El Ideal Gallego
04/08/10
A Coruña
L.F. / H.H. > A Coruña
Os expropiados dos terreos de Castro de Elviña nos que se construirá a nova residencia universitaria, que deberán abandonar as sús casas o día 14 en virtude da orde emitida pola Xunta a mediados do mes pasado, recibiron onte o apoio do Concello. A concelleira de Servicios Sociais, Silvia Longueira, aproveitou unha comparecencia pública para ofrecer aos afectados todos os medios dispoñibles por parte do seu departamento, pese a que tamén quixo aclarar que o conflicto excede as competencias da administración municipal. “Non é un tema que me competa, pero estamos dispostos e preparados a axudar no caso de que se execute a orde de desaloxo”, indicou a edil, que, con todo, urxiu o Goberno galego a ofrecer unha solución efectiva aos veciñnos que deberán abandonar as súas vivendas en a penas dez días. Entende que o goberno local ten polo menos a “obriga moral de axudar” a estas persoas, por tratarse de residentes no municipio coruñés.
Emerxencia > Así, a socialista non descartou a posta en marcha de certos mecanismos de emerxencia, como un realoxo provisional en vivendas municipais, en caso de que os residentes non acaden un acordo co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), organismo autonómico que se encontra á frente das negociacións. Ante a advertencia dos expropiados de endurecer as súas protestas en caso de que a reunión fixada para o día 18 co delegado territorial da Xunta, Diego Calvo, non teña resultados satisfactorios para os seus intereses, Longueira expresou o seu respaldo a estas accións, sempre que sexan legais. “Desde a legalidade, o Concello está cos veciños e apoiará calquer tipo de reivindicación”, manifestou.
De maneira máis escueta pronunciouse sobre este asunto a Xunta, que, ante o aviso dos afectados de que incumplirán a orde de desaloxo ata que exista un acordo de reubicación en firme, argumentou que a data marcada inicialmente para proceder ao desafiuzamento é “tan só de carácter orientativo”. Con esta explicación, fontes do gabinete autonómico deixaron entrever que non forzarán o desaloxo do par de familias afectadas ata que ambas partes consensúen os untos do traslado e, tamén, as compensacións económicas que a Administración deberá abonar aos particulares polas súas propiedades. O portavoz veciñal do núcleo, Carlos Maceiras, confirmou ter recibido por parte do Executivo galego este compromiso, se ben dixo non fiarse. “Levamos tanto tempo negociando e fomos enganados tantas veces que xa non cremos ningunha promesa que nos fagan se non é por escrito”, apuntou.
Salvador de Madariaga > En todo caso, o Goberno galego quixo deixar claro que, “desde un principio” ofreceuse un aloxamento alternativo ás dúas familias que deberán abandonar as súas casas en dez días en sendos pisos da avenida de Salvador de Madariaga. Non obstante, polo momento aínda non está decidido se o acceso a estes inmobles se realizará en réxime de aluguer ou de compra. Así mesmo, os veciños esixen que o realoxo se faga no entorno de Castro de Elviña.
No hay comentarios:
Publicar un comentario