14/10/11

A Universidade construíu sen licenza despachos en ´parkings´ de dúas facultades

La Opinión de A Coruña

A Coruña

14/10/2011


O exvicerreitor de Infraestruturas, destituído por unha actuación similar, xustifica esta iniciativa en que as obras serán legalizables mediante a aprobación do novo plan xeral, no que xa figuran



Despachos construídos nunha planta do aparcamento traseiro de Arquitectura Técnica. / Juan Varela


JOSÉ MANUEL GUTIÉRREZ A CORUÑA As dependencias administrativas e os despachos construídos pola Universidade nos aparcamentos da Escola de Arquitectura Técnica e da Facultade de Ciencias tamén se levaron a cabo sen a preceptiva licenza municipal e sen axustarse á normativa urbanística, segundo admitiu onte o exvicerreitor de Infraestruturas, Xosé Lois Martínez, quen xustificou esta actuación pola necesidade de non perder os fondos entregados anualmente pola Xunta para estes fins e porque o novo plan xeral, aínda en fase de tramitación, xa conten a modificación que fará posible a súa legalización.

Ambas obras vulneran neste momento a legalidade urbanística, xa que os aparcamentos, levantados con forma de edificios que salvan a pendente dos terreos, non podían ser modificados para albergar oficinas sen a previa autorización do Concello. O estacionamento de Arquitectura Técnica foi alterado en 2008 co fin de converter unha das súas plantas en zona administrativa, mentres que o de Ciencias conta tamén cunha planta para despachos que aínda non está concluída.

"A miña xestión axústase ás normas de comportamento da Universidade na súa relación co Concello en canto ao desenrolo do plan urbanístico", declarou onte Martínez en relación con este asunto, quen engadiu que ao longo do seu mandato, cumpriu "con todo rigor as indicacións" que lle deron ao incorporarse ao cargo en 2004. O xa exvicerreitor, destituído por José María Barja tras admitir en LA OPINIÓN que construíu sen licenza un edificio de aulas sobre un terreo destinado a aparcamento, eludiu confirmar se se informou á Universidade de que non era necesario que solicitase permisos municipais para as súas obras, e instou a que se pregunte aos técnicos da institución acerca desta cuestión.

"Entendo perfectamente a reacción do Goberno local", comentou sobre o anuncio de exixencia de responsabilidades sobre a súa xestión, aínda que sinalou que a actuación necesaria neste momento é "aclarar as cuestións entre a Universidade e o Concello nas que hai dúbidas". Martínez destacou que nos últimos anos propuxo varias modificacións do plan xeral para crear "un escenario no que as relacións entre a Universidade da Coruña e o Concello fosen totalmente ortodoxas desde o punto de vista urbanístico", entre as que cita o documento elaborado en 2004 para analizar as necesidades de solo na Universidad, que foi presentado tamén ás consellerías de Educación e Ordenación do Territorio e no que se indicaba a necesidade de expropiar terreos.

"Nunca se ocultou ningunha iniciativa da Universidade", puxo de relevo o tamén profesor da Escola de Arquitectura, quen detallou que en 2005 se fixo unha modificación do plan parcial da Universidade e en 2006 outra a petición do Concello, nas que se relacionan os terreos que deben converterse en solares para edificar. Cando posteriormente se iniciou a redacción do novo plan xeral, o Concello pediu a colaboración da Universidade, segundo recordou o exvicerreitor, polo que se facilitou información do solo e dos proxectos constructivos.

Martínez contrapuxo a actuación municipal ao expropiar 300.000 metros cadrados coa da Xunta, sendo a súa única iniciativa en dúas décadas a adquisición de 37.000 metros cadrados durante o goberno bipartito para a construción da residencia universitaria. O anterior responsable de Infraestruturas manifestou que a Universidade carece de solo para edificar desde hai oito anos e que a única licenza concedida da que ten coñecemento foie a da residencia, que posteriormente foi paralizada polo actual Goberno autonómico.

A Conferencia de Reitores, na que Martínez coordinaba a área de infraestruturas, reclamou que os plans urbanísticos das universidades se programen de forma adecuada, de forma que non se prolonguen "indefinidamente", como na Coruña, onde a súa tramitación se iniciou hai 21 anos e onde só se expropiaron 300.000 do millón de metros cadrados previstos.

"Incumpro a legalidade se actúo con ánimo de ocultalo", alega Martínez

Xosé Lois Martínez rexeitou que a construción de edificios sen licenza na Universidade constitúa unha ilegalidade. “Eu incumpro a legalidade se actúo con ánimo de ocultalo, pero a Universidade nunca tivo intención de ocultar nada”, explicou para xustificar a súa actuación.

O exvicerreitor destacou ademais que a institución académica “non constrúe para enriquecerse, senón para desenrolar un servicio público” e asegurou que non existe “ningún problema” por levantar edificios de forma ilegal “se se fai coas pautas de traballo normais”, xa que esta conduta estaría motivada pola carencia de espazo para alumnos e profesores nas facultades, que obrigaría a incumprir a normativa sobre as súas condicións de estudo e traballo.

Martínez advirte ademais sobre a falta de licenzas que o control da legalidade urbanística “non lle corresponde á Universidade” e que no campus de Elviña hai un reducido número de edificios, polo que a inspección por parte do Concello sería moi sinxela

No hay comentarios:

Publicar un comentario