1/12/11

As obras do Ofimático reactívanse

La Voz de Galicia

1/12/2011

A Coruña


Gabriel Lemos/ A Coruña


As máquinas volveron onte ao Ofimático. O día que se cumprían catro meses desde que o Concello decretase a suspensión temporal das obras de urbanización do ámbito, alegando que non era posíbel continuar cos traballos até que se solucionasen os trámites administrativos e se indemnizase aos propietarios dos terreos, as obras reactiváronse.

Máquina traballando onte. Eduardo Pérez.


De momento, a empresa adxudicataria do proxecto, Acciona, empezou o traballo de roza dos terreos máis próximos ao colexio dos Maristas, en Eirís, onde se colocarán parte das cooperativas que levantarán edificios de vivenda protexida no ámbito. O edil de urbanismo, Martín Fernández Prado, apuntou hai uns días que os traballos comezarían por esta zona e pola máis próxima a Monelos, a outra bolsa de solo reservada aos cooperativistas.

Unha vez liberados os terreos, aos traballos de roza seguiralle o movemento de terras, para alcanzar a cota de urbanización necesaria para poder iniciar a construción dos edificios. De feito, o Concello garantiu aos cooperativistas que se permitiría facer a un tempo as obras de urbanización e as de construción.

Unha posibilidade que, de momento, se descarta, xa que os cooperativista prefiren agardar a que se resolva o proceso de reversión das terras iniciado pola Xunta. De momento, prefiren non arriscar coa tramitación da licenza e co abono do importe correspondente, antes de teren a seguridade absoluta de que o Goberno galego lles adxudica de forma definitiva as parcelas.

Reversión

Para iso terán que agardar, cando menos, até xaneiro, que é o mes no que a Consellaría de Infraestruturas prevé concluír o proceso de reversión, pendente agora de que os propietarios orixinais das terras acepten ou non o prezo fixado polo xurado de expropiación para proceder á súa devolución. E é que, tras anos de preito, a Xustiza deulles a razón e determinou que as terras que lles foran expropiadas de forma forzosa hai vinte anos non se vai destinar ao uso previsto inicialmente, polo que ordenou ofrecer a súa devolución.

A Xunta fíxoo ao prezo d 212 euros por metro cadrado, que agora o Xulgado de Expropiación eleva a unha media de 260. Unha oferta que non convenceu aos expropiados, que volveron aos tribunais para denunciar ao Instituto Galego de Vivenda e Solo por dobre venda, ao entender que se lles ofrecen uns terreos que xa foron adxudicados a cooperativistas e promotores privados.

Porén, a Xunta insiste en que a principios deste mes, cando recibiron as notificacións do Xurado de Expropiación, empezou a correr o prazo de tres meses para aceptar ou rexeitar o prezo taxado. Entenden que se non consignan o importe fixado polo organismo taxador, decaerá o dereito de reversión e poderán proceder a entregar xa os terreos ás cooperativas.

Non o ven así os avogados dos cooperativistas, que xa anunciaron a presentación dun recurso contencioso-administrativo contra o proceso de reversión, no que se pedirían tamén medidas cautelares para que se suspenda o proceso de reversión mentres se resolve o contencioso.

Pero, en paralelo a este proceso, o Concello terá que avanzar na urbanización, para o que pactou con algúns residentes o seu realoxo. En paralelo tamén, xiraranse aos promotores as cotas que permitirán facer do Ofimático unha realidade.

É o custo total das obras de urbanización do parque Ofimático de 42 millóns de euros.