15/8/10

O derradeiro adeus aos recordos de Elviña

La Opinión de A Coruña
15/08/10
A Coruña

Os afectados pola residencia universitaria reclaman á Xunta un realoxo no entorno de Castro, como acordaran co bipartito, e rexeitan os pisos de Salvador de Madariaga

Seguen loitando, aínda que, máis que nunca, ven unha solución favorable aos seus intereses tan lonxe como cerca a demolición das súas casas e recordos. Os afectados pola construcción da residencia universitaria aseguran que non se opoñen ás expropiacións, pero esixen que os realoxen no entorno no que se criaron, como lles prometera o bipartito da Xunta, e non de aluguer nun piso da avenida Salvador de Madariaga, sen natureza ao seu arredor e sen sitio para coidar dos seus animais

Gemma Malvido A Coruña

Piden para eles a mesma protección que un baluarte que apareza baixo terra. Din que non se opoñen á expropiación, saben que as súas casas frenan agora o avance da Universidade, pero non se poden explicar como a Xunta pode obrigarlles a vivir nun piso cando levan toda a súa vida vindo o campo crecer, criando animais e mantendo en pé os negocios que, xa os seus ancestros iniciaran.




Os afectados pola construcción da residencia universitaria non entenden como, se a Xunta lles expropia máis de seis mil metros cadrados non ten nin noventa para facerlles unhas casiñas nas que poidan vivir sen afastarse do que, desde sempre, foi o seu fogar.



O que máis lles doe é ver como se esgota o tempo sen poder facer nada máis que esperar a que entren as pás a levarse todos os seus recordos, os seus esforzos e sudores por diante, para deixar o terreo como se nunca estivera alí.


Conseguiran un acordo co goberno bipartito da Xunta para ser realoxados no seu entorno, que é o único que piden, agora que xa non poden salvar as súas casas da queima; pero coa entrada do PP no Executivo autonómico ese pacto foi obviado e o único que lles ofrece o Instituto Galego de Vivenda e Solo é un pouco de diñeiro -algo máis de 300.000 euros por tres casas con terreo- e un aluguer reducido nun piso de protección oficial na avenida Salvador de Madariaga, sen xardín que coidar nin sitio para seguir coidando uns animaies que lles parecen xa "da familia".



Teñen claro que eles, das súas casas e polas boas, non pensan marchar sen unha solución que lles satisfaga, pero saben que, desde onte, o tempo corre na súa contra e que, en calquera momento, poden entrar as pás nuns terreos que non saben xa ata qué punto lles pertencen. Esperan que non pase nada irremediable ata o próximo mércoles, cando os recibirá o delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario