19/8/10

A Xunta accede a realoxar de forma temporal aos expropiados de Castro de Elviña no propio núcleo

El Ideal Gallego
19/08/10
A Coruña


Os expropiados de Castro de Elviña para construír a residencia universitaria respiran desde onte algo máis aliviados, ao conseguir arrancarlle ao delegado da Xunta, Diego Calvo, o compromiso de que o seu realoxo temporal se realizará no propio núcleo no que residen desde hai varias décadas e non nos pisos propostos polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), na avenida de Salvador de Madariaga. Así mesmo, ambas partes acordaron negociar no prazo dun mes unha proposta de realoxo. Ata entón, o Goberno galego garante aos expropiados que non executará a orde de desaloxo emitida para dous dos propietarios, prazo que expirou o pasado día 14.

Lorena Fernández > A Coruña

“Menos preocupados”. Así saíron onte da reunión co delegado da Xunta, Diego Calvo, os expropiados de Castro de Elviña pola construcción da residencia universitaria. Aínda que os afectados se presentaron no encontro con escasas expectativas, saíron del cun principio de acordo baixo o brazo, a través do que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) accede a que o realoxo temporal dos veciños se leve a cabo no propio núcleo, tal como demandaran desde un primeiro momento.




Mentras se levan a cabo os traballos do novo complexo estudiantil, as dúas familias que actualmente residen nas vivendas que deberán ser derribadas poderán trasladarse a outras casas da zona, en vez de aos pisos ofrecidos inicialmente pola Administración galega, na avenida de Salvador de Madariaga. Aínda que os responsables do organismo autonómico manteñen esta opción, agora tamén se ofrecen a pagar aos expropiados o importe de aluguer máximo fixado por ley para que eles mesmos escollan o inmoble no que queren vivir. “Alí hai casas que se encontran deshabitadas e que poden ser alugadas polos afectados”, manifestou o representante do barrio, que considera “que, sen dúbida, o cambio é para mellor, porque alomenos poderán manter os seus hábitos de vida no entorno”.

Acta > A acta asinada polos asistentes á reunión reflexa ademais o compromiso do Executivo galego de non executar a orde de desaloxo, prazo que expirou hai cinco días, sen que se plasme por escrito a proposta de realoxo, para o que ambas partes se fixaron un período dun mes para a súa negociación. Segundo Maceiras, a base deste documento serán as condicións acordadas coa Xunta anterior, que quedaron en suspenso coa chegada do novo Goberno, en 2009, pero que, entre outros puntos, xa prevía a reubicación no entorno. A intención é, a partir do caso concreto das familias afectadas pola residencia, elaborar un “texto básico” que sirva de “marco” para o resto de expropiacións neste lugar, pois na ampliación do campus encóntranse diversas administracións implicadas que, en total, prevén a afectación dunha docena de casas. “O que queremos é que todas as administracións teñan que facer o mesmo á hora de expropiar, para que todos os veciños teñan as mesmas condicións”, manifestou o representante vecinal.

Satisfacción > Para os donos das fincas nas que xa se levou a cabo o levantamento das actas de ocupación, o preacordo acadado con Calvo resulta satisfactorio. “Polo menos quédache a tranquilidade de non estar todos os días pensando sobre cando virán a botarte”, manifestou unha das afectadas, Mercedes Gómez, que adiantou que nestes días comenzará a buscar unha nova casa nas inmediacións á que poder trasladarse xunto a seu pai, Perfecto Gómez, que, no baixo da vivenda na que aínda residen, rexenta o último muíño en activo da cidade.

Outros links:

http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/xunta-paga-realojo-expropiados-elvina/idEdicion-2010-08-19/idNoticia-580952/

http://www.lavozdegalicia.es/coruna/2010/08/19/0003_8677344.htm

http://www.elmundo.es/elmundo/2010/08/18/galicia/1282136371.html

http://www.abc.es/agencias/noticia.asp?noticia=489175

http://www.laopinioncoruna.es/coruna/2010/08/19/xunta-retoma-proyecto-anterior-realojar-vecinos-zona/411899.html

15/8/10

Os expropiados de Elviña vixían as súas casas tras concluír o prazo para o desaloxo

El Ideal Gallego
15/08/10
A Coruña


R.L. > A Coruña

Os veciños de Castro de Elviña montaron un dispositivo de vixiancia co que intentarán disuadir á Xunta da súa intención de derribar as súa casas. Onte cumpríase o prazo para que os inquilinos de dúas vivendas, das 12 expropiadas para a construcción da residencia universitaria, abandonen os seus domicilios. “Que manden á Policía se é que teñen valor para facelo, nos esperaremos eiquí a que veñan”, indicaba enoxado un dos expropiados do entorno universitario. Os propietarios néganse a marchar ata que a administración autonómica lles garantice que serán realoxados no entorno, tal e como acordara nun principio coa Xunta do bipartito. Agora, co novo goberno galego, os afectados denuncian que ese pacto se rompeu e o Instituto Galego de Vivenda e Solo ofrécelles pisos de protección oficial en Salvador de Madariaga.




Segundo un dos veciños implicados no desaloxo, Luis Gómez –que debería abandonado a súa casa onte, tras recibir unha acta oficial na que se lle daba de prazo un mes para saír do seu domicilio–, continuarán montando gardas para evitar o paso das máquinas da Xunta. “Diego Calvo asegurounos que ata que nos reciba non haberá ningunha demolición, pero do único que temos constancia oficial é do noso desaloxo”, explica.

Neste sentido, o popular recibiraos o próximo día 18 co obxectivo de solucionar o abandono destes inmobles e o realoxo nun lugar do barrio. O problema reside en que a zona na que pensan reubicar aos damnificados e o diñeiro que lles ofrecen por cada metro cadrado das súas vivendas. “Dábannos por 80 metros cadrados 47.000 euros, un pouco máis de sete millóns de pesetas e para comprar un piso en Salvador de Madariaga, o que queremos é vivir no noso barrio e coas mesmas comodidades”, sinala Gómez.


Proxecto > Os residentes advirten de que nun primeiro momento a construcción da residencia ía acompañada dunhas vivendas que se otorgarían aos perxudicados pola expropiación. “Como mínimo iso sería máis xusto que mandarnos a outro barrio e con peores condiciones de vida”, sentencia Gómez. Por outro lado, respecto á postura da concelleira de Servicios Sociales, Silvia Longueira, que tendeu a man aos expropiados a semana pasada, os veciños esixen que o Concello se involucre en maior grado no conflicto. Sosteñen que como coruñeses que son deberían estar mellor representados polo goberno local. “O Concello podería decirlle á Xunta que non acepta estes realoxos noutra parte da cidade, por exemplo”, sinala Gómez. Así mesmo, outro dos residentes de Elviña que debería deixar a súa propiedade, Perfecto Gómez, aseguraba onte que non ten a intención de facelo e tamén montou garda no porche da súa vivenda “polo que poida pasar”. Haberá que esperar á próxima semana para saber se se fan efectivas as expropiacións antes de acadar un acordo co delegado da Xunta na Coruña. Os afectados pediranlle a Calvo que recupere ol plan do pacto que acordaron co anterior goberno bipartito. En dito acordo planteouse a posibilidade de abonar por metro cadrado, unha cantidad superior aos 800 euros por metro cadrado.

Outros links:

Veciños de Elviña vixiarán para evitar os desaloxos

Xornal de Galicia
15/08/10
A Coruña
A Xunta prometeulles que non botarían a xente ata a reunión dos afectados co delegado Diego Calvo
S. da Pena

Mañá cúmprese o prazo dado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para que dúas das once familias afectadas polas expropiacións para a residencia universitaria no barrio coruñés de Elviña-Castro abandonen os seus fogares. A pesar de que a Xunta se comprometeu cos veciños a non acometer o mandato mentres non se produza unha reunión co delegado Diego Calvo, os afectados non se fían e advirten de que montarán un pequeno retén xunto ás dúas primeiras vivendas ameazadas para evitar sustos.

Tras tres anos metidos en litixios para reclamar o realoxo na contorna e uns prezos xustos e unha visita en masa ao despacho do delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Diego Calvo –que segundo afirmaron persoas do seu departamento estaba de vacacións–, dúas familias atópanse con que o seu desaloxo debería facerse efectivo mañá sen conseguir nada do prometido.

Neste sentido, o presidente da Asociación de Veciños Elviña-Castro Os Rexumeiros, Carlos Maceiras, sinala que, segundo o Executivo autonómico, se paralizaron os desafiuzamento mentres non se produza a reunión dos veciños con Calvo, que está prevista para o próximo mércores pola mañá.

“Eles dixeron que non habería nada este sábado pero non o cremos e haberá un retén de garda arredor das casas que, no caso de pasar algo, avisará ao resto dos veciños”, explica Maceiras sobre o operativo de vixilancia.

Acordos inservibles

O representante veciñal aclara que non confían na palabra do Goberno galego porque no pasado, o propio Diego Calvo e un representante do IGVS, xa se comprometeran a non desaloxar a ninguén mentres non se firmaran uns documentos preparados polo bipartito. “Non temos confianza ningunha”, insiste.

A parte da protección das vivendas durante o día de mañá, Maceiras di que non teñen pensado outro tipo de actuacións como a visita á Xunta de hai dúas semanas, ata o día 18. “A nós parécenos que temos que reunirnos con Calvo que é o máximo responsable da Xunta na provincia da Coruña; está por riba de todos e se hai que dar unhas directrices as dará él”, sentenza Carlos Maceiras.

Porén, o muiñeiro do barrio e outra familia estarán a expensas do que suceda mañá. Segundo denunciaba Luis López durante a protesta no edificio da Administración autonómica na Coruña hai dúas semanas, á súa nai dánlle “sete millóns e medio por unha vivenda de 80 metros cadrados”. Como contrapartida, se lles ofreceu un piso na rúa Salvador de Madariaga, pero sería máis caro e téñeno que pagar.

Na construción da futura zona residencial de Elviña-Castro, que a pesares de contar cun presuposto de 24 millóns prexudicará economicamente a moitos veciños, están implicados o IGVS, a Consellería de Vivenda, a Universidade e o Concello de Coruña.

O derradeiro adeus aos recordos de Elviña

La Opinión de A Coruña
15/08/10
A Coruña

Os afectados pola residencia universitaria reclaman á Xunta un realoxo no entorno de Castro, como acordaran co bipartito, e rexeitan os pisos de Salvador de Madariaga

Seguen loitando, aínda que, máis que nunca, ven unha solución favorable aos seus intereses tan lonxe como cerca a demolición das súas casas e recordos. Os afectados pola construcción da residencia universitaria aseguran que non se opoñen ás expropiacións, pero esixen que os realoxen no entorno no que se criaron, como lles prometera o bipartito da Xunta, e non de aluguer nun piso da avenida Salvador de Madariaga, sen natureza ao seu arredor e sen sitio para coidar dos seus animais

Gemma Malvido A Coruña

Piden para eles a mesma protección que un baluarte que apareza baixo terra. Din que non se opoñen á expropiación, saben que as súas casas frenan agora o avance da Universidade, pero non se poden explicar como a Xunta pode obrigarlles a vivir nun piso cando levan toda a súa vida vindo o campo crecer, criando animais e mantendo en pé os negocios que, xa os seus ancestros iniciaran.




Os afectados pola construcción da residencia universitaria non entenden como, se a Xunta lles expropia máis de seis mil metros cadrados non ten nin noventa para facerlles unhas casiñas nas que poidan vivir sen afastarse do que, desde sempre, foi o seu fogar.



O que máis lles doe é ver como se esgota o tempo sen poder facer nada máis que esperar a que entren as pás a levarse todos os seus recordos, os seus esforzos e sudores por diante, para deixar o terreo como se nunca estivera alí.


Conseguiran un acordo co goberno bipartito da Xunta para ser realoxados no seu entorno, que é o único que piden, agora que xa non poden salvar as súas casas da queima; pero coa entrada do PP no Executivo autonómico ese pacto foi obviado e o único que lles ofrece o Instituto Galego de Vivenda e Solo é un pouco de diñeiro -algo máis de 300.000 euros por tres casas con terreo- e un aluguer reducido nun piso de protección oficial na avenida Salvador de Madariaga, sen xardín que coidar nin sitio para seguir coidando uns animaies que lles parecen xa "da familia".



Teñen claro que eles, das súas casas e polas boas, non pensan marchar sen unha solución que lles satisfaga, pero saben que, desde onte, o tempo corre na súa contra e que, en calquera momento, poden entrar as pás nuns terreos que non saben xa ata qué punto lles pertencen. Esperan que non pase nada irremediable ata o próximo mércoles, cando os recibirá o delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo.

13/8/10

O proxecto prevé a conservación dos lavadoiros de San Vicente de Elviña, Feáns e Palavea

El Ideal Gallego
13/08/10
A Coruña
L.F. > A Coruña

A idea do Concello de privatizar o servizo de mantemento de todas as fontes da cidade, non só prevé a conservación dos elementos ornamentais. Na relación elaborada polo goberno municipal, inclúense algúns dos lavadoiros tradicionais, que se encontran ubicados nos escasos núcleos rurais que aínda perviven na cidade, como Feáns, San Vicente de Elviña ou Palavea. En moitos casos, estas estruturas forman parte do patrimonio cultural do barrio e aínda hai veciños que se sirven deles. Os lavadoiros carecen de dispositivos de bombeo, polo que a conservación será unicamente estrutural e de control das augas.

10/8/10

Propietarios ao son do "non nos moverán"

La Opinión de A Coruña
10/08/10
A Coruña

Os veciños de Elviña desafían á Xunta e anuncian a permanencia nas súas casas ata que haxa un texto firme de realoxo

De mudanza a ningunha parte. Así se plantexan a xornada do sábado os veciños expropiados da zona de Elviña. Os propietarios néganse a cumprir o prazo que a Xunta lles deu hai un mes para abandonar os seus fogares e que finaliza o próximo sábado. Os afectados esixen un texto que contemple un realoxo provisional na zona, tal e como prometeu a Xunta, e non en Salvador de Madariaga, tal e como pretende agora o Goberno galego. A reunión con Diego Calvo farase esperar ata o próximo día 18

Judit Esteve A Coruña

Os veciños expropiados pola Xunta en Elviña para poder construír a residencia universitaria pública ratificáronse onte no seu propósito de continuar nas súas vivendas ata que a Administración autonómica cumpra "co acordo inicial" e lles outorgue unha casa provisional "nas inmediacións do barrio" ata que se realice o realoxo definitivo, tal e como comentou o representante da asociación veciñal, Carlos Maceiras.

Os propietarios teñen de prazo ata este sábado para abandonar as súas casas, mentras que a reunión co delegado provincial da Xunta, Diego Calvo, na que se debería chegar a un acordo de realoxo, non se celebrará ata o próximo día 18. Deste modo, os propietarios das vivendas desafiuciadas deberían abandonar os seus fogares catro días antes de que se celebre a reunión na que a Xunta se comprometeu a dar unha solución para o realoxo provisional.

O Goberno autonómico contactou cos veciños de Elviña para anunciarlles que a data para abandonar as vivendas sería este sábado día 14 de agosto, aviso que tivo lugar "hai un mes", tal e como argumentou o portavoz dos residentes no barrio, que calificou o prazo como "unha agresión". O presidente da asociación de veciños denunciou o incumprimento deste pacto por parte da Xunta co argumento de que o ente pretende "un realoxo provisional en Salvador de Madariaga", algo ao que os veciños se negan en rotundo porque a promesa inicial foi "a búsqueda dunha vivenda no barrio de Elviña".


Os veciños quéixanse, en abril, ante a iniciativa de expropiación da Xunta. / Eduardo Vicente


O texto inicial outorgaba aos veciños o dereito de non abandonar as súas casas sin firmar antes un documento de realoxo, que ademais debía efectuarse "na mesma zona" onde o Goberno autonómico levou a cabo as once expropiacións, segundo denunciou Maceiras.

"Non nos iremos das nosas casas ata que non teñamos un texto de realoxo provisional na mesma zona debaixo do brazo", sentenciou Maceiras. O portavoz dos afectados quixo deixar claro que os veciños non se negan a continuar coas negociacións, senón que rexeitan saír dos seus fogares antes de lograr un acordo definitivo. Maceiras argumentou esta decisión colectiva e alegou que se se van "antes de tempo" a Xunta se olvidará deles e os tomará por "parvos".

Os afectados están "pendentes do día 14 de agosto", apostillou Maceiras, á vez que indicou que ese día estarían todos os veciños "alerta" ante o que poida suceder nalgunha das vivendas. O portavoz dos propietarios desafiuzados añadiu que o sábado os residentes no barrio estarán "atentos aos seus móbiles". As once familias sobre as que pesa a orde de desaloxo estarán perfectamente comunicadas ao largo da xornada na que vence o prazo para abandonar os seus fogares.

Os residentes de Castro de Elviña tomaron "unha medida previa hai dúas semanas", segundo relatou Maceiras. Uns trinta residentes citáronse o pasado venres 23 de xullo para presentarse no despacho do delegado provincial. Os afectados ían con intención de non saír de alí "sen un acordo co representante provincial", declarou o portavoz dos expropiados, á vez que lamentou que aquel día Calvo estivese "de vacacións", polo que os residentes abandonaron a oficina do delegado provincial. Maceiras declarou que a situación no barrio é de "tranquilidade", á vez que mostrou o seu desexo de lograr un acordo.

6/8/10

O 100% dos veciños de Castro de Elviña rexeitaría mudarse de barrio

El Ideal Gallego
06/08/10
A Coruña

L.F. > A Coruña

A negativa das dúas familias de expropiados pola residencia universitaria, que o día 14 deberán abandonar as súas casas, a abandonar o núcleo de Castro de Elviña non é illada. O resto dos seus veciños tamén se mostran reacios a deixar a zona, un dos últimos ámbitos rurais da cidade, en perigo de desaparición, ante a expansión da entidade docente e outras infraestruturas. Así o revela un estudio elaborado pola delegación do Colexio de Arquitectos (COAG), que sinala que o 100% dos residentes neste entorno síntese satisfeito co lugar no que vive e non preferiría residir noutro barrio nin noutra localidade. A análise, enmarcada no proxecto “A cidade dos barrios”, que desde hai meses sesenvolve a entidade, sinala tamén que o ambiente e o marco de relación cos seus conveciños é o aspecto máis valorado polos habitantes. Ata un 84% das persoas consultadas comparten esta opinión, expresada xa por un dos afectados polo derrube da súa casa, Perfecto Gómez, que ante o ofrecemento da Xunta de ser realoxado nun piso da avenida de Salvador de Madariaga se mostrou escéptico sobre as súas posibilidades de adaptación, ante o cambio de estilo de vida. “O falar cos veciños todos os días, o plantar a horta ou moer o millo agora acabouse”, manifestaba.




Costumes > Como mostra dos costumes, a enquisa realizada demostra que sete de cada dez veciños se desprazan cada día entre un e dous kilómetros camiñando, un resultado practicamente oposto aos obtidos noutros puntos da Coruña, onde os cidadáns confesaron cubrir andando apenas 500 metros cada día.

Con todo, os veciños tamén se mostran moi críticos ao indicar de forma maioritaria o seu descontento cos equipamentos e servizos dos que dispón o núcleo, que en moitos casos resultan básicos, como unhas boas comunicacións ou unha rede de saneamento ou alumbrado completa. Detrás do 67% que sinala que este aspecto é a principal desvantaxe que existe á hora de residir en Castro de Elviña, encóntrase outro 25% en desacordo coas estruturas do barrio, marcado pola dispersión entre todas as súas vivendas.

Pese ás diferencias existentes entre este núcleo tradicional e o resto de espacios urbáns, os veciños da zona din sentirse moi vinculados coa Coruña, unha cuestión que na práctica totalidade dos casos se debe a motivos laborais e tamén de ocio. Desta forma, cerca da mitade dos habitantes pasean pola zona centro polo menos unha vez cada mes, se ben o 38% faino en máis dunha ocasión á semana.