15/8/10

Veciños de Elviña vixiarán para evitar os desaloxos

Xornal de Galicia
15/08/10
A Coruña
A Xunta prometeulles que non botarían a xente ata a reunión dos afectados co delegado Diego Calvo
S. da Pena

Mañá cúmprese o prazo dado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para que dúas das once familias afectadas polas expropiacións para a residencia universitaria no barrio coruñés de Elviña-Castro abandonen os seus fogares. A pesar de que a Xunta se comprometeu cos veciños a non acometer o mandato mentres non se produza unha reunión co delegado Diego Calvo, os afectados non se fían e advirten de que montarán un pequeno retén xunto ás dúas primeiras vivendas ameazadas para evitar sustos.

Tras tres anos metidos en litixios para reclamar o realoxo na contorna e uns prezos xustos e unha visita en masa ao despacho do delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Diego Calvo –que segundo afirmaron persoas do seu departamento estaba de vacacións–, dúas familias atópanse con que o seu desaloxo debería facerse efectivo mañá sen conseguir nada do prometido.

Neste sentido, o presidente da Asociación de Veciños Elviña-Castro Os Rexumeiros, Carlos Maceiras, sinala que, segundo o Executivo autonómico, se paralizaron os desafiuzamento mentres non se produza a reunión dos veciños con Calvo, que está prevista para o próximo mércores pola mañá.

“Eles dixeron que non habería nada este sábado pero non o cremos e haberá un retén de garda arredor das casas que, no caso de pasar algo, avisará ao resto dos veciños”, explica Maceiras sobre o operativo de vixilancia.

Acordos inservibles

O representante veciñal aclara que non confían na palabra do Goberno galego porque no pasado, o propio Diego Calvo e un representante do IGVS, xa se comprometeran a non desaloxar a ninguén mentres non se firmaran uns documentos preparados polo bipartito. “Non temos confianza ningunha”, insiste.

A parte da protección das vivendas durante o día de mañá, Maceiras di que non teñen pensado outro tipo de actuacións como a visita á Xunta de hai dúas semanas, ata o día 18. “A nós parécenos que temos que reunirnos con Calvo que é o máximo responsable da Xunta na provincia da Coruña; está por riba de todos e se hai que dar unhas directrices as dará él”, sentenza Carlos Maceiras.

Porén, o muiñeiro do barrio e outra familia estarán a expensas do que suceda mañá. Segundo denunciaba Luis López durante a protesta no edificio da Administración autonómica na Coruña hai dúas semanas, á súa nai dánlle “sete millóns e medio por unha vivenda de 80 metros cadrados”. Como contrapartida, se lles ofreceu un piso na rúa Salvador de Madariaga, pero sería máis caro e téñeno que pagar.

Na construción da futura zona residencial de Elviña-Castro, que a pesares de contar cun presuposto de 24 millóns prexudicará economicamente a moitos veciños, están implicados o IGVS, a Consellería de Vivenda, a Universidade e o Concello de Coruña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario