30/4/09

Resolveuse o concurso do Campus Center

Onte compareceu ante á prensa o vicerreitor de Infraestruturas, Xosé Lois Martínez, para dar a coñecer o proxecto gañador do concurso para a construción da área central do Campus, o denominado Campus Center.

O concurso naceu coa idea de vertebrar o campus e ao tempo buscar un punto de encontro coa trama urbana da Coruña. Este proxecto vai facer das inmediacións do estadio universitario o centro neurálxico do campus.

O proxecto gañador foi o do arquitecto ourensán Juan López Villanueva que leva por título Trama 234. Planifica unha zona residencial para estudantes, cun amplo equipamento, con ximnasio incluído, así como un auditorio e edificios para albergar as vicerreitorías. Contará cunha estación intermodal de bus e tren.

O investimento previsto é de máis de trinta millóns de euros a desenvolver en varias fases.

Trátase dunha boa noticia para Elviña, pois é dos primeiros proxectos que non contempla nin a expropiación abusiva sobre as terras de Elviña nin a destrución sistemática do territorio.

Segundo recolle a prensa, o equipo reitoral destacou que durante moitos anos a cidade mirou para o campus como algo alleo, incapaz de integralo na dinámica urbana.

É paradoxal, pois en Elviña levamos tempo reclamando que a Universidade deixe de vernos como algo alleo, e que empece a se integrar no noso territorio, sen ter que estragar nin o noso val nin o noso modo de vida.

Máis INFO:
La Voz de Galicia
La Opinion de A Coruña

24/4/09

Festa do 1 de maio en Elviña


O vindeiro un de maio Elviña estará de festa.

Ás once da mañá empeza a I Xornada da tradición, que contará con xogos tradicionais e o popular concurso de tortillas e postres.


O programa é o seguinte:

11 h. Xogos tradicionais
14 h. Xantar
16 h. Continuación dos xogos
17.30 h. Entrega das tortillas e postres para o concurso
19 h. Pinchos e entrega de postres


Organizan Tempo Novo e Os Curriolos da Pescadería

Máis información en tempo-novo.blogspot.com

A Universidade perde alumnos

La Opinión de A Coruña
Coruña /Metro
23/04/09
Avaliación do curso universitario 2007-2008
Os alumnos danlle as costas


A memoria da Universidade da Coruña do curso pasado reflicte que a institución perdeu 5.000 matriculados do primeiro ciclo nos últimos cinco anos.

A causa de que os alumnos deixaran de engrosar as listas de matriculados nas carreiras da Universidade da Coruña pódese buscar en infinidade de estatísticas, unha pode ser a que di que hai un descenso demográfico, outra a dos estudantes que deixaron de selo porque xa están titulados e a última pódese encontrar na moda que, en ocasións, prima unhas carreiras sobre outras prometendo “máis saídas laborais”.

A Universidade perdeu un total de 5.000 alumnos en cinco anos, aínda que a media de matriculados total se mantén en 24.000 universitarios, porque, aos novos, se unen os de terceiro ciclo e os investigadores
.


G. MALVIDO / P. LÓPEZ A CORUÑA. A Universidade da Coruña perde alumnos, tanto que a entidade xestiona 5.000 matrículas menos que hai cinco anos, segundo recolle o Informe do Reitor ao Claustro do ano pasado. Aínda así, mantense na media dos 24.000 estudantes matriculados.

Os centros que máis perden son os que acollen as titulacións de Relacións Laborais, que pasan de ter 906 alumnos no curso 2002-2003 a tan só 373 matriculados neste exercicio. 533 son moitas baixas para unha soa escola universitaria, pero non é a única que supera a liña do medio milleiro de matrículas perdidas; na cola da lista aparece a Faculdade de Ciencias que chega a unha diferencia de 528 alumnos menos respecto ao curso 2002-2003. A vicerreitora de Organización, Ana Dorotea Tarrío, asegura que este descenso ten moitas explicacións aínda que só unha concreta e é que o descenso demográfico fíxose notar nas matrículas de todas as universidades de España. Malia que esta razón podería rebaterse cos datos da escola de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos que seguiu coa súa tendencia ascendente durante estes cinco anos.

Ningunha das carreiras que oferta a Universidade da Coruña conta cunha taxa de eficiencia do cento por cen, -os seus alumnos precisan matricularse varias veces nas mesmas materias para conseguir aprobalas- , por iso, a media de duración dos estudos excede, en todos os casos, á dos anos estipulados no programa universitario para cursalos. A carreira que máis se achega á perfección da eficiencia é a Licenciatura en Comunicación Audiovisual e é que, co seu 91,88%, a media dos alumnos consigue terminala en pouco máis de dous anos; sen embargo, a titulación que conta cun rexistro máis baixo de eficiencia é a especialidade en electrónica industrial de Enxeñería Técnica Industrial. Os seus alumnos tardan algo máis de seis anos para lograr terminala.

Cando comezou o curso 2008-2009 o ex conselleiro delegado de Inditex, José María Castellano, -o encargado de pronunciar o discurso de apertura do novo ciclo universitario- non vacilou en criticar a política da Universidade que a levaba a gastar o cuádruple nun alumno matriculado en Humanidades que en outro da Licenciatura de Dereito, o que provocou un debate aberto entre os membros da comunidade universitaria, entre os que ven un dispendio en manter titulacións duplicadas con outras universidades e os que cren que , como organismo público, a Universidade debe dedicarse a formar os seus alumnos, sen reparar no gasto que supón. Castellano apuntábase no bando dos primeiros. “Hay medios para formar a 10.000 alumnos en lengua gallega, aunque después sólo sean cinco los estudiantes”, manifestou o ex conselleiro de Inditex. Os alumnos, porén, reivindicaron desde as aulas que se mantivese o orzamento que viñan tendo e buscaron na xestión da Universidade as causas que os levaban a ser menos matriculados cada ano.

Para os máis optimistas, os que queiran ver a parte boa dos datos, pódense recrear na teoría que defende a vicerreitora de Organización, Ana Dorotea Tarrío, e é que, cada ano, os alumnos terminan os seus estudos e, en troques de engrosar as listas de matriculados en primeiro ciclo, únense á dos alumnos de másteres, doutoramentos e de grupos de investigación.

Unhas cifras que aumentaron, moito máis que a matrícula de primeiros alumnos. O número de convenios e contratos de investigación da Universidade da Coruña con empresas e Administracións Públicas pasou de 119 a 286 en seis anos e o importe que manexan –a pesar de que subiu e baixou co paso dos anos- acadou os dez millóns de euros, cando no 2003 apenas superaba os tres millóns de euros.

Son 64 os novos doutores que a Universidade recoñeceu durante o ano pasado –tan só un dos candidatos ao cargo de doutor non conseguiu superar a lectura da tese e quedouse no intento de aprobar.- Esta cifra é inferior á rexistrada nos primeiros anos do novo milenio, no que as teses lidas eran máis de 80.

O equipo do reitor confía en que a adaptación das titulacións ao Plano Boloña e a súa conversión en grados faga os estudos universitarios máis atractivos para os rapaces que acaban o Bacharelato.

A billa, ademais dos alumnos, cerrárono tamén algunhas das empresas que colaboran cos universitarios á hora de entregarlles bolsas e de facilitarlles contratos de traballo. A Consellería de Educación reduciu as súas axudas aos estudantes do terceiro ciclo dedicados á investigación de 38 bolsas a 21 e a Universidade deixou de entregar 16 axudas a este tipo de estudantes.

Para algúns son modas, para outros influencias dos medios que uns anos pregoan que serán as carreiras técnicas as que máis saídas teñan e, outros, que o futuro está nas letras. Para Ana Dorotea é algo case aleatorio que unhas titulacións teñan que restrinxir o seu número de prazas para acoller os alumnos de nova matriculación e outras non conten co mínimo para facer unha clase con diferentes grupos. Non depende dos cartos, pero asegura que a chegada do Plano Boloña conseguirá que os grados sexan máis atractivos porque os estudos “se todo se fai como se debe” se realizarán en menos tempo e con máis calidade.

Para os que escolleron carreiras que quedan agora na cola da lista, como as que menos alumnos de primeiro ciclo aglutinan nas súas aulas, defenden a súa decisión: “Sempre se necesitarán profesores de inglés”, asegura Raquel Pastoriza ao inicio deste curso. “Coaccionan a xente para que escolla determinadas carreiras”, defendíase a estudante de Socioloxía Jennifer Cotelo, quen reivindicaba os dereitos dos alumnos das carreiras minoritarias –coma a súa- xa que o prezo da matrícula non se ver reducido porque as súas leccións se impartan nunha faculdade que, co tempo, se queda cada curso máis deserta.

O reitor da Universidade, José María Barja, ante o envite lanzado por Castellano no seu discurso de apertura do curso, asegurou que a entidade que dirixe “planea que non desapareza ningunha titulación” e defende a idea totalmente oposta, que o proceso de Boloña sexa capaz de atraer á cidade e aos seus campus novos grados e diferentes maneiras de entender e de enfrontarse ao mundo laboral.

22/4/09

Comunicado de prensa dos veciños de Elviña-Castro

A asociación de veciños Os Rexumeiros de Elviña e Castro quere expresar o seu fondo malestar pola absoluta falta de respecto institucional das Consellerías de Vivenda e Industria e do Concello da Coruña para cos veciños expropiados de vivenda para a ampliación do Campus de Elviña, xa que logo incumpriron os compromisos de realoxo que estaban xa negociados e consensuados.

Despois dun ano de negociacións para chegar a un acordo que atendese ao cumprimento da legalidade urbanística que esixía realoxar os veciños expropiados polo campus; despois de que o alcalde da Coruña maniféstase publicamente o compromiso do concello de realoxar os veciños de Castro de Elviña; despois de que os Delegados de Vivenda e Industria se comprometesen a asinar o documento pactado para tal fin; despois de todo iso vemos que todos eses compromisos caeron en saco roto.

É por eses motivos que desde a nosa asociación consideramos culpábeis dunha auténtica tomadura de pelo aos responsábeis da Consellería de Vivenda que cesan, así como ao Concello da Coruña.


Faixa de protesta veciñal na avenida da Vedra

Resulta unha total incoherencia política dos responsábeis que xestionaban as institucións implicadas, que asinen os expedientes de expropiación e a licitación das obras para ampliar o Campus Universitario (Área Residencial Universitaria e Parque Tecnolóxico) sen preocuparse de que once familias vaian ser expulsadas das súas casas.

Parécenos impresentábel que unha Administración pública xogue coas vidas dos veciños comprometéndose a realoxalos para logo deixalos na estacada coa única realidade de documentos oficiais nos que se lles expropia as súas vivendas.

Agardamos que o novo Goberno da Xunta e as súas Consellerías funcionen como unha verdadeira Administración e asinen os compromisos de realoxo acordados coa anterior.

Asociación de Veciños os Rexumeiros de Elviña e Castro
A Xunta Directiva
En Castro de Elviña a 18 de abril de 2009