27/11/11

Visita do cantidato a reitor Alejandro Pazos a Elviña




26/11/2011



Na mañá de hoxe, sábado 26 de novembro, Alejandro Pazos reuniuse con varios veciños de San Vicente de Elviña para coñecer de cerca a actual problemática sobre as expropiacións que veñen sufrindo desde hai xa varios anos.




A parroquia de San Vicente de Elviña está composta por dous núcleos rurais e agrarios de casas con hortas que están separados, á vez que rodeados, polo campus de Elviña. Moitos dos residentes neste barrio teñen ou herdaron terreos que ao longo dos últimos años víronse afectados por expropiacións debidas á expansión da Universidade e que, segundo explicaron os portavoces do veciñanza, foron valorados a un prezo excesivamente baixo, afectando profundamente a vida de diversas familias que levan vivindo na zona durante xeracións enteiras.



Durante a reunión, Alejandro Pazos debateu cos veciños algunhas posibles solucións ao problema, que tratará de aplicar en caso de ser elixido Reitor da UDC nas próximas eleccións.

24/11/11

A Xunta renuncia ao proxecto da residencia de Elviña polo que pagou 669.000 euros

La Opinión de A Coruña

24/11/2011


Aida Mosquera A Coruña


Primeiro optou por cambiar de sistema e encargar a xestión e construción da residencia universitaria a unha empresa privada e, agora, renuncia tamén ao deseño do proxecto. A Xunta rescindiu o contrato de dirección de obra do complexo residencial do campus de Elviña e deixa de lado un traballo polo que pagou un total de 669.647,31 euros ao estudo catalán Aq4 Arquitectura. Abaratar o custe da obra é o motivo aducido pola Consellería de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, que agora se compromete a sacar a concurso un proxecto máis "accesible" para o aloxamento universitario.

"Un malgasto dos recursos públicos". Así define o departamento encabezado polo conselleiro Agustín Hernández o proxecto escollido polo anterior Goberno galego para a execución das vivendas para profesores e estudantes. "Quen nos antecedeu na Xunta mantén unha postura incoherente ao criticar centros como o Gaiás e defender unha residencia cun importe de construción desorbitado", explican desde a Consellería de Infraestruturas, que, segundo as mesmas fontes, "vaina facer (a residencia) por menos da metade do que pretendía investir Teresa Táboas (exconselleira de Vivenda) e sen perder prestacións". Aínda que, cun ou outro proxecto, a instalación xa non será de carácter exclusivamente público, algo que sempre demandou o Reitorado para que a da Coruña deixe de ser "a única universidade galega sen residencia pública".

Dado que tanto a construción das vivendas e a urbanización da contorna contaba cun orzamento de 19,7 millóns de euros, a "metade" da que fala agora a Xunta supón un importe de cerca de dez millóns.

A construción, e xestión, do complexo residencial será en réxime de concesión a causa, tal e como xustificou a Xunta cando a principios de xuño publicou no Diario Oficial de Galicia a súa decisión, da "falta de fondos públicos". Dita concesión administrativa a unha entidade privada aparece reflectida nos orzamentos anunciados polo Executivo galego para 2012: 280.000 euros durante o próximo ano e 196.000, 168.000 e 280.000 euros para as anualidades de 2013, 2014 e 2015, respectivamente.

A idea de construír unha residencia universitaria na Coruña comezou planificarse en abril de 2006, cando a entón conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, anunciou que licitaría a obra en canto fose aceptada a modificación puntual do plan xeral da cidade. E así foi. A finais dese ano, a Xunta adxudicou o traballo a Aq4 Arquitectura, o mesmo estudio que posteriormente firmou o contrato de dirección de obra. Desde entón e ata 2008, o estudo remitiu a San Caetano o anteproxecto, o proxecto básico, o proxecto de execución, a modificación do plan parcial do campus de Elviña e o desenvolvemento do proxecto construtivo con madeira galega, tal e como solicitara Táboas. Segundo o estudo, a Xunta pagoulle 669.647,31 euros por eses traballos.

A Consellería volverá licitar o deseño do aloxamento de Elviña e, aínda que garante que o novo proxecto ofrecerá "as mesmas prestacións" que o anterior, precisa que terá que ser "máis accesible" para adecuarse á situación de "crise". O traballo de Aq4 Arquitectura estaba pensado para acoller máis de 600 usuarios, entre profesores, alumnos e investigadores da Universidade da Coruña, e dispoñía de espazos de reunión.

17/11/11

Os cooperativistas urxen acelerar as obras do Ofimático tras o seu desbloqueo



El Ideal Gallego

16/11/11

A Coruña




C.R.>A Coruña


Os cooperativistas, xunto aos expropiados, son os primeiros afectados polo desbloqueo da urbanización do Parque Ofimático. As familias que investiron na construción dun piso que aínda non existe están desexando que comecen a levantarse os edificios, aínda que para iso é necesario que se inicie a urbanización dos predios., algo que poderá acontecer en breve tras o anuncio do luns do Concello. Desde a cooperativa principal do proxecto, Cofuncovi, séntense satisfeitos pola decisión de retomar a urbanización e agora o que solicitan é celeridade nas obras.

“Agora, que empecen e que empecen a bo ritmo para poder comezar a construír o antes posíbel”, declara o portavoz José Ramón Mosquera. Este responsábel admite que o goberno local cumpriu o seu compromiso de levantar a paralización antes do 21 de novembro, pero ao mesmo tempo dubida de que fose necesaria esta actuación. “Non o sei, se cadra non facía falta tela suspendida –a urbanización-, a tramitación podería terse feito sen suspendela”, considera.

En canto á liberación das terras, cre que se lle deu a razón aos cooperativistas, que defendías que se iniciasen os traballos naquelas parcelas non ocupadas. “Hai terras de sobra” afirma o portavoz. De feito, o executivo local decidiu deixar as persoas que viven no polígono permanezan nas súas casas até que a súa estadía impida o avance do proxecto.

Pese a todo, José Ramón Mosquera prefire evitar polémicas e mostrar a súa satisfacción pola noticia de que de forma “inminente”, conforme o anunciou o concelleiro de Urbanismo, poderían entrar as máquinas no Ofimático. O portavoz de Cofuncovi si ten, porén, unha petición para a Xunta, que se lles adxudique canto antes as parcelas. Nunha reunión que mantiveron con responsábeis do goberno galego en xuño, falóuselles dos meses de novembro ou decembro para a entrega de soares, pero se teme que este prazo se dilate dado que aínda non concluíu o proceso de reversión que ten por obxecto devolver as terras aos que no seu día foran expropiados para construír un parque empresarial.

PSOE> Os socialistas son máis duros que os afectados. A portavoz do grupo, Mar Barcón, considera que a paralización respondeu “a un capricho persoal de Negreira” para defender “os intereses da Xunta”, “que gañou tempo para intentar resolver o seu preito cos propietarios orixinais dos terreos do polígono”, denuncia.
O PSOE lembra que 350 familias están agardando a unha vivenda na contorna, que contará con mil pisos de protección. “E un investimento de máis de corenta millóns paralizado, freando a economía da cidade”, critica a edil.

14/11/11

O BNG acusa ao Concello de perder catro meses co Ofimático

La Voz de Galicia

14/11/11

A Coruña



EFE/ A Coruña


O portavoz municipal do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, asegurou hoxe que a decisión do Concello de levantar a suspensión temporal das obras de urbanización do Parque Ofimático, o novo barrio da cidade «demostra» que non había razóns para paralizalas en xullo.


«O goberno municipal perdeu catro meses no Ofimático», manifestou Carril, para quen tras esta decisión del executivo local se escondía a intención de «facerlle o xogo á Xunta».


“Se agora se poden executar parcialmente as obras sen dispoñer totalmente dos terreos –ao seguir ocupadas as vivendas–, por que non se fixo o mesmo no mes de xullo e se fai agora en campaña electoral?” preguntou Carril.


Ler máis en:

O Concello da Coruña levanta a suspensión temporal das obras do Parque Ofimático

La Voz de Galicia

14/11/11

A Coruña



EFE/A Coruña


O Concello da Coruña anunciou hoxe o levantamento da suspensión temporal das obras de urbanización do Parque Ofimático, o novo barrio da cidade.

En só tres meses tras aprobar a suspensión, realizáronse todas as xestións necesarias que nos permiten reiniciar xa os traballos cumprindo o compromiso municipal de facelo no menor tempo posíbel” remarcou o responsábel municipal de Urbanismo, Martín Fernández Prado.
Esta decisión, apuntou Fernández Prado, permite “dispoñer de forma efectiva dun ámbito coherente e homoxéneo” para comezar as obras na zona de vivendas destinada aos cooperativistas.

“A día de hoxe, aínda non se pode ocupar de forma efectiva a totalidade do solo porque aínda existen vivendas habitadas, pero si podemos ocupar xa unha primeira fase para que comecen as obras, e que coincide co ámbito onde se construirán as vivendas dos cooperativistas, que é o que todos queremos e para o que estamos traballando”, explicou.

“Cómpre lembrar que aínda que non se suspenderan temporalmente as obras, faríamos as mesmas accións que fixemos con elas suspensas, pero así logramos a garantía de que a adxudicataria renunciase ás posíbeis indemnizacións deste período de paralización”, matizou.
Fernández Prado asegurou que este “é un paso máis dun camiño longo”. De feito, os orzamentos do ano vindeiro dedican unha partida de 9,16 millóns de euros para o proxecto de urbanización do Parque Ofimático.


“É unha cifra estimativa, xa que dependerá da axilidade coa que os propietarios dos terreos paguen as cotas de urbanización”, afirmou.


6/11/11

Cooperativistas do Ofimático recalcan que a Xunta debe indemnizar aos expropiados

La Opinión de A Coruña

06/11/11

A Coruña



TANIA SUÁREZ A CORUÑA "Hai un proxecto de reparcelación firme desde maio de 2010. As fincas orixinais non existen, por iso non cabe a reversión", recalca José Ramón Mosquera, portavoz dos cooperativistas do Parque Ofimático. Os particulares que impulsarán as obras de urbanización da zona situada entre Eirís e Matogrande advirten á Xunta de que deberá indemnizar os propietarios das terras aos que expropiou entre 1993 e 1994 para construír un parque de oficinas, xa que recualificou as fincas para construír vivendas.


Fincas no Ofimático. Fran Martínez



O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza condenou ao Executivo galego a devolver os soares aos seus donos e, no caso de non ser posíbel, indemnizalos. O Instituto Galego da Vivenda e Solo ofreceu a algúns dos expropiados os seus antigos soares, ante o que responderon esta semana presentando unha denuncia nos xulgados, xa que consideran que o director do organismo puido incorrer nun delito porque pretende devolverlles unhas fincas que xa vendeu aos cooperativistas.


"Non sei se o que pretenden é gañar tempo. Non considero a posibilidade de que nos deixen sen os nosos terreos porque hai un convenio e teñen unhas obrigas con nós que teñen que cumprir. A estas alturas non ten moito sentido que veñan con ese conto", recalca Mosquera, quen esixe ao Goberno autonómico que deixe os cooperativistas "á marxe" do problema que ten cos expropiados. Oos particulares que pagarán parte das obras demandan que os traballos comecen "canto antes" e avogan porque o Instituto Galego da Vivenda e Solo indemnice os antigos propietarios dos soares,xa que sosteñen que é "imposíbel" que lles devolva as fincas que recualificou.

5/11/11

O xurado de expropiación sobe un 20% o prezo do solo do Ofimático

La Voz de Galicia

03/11/11

A Coruña


Gabriel Lemos


O xurado de expropiación de Galiza xa fixou o prezo definitivo do solo sobre o que se levantará o futuro Parque Ofimático. É que, despois de que a Xunta abrise o proceso de reversión para devolver aos propietarios orixinais os terreos que lles foran expropiados hai vinte anos, en cumprimento dunha sentencia xudicial, estes últimos rexeitaron o prezo fixado polo goberno galego, obrigando a recorrer á taxación do organismo independente.

E a revisión non foi favorábel para os seus intereses. Así, fronte aos 212 euros que reclamaba a Xunta cando abriu o proceso, o xurado de expropiación fixa agora o valor medio dos terreos en 260 euros, aínda que o prezo varía para cada propietario, en función das características de cada predio, baremando factores como a situación dentro do polígono.

O organismo, no que toman parte nas decisións profesionais dos colexios de arquitectos, enxeñeiros, economistas e notarios, empezou a enviar as comunicacións aos propietarios orixinarios, un proceso que se prolongará durante as vindeiras semanas. A partir do momento no que reciban a notificación, os propietarios orixinarios terán un prazo de tres meses para aboar o importe fixado polo xurado de expropiación. En caso contrario, avanza a Xunta, entenderase que renuncian ao dereito de reversión e que os terreos pasan a estar a disposición do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Segundo a última previsión do Goberno galego, os predios estarían libres en xaneiro, momento no que procederían a entregárllelas ás tres cooperativas de vivenda protexida ás que lles foron adxudicadas provisionalmente en marzo de 2009 e ao resto de promotores privados.

En calquera caso, os representantes legais dos propietarios orixinarios dos predios xa amosaron a súa desconformidade co proceso de reversión aberto pola Xunta, tanto no relativo ao prezo como no que respecta á devolución das terras, que ao seu xuízo xa non é posíbel, polo que anunciaron que tomarán medidas legais. En concreto, o bufete que representa a meirande parte dos expropiados advertiu hai uns días que se querelarán contra a Xunta por ofrecerlles terreos xa vendidos.

O debate do Ofimático chegou onte até o Parlamento de Galiza, onde os socialistas denunciaron a paralización das obras mentres os populares que a súa xestión permitiu desbloquear a tramitación do proxecto.