade resulta irrisoria. O negocio valórano tan só nun millón de pesetas (6.000 euros), vese claro a pouca consideración que teñen cara ás persoas, sinala a súa filla.
De feito, ao fío deste tema, os residentes poñen sobre a mesa outra cuestión que, baixo o seu punto de vista, non se abordou nin por parte da Administración autonómica nin tampouco da local: a conservación dos núcleos tradicionais. Luís Gómez lembra que nin de lonxe a superficie dos pisos que a Xunta porá á súa disposición compensará os máis de 6.000 metros cadrados que entre os inmobles e as leiras lindeiras serán absorbidos para a construción da residencia universitaria, nas que ambos os afectados teñen hortas das que se autoabastecen practicamente todo o ano. A este espazo súmanse outros 41.000 metros cadrados, procedentes de terreos que serán expropiados tamén a outros veciños de Castro de Elviña.
Segundo entende este residente, a actuación profundará aínda máis na destrución dun dos poucos ámbitos rurais que quedan na Coruña. É precisamente aquí cando reclama a intervención do Concello, pois, indica, no PXOM, Busquets apostaba claramente pola recuperación dos espazos tradicionais, todo o contrario do que se está a facer no Castro.
Xuntanza
Os afectados apelan á reunión que terán o día 18 co delegado da Xunta, Diego Calvo. No encontro, volverán retomar a formulación inicial, baseado en conseguir que o realoxo se produza na zona. Sería, comentan, a solución menos mala, que, por outra banda, aparece recollida na normativa que rexe a ampliación do campus universitario e que, din os veciños, a Xunta négase a acatar de maneira evidente.
Se esta premisa non chega a cumprirse, os expropiados aseguran que loitarán até o final para impedir os derrubes. Solicitan, para iso, o apoio de todo o barrio, que, segundo expresa Lois Gómez, tamén ten a espada de Damocles enriba, xa que a expansión da institución docente é un feito. Este non é un problema individual, é de todo o Castro de Elviña, conclúe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario