1/3/10

Sacan á luz vinte metros da muralla exterior do castro de Elviña

La Voz de Galicia
01/03/10
A Coruña


Os arqueólogos encontran restos que apuntan a que a extensión del xacemento orixinal podería ser maior

R. Domínguez

O equipo municipal de arqueólogos, que dirixe Xosé María Bello, sacou á luz vinte metros de muralla no perímetro exterior do castro de Elviña. O achado produciuse nunha zona na que ata o momento atopábanse a ceo aberto uns catro metros do muro e, a xuízo do director do Museo Arqueolóxico, «hai que plantexarse a posibilidade de que o castro inicialmente fora moito máis grande do que pensabamos».
O achado dos 20 metros de muralla produciuse no perímetro exterior do castro CÉSAR QUIAN

Aínda que a fase de estudos e análises non concluíron, algúns indicios apuntan cara a hipótese de que nesa parte máis externa do xacemento puidese haber un asentamento anterior ao que ata agora se supoñía. «Detectamos unha ocupación antiga, que pensabamos que non había, ao lado da muralla exterior». O arqueólogo municipal indicou que ata agora pensábase que os restos da ocupación máis antiga, dos siglos III e IV antes de Cristo reducíanse á croa ou corazón do castro, totalmente arrasada por construcións posteriores, con vestixios do século II e I a.C.

Cerámica campanense
Porén, nas últimas escavacacións encontráronse fragmentos na parte exterior que son de cerámica campanense de Nápoles do século II e I a.C., similares aos que xa apareceran na zona interior. «Pode ser -explica Bello- que fose material arrastrado da parte darriba», de modo que os técnicos comprobarán se está rodado, o que reflictiría erosión polo arrastre, e esforzarase tamén por realizar una análise estratigráfica para fixar a cronoloxía, ademais de seguir escavando para comprobar se aparecen ou non materiais coetáneos, o que levaría a dar a hipótese por válida e concluír que, efectivamente, nesa zona do castro houbo un asentamento anterior ao coñecido ata o momento.

Os sucesivos estudos e achados determinaron ata o momento unha clara ocupación no século II, unha remodelación no III-IV e unha destrución do amurallamento no VI, coa aparición de restos xa enviados ao Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, que dirixe Bello, como un prato de cerámica africana. Ademais, encontráronse tamén pezas que inicialmente os especialistas cren que poderían inscribirse entre os séculos X e XIII, na Idade Media, que apuntarían a que Elviña estaba poboado coincidindo co momento de fundación da cidade da Coruña, que recibiu a carta puebla, o foro de urbe, en 1208.

A muralla agora encontrada ten, a xuízo de Bello, o interese de «crear monumento» cun valor didáctico relevante para os visitantes. Polo momento, mantense protexida por material plástico dado o endeble estado no que se encontra, que faría perigar o mantemento dos restos arqueolóxicos se se deixa exposta ao ataque das inclemencias meteorolóxicas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario