7/7/11

Barcón cualifica de "irrenunciábel" a residencia universitaria pública



El Ideal Gallego

A Coruña

07/07/2011




Débora García>A Coruña


A construcción dunha residencia universitaria en Elviña, o neste caso a paralización do proxecto, segue a ser un tema de gran controversia a nivel municipal. A portavoz do grupo socialista, Mar Barcón, sostiña onte que a devandita residencia é irrenunciábel para que a Universidade da Coruña poda "garantir e potenciar" a súa calidade e o seu nivel educativo e de servizos.


Barcón reprochou a Carlos Negreira o "ter incumprido" algunhas das súas promesas electorais, permitindo que a Xunta anunciase no Diario Oficial de Galicia do pasado 11 de xuño a anulación do proxecto.


A portavoz socialista explicou a disposición que ten o seu partido de estudar diferentes fórmulas para poñer en marcha a residencia. "Cremos que se pode realizar en dúas fases, dar servizos complementarios que se paguen ou incluso modificar o proxecto, pero non paralizalo", afirmou.


Lembrou tamén que para facer posíbel a construcción dunha residencia universitaria pública se levaron a cabo unha serie de expropiacións nos terreos da zona de Elviña que foron posíbeis "grazas aos impostos de todos os coruñeses".


Para Barcón, a cidade "puxo moito da súa parte" para que a Universidade sexa un referente educativo e por iso demandou "ese mesmo compromiso" por parte da Xunta.

Mar Barcón realizaba estas declaración tras manter unha entrevista oficial co reitor da UDC, José María Barja. A portavoz socialista estivo acompañada por representantes do seu grupo municipal, como Nieves Vázquez e Yoya Neira.


Durante o encontro, Barcón ofreceu o apoio do PSOE a todos os proxectos que se leven a cabo desde a Universidade. "Explicamos ao reitor as nosas prioridades e démoslle o noso apoio desde a oposición a todas as iniciativas e demandas que poidan ter".


Ademais da paralización da residencia, os socialistar tamén criticaron o desleixo que está mostrando a Xunta a respeito dos proxectos de investigación que se levan a cabo na UDC e que se manteñen bloqueados de cara ao vindeiro curso, no que cualificaron como unha xestión "absurda" por parte da Consellaría de Educación. Mar Barcón lembrou que a Universidade é unha "empresa de enorme calado e prestixio" na cidade e que supón perto de dous mil postos de traballo para A Coruña.