Mostrando entradas con la etiqueta elviña. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta elviña. Mostrar todas las entradas

10/10/10

A falta de placas deixa sen cartas aos veciños de Elviña

La Opinión de A Coruña
03/10/10
A Coruña

Víronse obrigados a colgar carteis coas súas novas direccións para que o carteiro non devolva as súas cartas e facturas e denuncian sentirse "ninguneados" polo Goberno municipal

Por se non lles chegaba coas expropiacións para construír a residencia universitaria, os veciños de Elviña-Castro levan tres meses sen correspondencia porque o Concello aínda non colocou os novos rótulos nas rúas do barrio, que cambiaron de nome hai máis de dous anos. Mentras o representante veciñal confesa sospeitar que son "ninguneados" desde María Pita por ser críticos co Executivo local, o edil de Infraestruturas avanza que a elaboración das placas xa foi adxudicada

Aida Mosquera A Coruña

Os veciños de Elviña-Castro levan cerca de tres meses sen recibir a súa correspondencia porque as rúas nas que viven carecen de rótulos actualizados que orienten os carteiros do servizo de Correos. O problema, explican, vén dos cambios realizados hai máis de dous anos co obxectivo de devolver ás direccións da zona os seus nomes tradicionais. Porén, denuncian, "esto non debería suceder porque, despois de que se aprobase en pleno a modificación, realizáronse os trámites oportunos no rexistro"; por este motivo, están convencidos de que "a culpa a ten o Goberno municipal", que aínda non colgou as placas informativas oportunas nas fachadas do barrio.


Un dos carteis colgados polos veciños nas portas das súas vivendas indicando a nova dirección. / carlos pardellas


"Aínda que o carteiro tamén ten parte de culpa porque nos consta que Correos recibiu do padrón municipal o novo plano cos nomes das rúas e os números dos portais, a quen responsabilizamos é ao Concello porque nós fixemos a parte que nos tocaba -trámites con Facenda, a Seguridade Social e o rexistro municipal- hai case un ano e seguimos esperando a que a Concellaría de Infraestruturas coloque unhas cantas placas", apostilla o presidente da Asociación de Veciños Os Rexumeiros, Carlos Maceiras. "En María Pita están ninguneándonos porque somos un barrio pouco complacente e bastante crítico", engade.

As críticas dos veciños óesen a diario na taberna do barrio onde Carmelo Seoane, o taberneiro, suliña ter presentado xa dúas denuncias contra Correos e lamenta "a deixadez total" do Executivo local cun barrio "que xa bastante ten coas expropiacións que sofre desde hai 25 anos".

O concelleiro de Infraestruturas, Esteban Lareo, asegura, porén, que a elaboración dos rótulos cos nomes das rúas estaba pendente de adxudicación e que, "agora que xa se adxudicaron", a próxima semana trasladará á empresa en cuestión que "a primeira tanda sexa para Elviña-Castro". Deste modo, en declaracións a este medio, o edil apunta que as rúas de San Vicente de Elviña "terán novas placas no que tarde a empresa adxudicataria en fabricalas e suministralas".

8/9/10

Protección Civil goza dun local financiado pola UE para os veciños

La Opinión de A Coruña
08/09/10
A Coruña

A agrupación utiliza en exclusiva un edificio de planta baixa en Elviña gracias á cesión do Concello. A asociación veciñal quéixase de que apenas rexistra actividade

A agrupación municipal de Protección Civil goza dun local na zona de Elviña, moi cerca do campus universitario, que foi financiado pola Unión Europea a cambio de que o utilizasen os veciños. Porén, o Concello cedeuno ao servizo de emerxencias para o seu uso exclusivo. A asociación de veciños da zona denuncia que as instalacións apenas rexistran actividade algunha e que o inmoble lle permitiría ampliar as actividades que actualmente ofrece aos residentes do barrio

M. Otero / A. Rodríguez A Coruña

A Agrupación Municipal de Protección Civil goza dun local en Elviña, nas cercanías do campus universitario, financiado con fondos procedentes da Unión Europea e reservado nun principio para actividades veciñais. En lugar diso, é o servizo de emerxencias municipal o que emplea estas instalacións con permiso do Concello, que llas cedeu para a sua utilización como oficinas.

A Asociación de Veciños Castro de Elviña, a quen nun primeir momento debía beneficiar a existencia do local, a praza e o polideportivo existentes na mesma parcela, confirma porén que o edificio apenas rexistra actividade, se acaso algún tipo de reunión esporádica.

A pesar diso, e debido á proximidade das instalacións ao campus universitario, é habitual ver xente nova no interior xogando ao baloncesto. "Parece abandonado, case non ten actividade nin nada", insisten desde a directiva da asociación de veciños.


Local cedido polo Concello a Protección Civil na zona de Elviña. / eduardo vicente


O local, antes de que o Concello decidise cederllo aos voluntarios de Protección Civil, xa pasou por outra etapa de abandono na que incluso, e segundo indican desde a entidad veciñal de Castro de Elviña, sufriu algúns roubos no seu interior. Posteriormente, reparáronse os danos e equipouse de novo o edificio de planta baixa, pero a partir dese momento pasou a figurar como de uso exclusivo da agrupación de emerxencias. A directiva da asociación de veciños recoñece que esas instalaciones lle permitirían organizar actividades que non poden levar a cabo no local que actualmente posee cedido polo Concello, pero que ninguén se puxo en contacto con eles para coñecer as suas preferencias.

O edificio encóntrase moi cerca do campus de Elviña, detrás da Facultade de Informática, e ademais da estructura de planta baixa dispón dunha pista polideportiva e unha zona de descanso con bancos e mesas. O local únese así á nómina de inmobles que utiliza o servizo de Protección Civil. Ademais destas instalacións, a agrupación ten a súa sede oficial na glorieta de Eduardo Diz López, moi cerca do parque de bombeiros. Tamén dispoñen dun local cedido pola Autoridade Portuaria na Dársena de Oza para os equipos de rescate marítimo de que dispoñen.

13/8/10

O proxecto prevé a conservación dos lavadoiros de San Vicente de Elviña, Feáns e Palavea

El Ideal Gallego
13/08/10
A Coruña
L.F. > A Coruña

A idea do Concello de privatizar o servizo de mantemento de todas as fontes da cidade, non só prevé a conservación dos elementos ornamentais. Na relación elaborada polo goberno municipal, inclúense algúns dos lavadoiros tradicionais, que se encontran ubicados nos escasos núcleos rurais que aínda perviven na cidade, como Feáns, San Vicente de Elviña ou Palavea. En moitos casos, estas estruturas forman parte do patrimonio cultural do barrio e aínda hai veciños que se sirven deles. Os lavadoiros carecen de dispositivos de bombeo, polo que a conservación será unicamente estrutural e de control das augas.

5/8/10

Os expropiados de Elviña avisan de que loitarán ata o final polas súas casas

Ideal Gallego
5/08/2010
Redacción

«Estamos dispostos a poñernos diante das máquinas para evitar que derruben as nosas casas». Un dos dous expropiados de Castro de Elviña que xa recibiron a orde de desaloxo da súa vivenda para o día 14, Lois Gómez, avisou onte de que tratará de impedir custe o que custe a demolición da propiedade se antes non se produce un acordo coa Xunta, que, entre outras cuestións, debería garantir o seu realoxo no núcleo. No outro inmoble que deberá quedar libre en menos de dez días, os seus propietarios, Mercedes Gómez e o seu pai, Perfecto Gómez, comparten a mesma postura que o seu veciño. Consideran que a forma de proceder do Goberno galego neste asunto foi, como mínimo, «irrespetuosa», pois en ningún caso, segundo denuncian, tívose en conta a súa opinión. Por iso, aseguran que farán todo ou ruído que sexa necesario para facer valer as súas reivindicacións.


As queixas á xestión dos responsables autonómicos son diversas, aínda que destacan que a falta de información e de consideración ao sentir dos afectados foi a tónica xeral durante os dous anos nos que se prolongaron as negociacións, cuxo punto final, se non o evitan antes, será o traslado destes tres residentes a dous pisos da avenida de Salvador de Madariaga, aos que accederán en réxime de aluguer, xa que non se lles ofreceu a opción de compra, confirmaron.

Muiñeiro
Que fago eu nun piso, que aínda por riba teño que pagar tódolos meses, pregúntase Perfecto Gómez; a piques de cumprir 80 anos, non concibe outra forma de vida fóra do núcleo no que residiu durante décadas e no que aínda se mantén activo grazas ao muíño que nos baixos da súa casa segue explotando e ao que boa parte da veciñanza leva as súas espigas de millo para transformar en fariña. É certo que o Executivo galego tivo en conta o cesamento do negocio á hora de calcular as indemnizacións, pero, para a familia, a cantidade resulta irrisoria. O negocio valórano tan só nun millón de pesetas (6.000 euros), vese claro a pouca consideración que teñen cara ás persoas, sinala a súa filla.


De feito, ao fío deste tema, os residentes poñen sobre a mesa outra cuestión que, baixo o seu punto de vista, non se abordou nin por parte da Administración autonómica nin tampouco da local: a conservación dos núcleos tradicionais. Luís Gómez lembra que nin de lonxe a superficie dos pisos que a Xunta porá á súa disposición compensará os máis de 6.000 metros cadrados que entre os inmobles e as leiras lindeiras serán absorbidos para a construción da residencia universitaria, nas que ambos os afectados teñen hortas das que se autoabastecen practicamente todo o ano. A este espazo súmanse outros 41.000 metros cadrados, procedentes de terreos que serán expropiados tamén a outros veciños de Castro de Elviña.

Segundo entende este residente, a actuación profundará aínda máis na destrución dun dos poucos ámbitos rurais que quedan na Coruña. É precisamente aquí cando reclama a intervención do Concello, pois, indica, no PXOM, Busquets apostaba claramente pola recuperación dos espazos tradicionais, todo o contrario do que se está a facer no Castro.

Xuntanza
Os afectados apelan á reunión que terán o día 18 co delegado da Xunta, Diego Calvo. No encontro, volverán retomar a formulación inicial, baseado en conseguir que o realoxo se produza na zona. Sería, comentan, a solución menos mala, que, por outra banda, aparece recollida na normativa que rexe a ampliación do campus universitario e que, din os veciños, a Xunta négase a acatar de maneira evidente.

Se esta premisa non chega a cumprirse, os expropiados aseguran que loitarán até o final para impedir os derrubes. Solicitan, para iso, o apoio de todo o barrio, que, segundo expresa Lois Gómez, tamén ten a espada de Damocles enriba, xa que a expansión da institución docente é un feito. Este non é un problema individual, é de todo o Castro de Elviña, conclúe.

3/7/10

Visitas guiadas ao castro

La Voz de Galicia
1/07/2010
A Coruña

Desde hoxe poderase visitar o castro de Elviña, de luns a venres ás 18 horas e as fins de semana ás 11. Unha guía acompañará aos visitantes, que non necesitan inscrición previa, e explicaralles gratuitamente os rasgos do recinto. Pódese acceder desde a Universidade.

17/4/10

Castro de Elviña organiza unha protesta na apertura da rúa de José María Luengo

El Ideal Gallego
17/04/10
A Coruña

R.L. > A Coruña

Advertiran de que sairían á rúa para reivindicar os seus dereitos e onte fixérono aproveitando a visita á zona de varios membros da corporación municipal e do reitor da Universidade, José María Barja. Os expropiados de Castro de Elviña, que terán que deixar as súas casas pola construción da residencia universitaria, concentráronse no campus durante o acto de inauguración da rúa adicada ao arqueólogo José María Luengo.

Os manifestantes presentáronse na zona con varias pancartas con consignas nas que reclamaban unha solución aos seus casos, que teñen o expediente paralizado pola falta de acordo entre o propio órgano educativo e a Xunta, sobre as condicións do realoxo e a compensación económica á que teñen dereito os afectados.


Un momento do acto do descubrimento da placa, que presidiu González-Garcés. GAGO

O concelleiro de Relacións Institucionales, Carlos González-Garcés, que presidiu o acto de homenaxe, así como a concelleira de Servicios Sociais, Silvia Longueira, que tamén acudiu ao encontro, conversaron durante varios minutos cos concentrados, aínda que non lograron deter as protestas.

Con todo, o evento levouse a cabo sen incidencias, xa que os veciños se mantiveron en silencio mentras tivo lugar a ceremonia, na que o edil dedicou palabras de homenaxe e agradecemento á labor de Luengo, fundador do Museo Arqueolóxico. Varios membros da familia acudiron ao lugar e agradeceron a distinción do Concello.

Ao seu término, as persoas concentradas retomaron as súas reivindicacións, con gritos e silbatos. Aparte de polos realoxos, os veciños tamén expresaron o seu malestar pola apertura desta nova vía ante o deficiente mantemento doutras rúa que se encontran, sobre todo, nos ámbitos rurais.


Máis información:

14/4/10

O arqueólogo José María Luengo dará nome a unha rúa en Elviña

La Opinión de A Coruña
13/04/10
A Coruña

Amigos dos Museos agradece a homenaxe ao impulsor do centro de San Antón


Redacción A Coruña

Unha rúa da zona do campus universitario, a corta distancia do Castro de Elviña, levará desde o próximo venres o nome de José María Luengo Martínez, o arqueólogo que dirixiu as primeiras escavacións no xacemento prerromano coruñés.

A asociación Amigos dos Museos de Galicia agradece ao Concello a concesión desta distinción ao home que foi ademais o creador do Museo Arqueolóxico da Coruña, instalado no castelo de San Antón. Os integrantes do colectivo asistirán ao acto de descubremento da placa da rúa, que será presidido polo alcalde, Javier Losada, e fletará un autobús para acudir ata o campus, que sairá ás 17.15 horas do Obelisco.

Luengo, nacido en Astorga, afincouse na Coruña por razóns profesionales, xa que foi funcionario do Estado e nombróuselle comisario de escavacións arqueolóxicas na provincia. Tras conseguir a cesión do castelo da bahía coruñesa, antiga prisión militar, foi o seu primeiro director entre 1965 e 1972.

O pasado mes de xaneiro o Concello aceptou a donación realizada pola filla de José María Luengo de 2.000 libros de contido histórico, así como de diversos mobles de gran valor e do arquivo persoal do investigador.

16/9/09

O castro de Elviña "prepárase" para unha nova campaña de escavacións no outono

El Ideal Gallego
14/09/09
A Coruña

O Concello segue avogando pola conservación do castro de Elviña sacando a concurso a contratación de dous servizos que contribuirán á mellora do ámbito. A intervención sobre a vexetación da zona, así como a presenza dun servizo de vixilancia para as próximas escavacións, son os proxectos máis inmediatos que facilitarán a súa conservación, así como o traballo dos arqueólogos.

Todos os labores executaranse unha vez pasado o período estival e baixo a dirección do director do Museo Arqueolóxico e arqueólogo, José María Bello. Este afirma que o principal obxectivo é limpar a maleza da zona, sobre todo daquelas partes periféricas que, debido á falta de presuposto, quedaron máis abandonadas. Iso si, tamén se procurará manter determinadas especies: "Cortaranse as árbores que non son autóctonas, e deixaremos outras coma os castiñeiros ou os loureiros", alega Bello.

A pesar da dificultade dos traballos debido á pendente do lugar, así como á súa dimensión, a vantaxe estará en que se poderán realizar os labores de poda durante o período dun ano.


Financiamento > Este proxecto esta cofinanciado nun 75% polo Ministerio de Fomento con cargo ao programa de rehabilitación do Patrimonio Histórico. O resto, será sufragado polo Concello. En total, os traballos de intervención sobre a vexetación contarán cun orzamento final de 195.123 euros que se adxudicaron, provisionalmente a Malveción S.L., por ser a proposición máis vantaxosa á hora de aplicar os requisitos establecidos nos pregos reguladores da contratación.

Pola súa banda, os servizos de vixilancia, contarán cun fondo de 59.653 euros e están adxudicados, a día de hoxe, a Protección de Patrimonios. Estes servizos xa estiveron activos durante as escavacións que se levaron a cabo durante os últimos meses. Así, tal e como relata José María Bello, as faenas realizáronse ao longo de seis meses, ata en días de fortes temporais. Dende xaneiro, ata finais do pasado mes de xuño, un grupo de arqueólogos estivo a traballar en Elviña sacando á luz superficies que aínda estaban ocultas.

Achados >Entre os descubrimentos realizados nos últimos meses, os especialistas encontraron restos dalgunha vasilla, pezas dun prato, así como anacos de tella, os cales confirman, unha vez máis, a presenza posterior dos romanos na zona.

A día de hoxe aínda se descoñece cando se levarán a cabo as próximas escavacións, algo que deberá tramitar a Xunta xunto coa Concellaría de Cultura. Iso si, as zonas nas que se levaron a cabo os últimos traballos xa están listas para que os arqueólogos continúen as faenas. Así, varios metros de lona cobren as franxas descubertas durante os pasados meses para que as condicións meteorolóxicas e os visitantes non dificulten a continuación das operacións que se deixaron iniciadas en xuño.

De momento, tampouco se pode dar unha data que concrete a finalización das escavacións, xa que, tal e como apunta o arqueólogo José María Bello, aínda poden quedar ao redor de tres hectáreas por escarvar. Poderíase dar o caso de que se encontrase unha muralla. Nese caso poderíase decidir se facela visible na súa totalidade ou, non dependendo do interese que puidese achegar.

14/5/09

Entrevista con Carlos Negreira


Hoxe á mañá a directiva da Asociación dos Rexumeiros reuniuse co concelleiro do PP da Coruña, Carlos Negreira para tratar os asuntos referidos ás expropiacións en Elviña.

Durante a entrevista abordouse principalmente o conflito social que está xerando a expansión do Campus de Elviña, no que se están a incumprir os compromisos de realoxo no entorno que estaban comprometidos, tanto pola Xunta como polo Concello da Coruña.

O principal motivo desta reunión foi precisamente o total abandono institucional ao que Concello somete os expropiados. O Concello non asinou os acordos de realoxo e non respondeu ás solicitudes de entrevista co alcalde o coa concelleira de urbanismo para abordar esta cuestión.

Desde a asociación veciñal enténdese que non se trata dunha cuestión de siglas políticas senón de Administracións. Neste sentido o presidente dos Rexumeiros, Carlos Maceiras, deixou claro que se acode ao grupo popular despois de que o goberno municipal non quixese falar do asunto do realoxo, incumprindo as súas promesas e a lexislación urbanística.

Agardamos pois desde Elviña que as xestións do Partido Popular poidan valer para acadar unha solución de realoxo que o Concello da Coruña ten nas súas mans.

Manifestación do 14 de maio de 1984


El Ideal Gallego.

14/05/09
Hai 25 anos >1984



Numerosos veciños de Castro de Elviña protagonizaron onte sábado un corte de tráfico na avenida de Alfonso Molina, por espazo duns vinte minutos, á altura do cruce de acceso ao barrio coa citada avenida.


A protesta veciñal está motivada pola supresión do antigo paso a causa do novo acceso á autopista. Os veciños consideran que o peche do acceso ao barrio “está totalmente inxustificado e obriga os vehículos procedentes da zona a dar unha volta de preto de dous quilómetros”.

Etnografía de Elviña

No marco de actividades programadas pola UDC para celebrar o Día das Letras Galegas, vaise presentar o traballo feito pola arqueóloga Ana Filgueira sobre a etnografía de Elviña.

Presentarase este luns 18 de maio á unha da tarde na casa do Lagar. Coa publicación deste traballo preténdese, en palabras do secretario xeral da UDC, Xosé Carril, devolverlle ao pobo o que lle é propio.

O traballo contén un estudo amplo sobre Elviña, sobre a vida agraria e as pegadas que deixou, así como os topónimos que enchen o noso val. Trátase dun estudo inmenso que toda persoa coñecedora de Elviña debería ler.

A ben seguro é un libro do que fai falta unha boa lectura, non só polo cariño e profesionalidade que demostra a súa autora, senón tamén pola necesidade de que os sectores de poder que se empeñan en ignorar e destruír Elviña aprendan algo.

Benvidas sexan todas as iniciativas que servan para coñecer Elviña.

9/5/09

Tráfico en Elviña

Cardador garante que se mellorará o tráfico en Castro de Elviña
La Opinión de A Coruña
A Coruña/metro 09/05/09

Redacción /A Coruña. O responsábel municipal das áreas de Tráfico e Seguridade Cidadá, Florencio Cardador, entrevistouse cos representantes dos veciños de Castro de Elviña, con quen se comprometeu a buscar solucións que melloren o tráfico na zona.


O primeiro compromiso de Cardador cos residentes foi falar con outras concellerías para deseñar un itinerario máis seguro que comunique o barrio co centro de saúde de Matogrande.

O responsábel de Tráfico destacou que tamén haberá que considerar o futuro plano de mobilidade, onde deberá incluírse a posibilidade de cambiar o sentido de circulación nalgunhas vías de Castro de Elviña para conseguir que sexan de sentido único e aumentar así a seguridade dos peóns.

Sobre a estrada que une o barrio coa Zapateira, Cardador afirmou que o acondicionamento da vía depende da Deputación, a quen instará para a construcción de beirarrúas e para que pinte e sinalice os pasos de peóns.

Os veciños tamén pediron ao concelleiro socialista que medie ante a Universidade da Coruña para que limpe e pinte as estradas do Campus que conectan con Castro de Elviña, así como ante a Xunta para acondicionar outras vías que son da súa titularidade.


______

Tamén na Voz de Galicia:

24/4/09

Festa do 1 de maio en Elviña


O vindeiro un de maio Elviña estará de festa.

Ás once da mañá empeza a I Xornada da tradición, que contará con xogos tradicionais e o popular concurso de tortillas e postres.


O programa é o seguinte:

11 h. Xogos tradicionais
14 h. Xantar
16 h. Continuación dos xogos
17.30 h. Entrega das tortillas e postres para o concurso
19 h. Pinchos e entrega de postres


Organizan Tempo Novo e Os Curriolos da Pescadería

Máis información en tempo-novo.blogspot.com