29/11/09

Xa abonda tanta hipocrisía

Periodicamente saen publicadas en determinados xornais noticias sobre a Área Residencial Universitaria de Elviña, afirmando que a súa construción é inminente ou denunciando as trabas que pon a Administración na súa execución.

Nesas noticias frecuentes alúdese sempre á inexistencia dunha residencia pública no campus coruñés e á existencia de “infravivendas” para universitarios. Algún despistado podería crer, lendo o xornal, que os universitarios viven en “chabolas” preparadas para seren as súas vivendas. Mais é difícil que alguén sexa o suficientemente parvo para pensar que a necesidade dunha residencia universitaria está xustificada nun suposto chabolismo universitario. Ou, mirándoo do revés, é difícil pensar que haxa alguén tan memo como para fundamentar a necesidade dunha residencia universitaria na existencia de chabolas universitarias.

Cuestión diferente a esa visión sesgada sobre as chamadas “infravivendas” é o abuso no alugueiro a estudantes universitarios, tanto na Zapateira como na cidade.

Ben distinto ao argumento memo ou malintencionado, é a necesidade dunha residencia pública nun campus que acolle estudantes de diferente puntos do país. Porque habendo residencias universitarias, unha delas concertada coa propia universidade da Coruña, ninguén dubida do oportuno de ter unha residencia de carácter público.

E tras dicir isto
, esas mesmas noticias nunca falan sobre todos aqueles que perden as casas para que o avance do campus sexa posible, nin sobre os abusos aos que se ven sometidos.

Sobre esta cuestión entran moitas valoracións posibles de por que motivo nin a prensa nin a Universidade ven como un problema o desaloxo de veciños de Elviña. Nós podemos pensar que é un problema non poder adquirir nin un apartamento de 20 m2 co que che dan por unha casa de 100 m2, e outros poden pensar que é o máis xusto do mundo. Agora ben, expulsar a xente do seu entorno para poñer outra diferente ten un nome, especulación.

E alén dos criterios subxectivos, hai unha realidade contrastable, pois a normativa legal para o campus universitario vincula a súa área residencial ao realoxo dos veciños.

E pasando por alto a hipocrisía mediática e institucional, preguntámonos cando vai ser que a Universidade da Coruña teña a ben cumprir a normativa legal e realoxar os veciños expropiados.

«Pasou un ano máis e seguimos sen ter nin unha soa praza de residencia pública»

La Voz de Galicia
29/11/2009
A Coruña
Ana Lorenzo.
Xosé Lois Martínez, vicerreitor de Infraestruturas da Universidade da Coruña e un dos principais impulsores da residencia universitaria coruñesa, lamenta que todos os trámites para a construción deste complexo se dilatasen tanto no tempo, e que o proxecto aínda non estea en marcha. «Pasou un ano máis e seguimos sen ter nin unha soa praza de residencia pública na Coruña. Este é un tema que ten unha urxencia enorme», afirmou o responsable universitario.

Martínez recordou que, ademais dos prexuízos que se lle están causando aos estudantes da Universidade da Coruña, que teñen que alugar un piso ao prezo do mercado libre, os atrasos na construción desta residencia tamén teñen efectos sobre a economía da cidade. Segundo explica o vicerreitor de Infraestruturas, «nunha época de crise actual como a que está caendo, habería que resolver canto antes a adxudicación desta obra, non só polos membros da comunidade universitaria, senón polos postos de traballo que se crearán non sector da construción».

Cando finalmente se levante a área residencial de Elviña, a Universidade da Coruña contará con 650 prazas de aloxamento público, que non serán suficientes para dar solución aos preto de 14.000 estudantes e profesores cos que conta esta institución académica. Segundo os cálculos realizados polos responsables municipais e universitarios, preto de 10.000 persoas teñen que alugar un piso na cidade para pasar os nove meses do curso escolar, polo que se estima que se precisarían unhas 2.500 prazas de residencias universitarias para atender as necesidades máis urxentes.

A área residencial de Elviña adxudicarase a principios do 2010

La Voz de Galicia
29/11/2009
A Coruña.
Ana Lorenzo. A Coruña.
Logo de distintos atrancos e de case catro anos de trámites, a área residencial da Universidade da Coruña podería empezar a construírse a principios do próximo ano, data na que se estima que se realizará a adxudicación da obra, segundo informaron fontes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. De feito, nos orzamentos do 2010, a Xunta xa dispuxo unha partida de 10,7 millóns de euros para comezar a levantar esta residencia, a primeira pública coa que contará a UDC, a única universidade de Galicia que ata o momento non dispuña deste tipo de equipamentos.

Foi precisamente por este motivo polo que, no ano 2006, a anterior titular da Consellería de Vivenda, a nacionalista Teresa Táboas, xunto cos responsables da institución académica coruñesa, iniciaron os trámites para que este conxunto residencial fose unha realidade. O primeiro obstáculo co que se atoparon foi a planeamento urbanístico da cidade -datado no ano 1998- no que houbo que realizar unha modificación para poder construír este edificio. Despois de que a corporación municipal aprobase este cambio no PXOM, o acordo remitiuse a distintas consellerías para que desen o visto e prace, trámite que non superou cando chegou a Política Territorial. Este departamento autonómico detectou unha serie de incorrecciones e deficiencias, polo que devolveu o documento urbanístico ao goberno local coruñés para que as solucionase. Todo este proceso dilatouse no tempo entre os meses de febreiro e novembro do ano pasado, cando finalmente Política Territorial daba a súa aprobación definitiva á modificación do PXOM.
Infravivendas

Por estas mesmas datas, o descubrimento dun centenar de infravivendas no campus da Zapateira axudou a que se acelerasen os trámites para a construción da residencia universitaria. Así, ese mesmo mes de novembro solicitábase a licenza municipal para comezar as obras, e en decembro publicábase no Diario Oficial de Galicia a licitación da actuación, que contaría cun orzamento total de 24,5 millóns de euros e un prazo de execución que oscilaría entre os 24 e os 36 meses.

Vintetrés empresas presentáronse a este concurso, que se estimaba que estaría resolto no pasado mes de abril para iniciar as obras. Con todo, o cambio de Goberno na Xunta atrasou este último paso, ao que tamén se sumou o desacordo de moitos veciños afectados polas expropiacións das súas terras.

Finalmente, e segundo acaba de anunciar a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, todos os trámites parece que se resolveron, e que a primeira pedra da nova área residencial de Elviña se colocará a principios do próximo ano.

24/11/09

Hortas na cidade

Os coruñeses terán dous meses para presentar alegacións ao PXOM

La Voz de Galicia
24/11/2009
A Coruña

Losada desvelará hoxe se admite as correccións propostas
pola Xunta no informe previo ao planeamento


R.D.S. A Coruña. A xunta de goberno do Concello da Coruña aprobará hoxe o Plan Xeral de Ordenación Urbana elaborado polo equipo do urbanista Joan Busquets, tras a revisión realizadas a consecuencia do informe previo remitido o 31 de agosto pasado pola Consellería de Medio Ambiente.

A intención do executivo municipal é acelerar ao máximo a tramitación do documento, de forma que se remitirá de inmediato ao pleno para a súa aprobación incial. Será daquela cando se someta a exposición pública, abríndose un período de dous meses para que os coruñeses presenten as alegacións que consideren. Despois, o planeamento deberá volver a remitirse á Xunta para recibir a súa aprobación definitivsa antes de pasar de novo polo pleno. As previsións do Concello apuntan a que a mediados do 2010 estea plenamente vixente o PXOM.

Coa aprobación en xunta de goberno desvelarase até que punto se teñen consensuado as modificacións presentadas pola Administración autonómica no informe previo, que o alcalde cualificou de puntualizcións técnicas menores que non desautorizan o espíritu do planeamento.

Daquela Medio Ambiente calificara de irreal a financiación do PXOM, supeditada a transformacións de áreas de solo singulares -o porto, as estacións de buses e tren, ou a Fábrica de Armas- cuxo desenvolvemento dependería de convenios con outras Administracións aínda sen formalizar e aos que, segundo a norma autonómica, non se pode recurrir como instrumentos de ordenación territorial nin tampouco utilizarse para recalificacións que requiren unha modificación do plan.

Outro dos aspectos incluídos na revisión inicial da Xunta tiña que ver coa previsión de construcción de novas vivendas, non sustentada, a xuízo dos técnicos autonómicos, sobre unha base real. O cálculo, criticaron, realizárase tomando como base a auxe inmobiliaria do período 1999-2007.




13/11/09

Un tercio das entidades veciñais oponse á campaña en favor do L.

La Opinión de A Coruña
12/11/2009
A Coruña
A consulta sobre a cooficialidade do topónimo en galego
e castelán que promove a federación de veciños enfrenta aos asociados
MARCOS OTERO / PABLO LÓPEZ A CORUÑA. A oposición interna á consulta cidadá sobre o topónimo que promove a Federación de Asociacións de Veciños da Coruña e Área Metropolitana aumenta a medida que transcorren os días. Se o martes, cando a dirección da federación anunciou a súa intención de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas en favor da cooficialidade en galego e castelán do nome da cidade, eran cinco as asociacións contrarias á consulta, onte uníronselle outras seis. Á oposición das entidades de Monte Alto, Os Rosais, Agra do Orzán, Os Castros e San Pedro de Visma sumáronse a de Bens, O Portiño, a Cidade Vella, Mesoiro e Vío, Elviña-Castro e As Xubias, o que eleva a once a cifra de agrupacións opostas á iniciativa da federación.
Once das trinta asociacións adscritas ao órgano que as reúne na cidade[sic]. O resto secunda a consulta exposta pola federación, nuns casos baseándose no clima favorable que ao seu xuízo existe na cidade e noutros na potestade da federación para cuestionar os veciños sobre unha cuestión que lles afecta.
Pero os opositores responden que nin está nas competencias dunha asociación veciñal promover este tipo de consultas, nin supoñe un problema de especial relevancia, nin moito menos se encontra entre as preocupacións cotiás dos cidadáns. E ademais, protestan, ninguén desde a federación lles informou con anterioridade sobre a posibilidade de celebrar a consulta entre os veciños. Independentemente do que a cada asociación representada na federación lle poida parecer, vén dicir a presidenta da Asociación de Veciños da Cidade Vella, Rosa Quiroga, o más conveniente sería consultalo previamente con todos os asociados. Ou, no seu defecto, informar cando menos. Coa decisión xa tomada, Rosa Quiroga sitúase entre os que consideran que "a misión" da federación non é a de recoller rúbricas cidadás dirixidas a lograr a modificación dunha lei de carácter autonómico. Porque, aínda que o fin último sexa conseguir que tanto a forma castelá como galega do topónimo sexan oficiais, as sinaturas van encamiñadas a cambiar a Lei de Normalización Lingüística do ano 1983. "A Lei de Normalización Lingüística aposta claramente pola forma oficial galega dos topónimos de Galicia. Esta lei foi aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia para por fin á persecución dos topónimos galegos, moitas veces castelanizados de forma inculta", replicou onte a asociación de vecinos de Elviña-Castro nun comunicado.
As críticas desta entidade foron máis alá e apuntaron directamente á presidenta da federación de asociacións de veciños, Luisa Varela, á que acusan de ser a principal impulsora da iniciativa. Ao igual que outras das asociacións opostas á campaña para a recollida de sinaturas en favor do L no topónimo, a asociación de Elviña-Castro observa que a decisión da iniciativa corresponde de maneira "persoal e unilateral" á súa presidenta. O obxectivo, de acordo a esta entidade, é "lavarlle a cara ao grupo municipal do PSOE que votou en contra do topónimo La Coruña".
As asociacións partidarias da consulta rexeitan calquera tipo de propósito oculto na campaña que pretenden desenrolar na cidade e que arrancará esta mesma mañá en Santiago de Compostela coa solicitude ao Parlamento galego do permiso necesario para poder reunir as sinaturas e que estas teñan posteriormente consideración legal. A directiva da federación nega do mesmo modo que non se informara a todas as entidades asociadas; ben fora por correo convencional ou electrónico, comunicóuselles a todas as agrupacións a decisión adoptada.
Os opositores, en cambio, reprochan á xunta directiva da federación de asociacións de veciños que non tivese a mesma sensibilidade por outros asuntos que afectan á cidade.

11/11/09

Comunicado de prensa dos Rexumeiros sobre a consulta do topónimo

Co presente comunicado a Asociación de Veciños de Elviña e Castro de Elviña, quere mostrar a súa posición á consulta promovida pola Federación de Asociacións de Veciños a favor de oficializar o topónimo castelán da Coruña.

1. A lei de Normalización Lingüística aposta claramente pola forma oficial galega dos topónimos de Galicia. Esta lei foi aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia, para poñer fin á persecución dos topónimos galegos, moitas veces castelanizados dunha forma inculta.

2. En dúas ocasións levouse ao pleno municipal da Coruña o asunto de recoller como nome cooficial o topónimo "La Coruña". En ningún dos dous plenos se acadou un consenso, optándose polo topónimo legal A Coruña.

3. Entendemos que a consulta sobre o topónimo promovido pola Federación de Asociacións de Veciños parte dunha decisión persoal e unilateral da súa presidencia co obxectivo de lavarlle a cara ao grupo municipal do PSOE que votou en contra do topónimo "La Coruña", co alcalde á cabeza, e que logo lle enviou unha carta ao presidente da Xunta para que contemple o topónimo na súa forma castelanizada.

4. Lamentamos que habendo conflitos veciñais moito máis graves, a Federación se dedique a enredar con obxectivos partidistas, en lugar de solucionar os problemas do movemento veciñal.

Informática e Camiños contarán cun novo edificio compartido

La Voz de Galicia
A Coruña
10/11/2009

Ana Lorenzo.
A falta de espazo nas facultades de Informática e Camiños levou á vicerreitoría de Infraestruturas da Universidade da Coruña a deseñar un novo edificio anexo, que servirá para albergar os servizos de investigación, docencia e despachos dos profesores de ambos os dous centros. O proxecto, que foi redactado por César Portela Fernández, ten un orzamento próximo aos 4 millóns de euro, e será executado por módulos, inciándose a construcción do primeiro nas semanas vindeiras. A nova construcción (Fte. La Voz de Galicia)

Segundo explicou o vicerreitor responsábel deste iniciativa, Xosé Lois Martínez, "é un edificio que aglutina a investigación de Camiños e de Informática, e supón a creación dun edificio ligado ao concepto de universidade que plantexa o novo espazo europeo de ensinanza superior, e que supera a idea de ter un centro para cada titulación". Lembrou que, sobre todo a Facultade de Informática, "ten un problema gravísimo de falta de espazos", que se vai solventar con este novo inmoble, que se situará no lugar que agora ocupa o aparcamento de ambos centros universitarios (pola súa entrada principal), nunha zona moi próxima ao parque tecnolóxico.

Precisamente da posíbel conexión entre ambas construccións falou onte Xosé Lois Martínez, quen anunciou que grazas a un sistema de elevadores se resolverá o problema do desnivel de 20 metros de altura que existe entre o centro anexo das facultades de Informática e Camiños e os edificios que integran o Parque Tecnolóxico. Outra das novidades que traerá consigo a creación deste inmóbel compartido será a construcción dunha pasarela que permetirá o tránsito de profesores e alumnos desde alí até os centros universitarios. Ademais, no futuro, "e recollendo a proposta de Joan Busquets, se pretende facer un corredor que chegue desde estas facultades ata a estación de ferrocarril, enlazando ao Campus Center", explicou o vicerreitor de Infraestruturas.

Outros proxectos en marcha
(seguir lendo en
http://www.lavozdegalicia.es/coruna/2009/11/10/0003_8095678.htm)