20/1/10

A UDC di que a viabilidade da residencia está garantizada

La Voz de Galicia
20/01/10
A Coruña

Recorda que hai máis de 8.000 alumnos que teñen que vivir en pisos de aluguer

Ana Lorenzo

Desde a Universidade da Coruña non tardaron en responder á Xunta sobre a posible viabilidade do futuro complexo residencial de Elviña, que está previsto comezar a levantar este mesmo ano. O vicerreitor de Infraestruturas, Xosé Lois Martínez, asegurou que «a viabilidade económica e social do servizo público da residencia universitaria están garantizadas pola gran demanda existente, de máis de 8.000 alumnos de Galicia e outras comunidades autónomas, que actualmente teñen que resolver o seu problema de aloxamento no mercado libre da vivenda de aluguer, na cidade máis cara de Galicia».

Neste sentido, recordou que hai máis de vinte anos que se aprobou o plan parcial do campus de Elviña, e que os estudantes coruñeses seguen «estando penalizados no sistema universitario español en xeral, e no sistema universitario galego en particular», porque ata o momento non dispoñen de ningunha praza de residencia pública. Ademais, e debido á entrada no novo espazo europeo de enseñanza superior, a UDC encóntrase en inferioridade de condicións, ao non poder ofrecer este servicio aos alumnos que procedan doutros países. «A penalización á que está sometida a Universidade da Coruña repercute na súa atractividade e na súa competitividade ante o plan de Bolonia. A UDC só entende un sistema universitario forte, sen desequilibrios internos nas ofertas de infraestruturas», afirmou Xosé Lois Martínez, que anunciou que a institución académica coruñesa alcanzará pronto os 25.000 universitarios, polo que precisa urxentemente poñer en marcha a residencia de Elviña.

O representante universitario ofreceu a súa total colaboración ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e comprometeuse a «asumir o mantemento e conservación da área residencial universitaria que se vai construír no campus de Elviña».

Prezos públicos
Pola súa parte, o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, tamén falou da residencia universitaria, e quixo puntualizar que «non é o mesmo viabilidade económica que rendibilidade económica. A Universidade da Coruña quere unha residencia universitaria pública con prezos públicos, que permita a mobilidade social ascendente que se establece na lei do sistema universitario galego». Así mesmo, destacou que a UDC xa se puxo en contacto co Concello e a Xunta para axilizar canto antes a construción do complexo residencial.

Unha actuación de 24,5 millóns de euros
A construción da residencia universitaria de Elviña -e a urbanización do seu entorno- suporá un desembolso aproximado de 24,5 millóns de euros, dos que a Xunta xa aportou para este año 10,7 millóns. Nas próximas semanas está previsto que se licite finalmente a obra y se coñeza o nome da empresa que levará a cabo o proxecto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario