La Opinión de A Coruña
30/05/10
A Coruña
A candidatura coruñesa xa conta co apoio dos Concellos da Coruña e Ferrol, e da Deputación. O Reitorado aínda non presentou o proxecto á Consellería de Educación
Aida Mosquera. A Coruña
A Universidade da Coruña presentará mañá ao Ministerio de Educación o proxecto Tecnologías para la sostenibilidad económica, social y ambiental, co que aspira a converterse en Campus de Excelencia Internacional e para o que conta xa co apoio de institucións como a Deputación, os Concellos da Coruña e de Ferrol, e a Universidade de Vigo, e de empresas como Navantia e Inditex, o que abre a porta á entrada de capital privado nunha Universidade que, a pesar de todo, asegura que loitará por manter a súa filosofía de servizo público.
O programa Campus de Excelencia Internacional ten como obxectivo principal situar as universidades españolas entre as mellores de Europa, promovendo o recoñecemento internacional e apoiando os puntos fortes do sistema universitario. Para a Universidade coruñesa, a importancia do proxecto está na dinamización do seu entorno, desde un punto de vista económico, social, cultural e deportivo, como medio para lograr un campus estreitamente relacionado coa cidade e a evolución da mesma. Unha relación que non pode deixar de lado ao sector empresarial e, por tanto, á inversión privada.
No caso da industria ferrolá Navantia, o reitor José María Barja cualificou a adhesión de "fundamental", precisamente pola vinculación existente entre os asteleiros de Ferrol e Fene coas enxeñerías industrial, naval e oceánica que se imparten no campus de Esteiro. Trátase, segundo o vicerreitor de Cultura e Comunicación, Luís Caparrós, de que as empresas e institucións "sintan o proxecto como seu e o respalden" desde a mesma fase de presentación.
Porén, e ao contrario que as universidades de Santiago e de Vigo cos seus proxectos Campus Vida e Campus do Mar, a Universidade da Coruña non presentou aínda o texto de Tecnoloxías para a sustentabilidade económica, social e ambiental á Consellería de Educación porque, aínda que unha vez pasada a preselección sería imprescindible ter unha carta de recomendación da Xunta -que di apoiar, sen excepción, todos os proxectos a Campus de Excelencia-, a Universidade considera que na primeira fase do programa este apoio é "meramente protocolario" e optou por presentar a súa idea a empresas e entidades da área metropolitana da Coruña e Ferrol e deixar á Consellería "para máis adiante". Non obstante, recoñece ter recibido dous millóns de euros da Xunta en decembro de 2009 para levar a cabo o proxecto.
O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, recoñeceu, cando o pasado mércores firmou a carta de agregación ao proxecto, o seu interese por que Galicia siga o camiño da colaboración "obviando localismos e superando barreiras xeográficas", e apuntou que a candidatura a Campus de Excelencia Internacional da Universidade supón "unha extraordinaria proxección para o campus ferrolán" polo seu alto contido tecnolóxico.
Pero a pesar do seu alto contido técnico, a candidatura coruñesa propón un carácter transversal e integrador para o campus, que conte coa participación de todas as titulacións no proxecto, desde as áreas humanísticas e sociais, ata as xurídicas e científicas.
Deste modo, a Universidade xustifica a elección do título Tecnologías para la sostenibilidad económica, social y ambiental porque o seu forte, cun 40% de carreiras técnicas, é claramente a tecnoloxía. Non obstante, e dado que o proxecto pretende englobar tanto as diferentes especialidades como a cidade, o enunciado cita tamén a sustentabilidade, un desenrolo que respete o medio ambiente, "por ser unha aposta de todas as actuacións universitarias"; e fala da economía, o social e o ambiental "por ser imprescindibles para o desenrolo dun campus que acolla a sociedade e dinamice o seu entorno", concretou o equipo de goberno do Reitorado en cada unha das presentacións realizadas ao longo da semana.
Entre os obxectivos que presenta o equipo de goberno no proxecto, faise fincapé na potenciación dun polo rexional en tecnoloxías onde teñan cabida empresas nacidas da propia Universidade, así como grupos de investigación punteiros alleos a ela que entrarían a formar parte do Parque Tecnolóxico do campus. Ademais, el texto destaca a creación dunha oferta de posgrao interuniversitario e internacionalizado de calidade, diversificado e sustentable.
O Sistema Universitario de Galicia estará totalmente representado mañá en Madrid, ante o Ministerio de Educación, gracias aos tres proxectos que presentan as tres universidades galegas respectivamente. Aínda que compiten por un mesmo distintivo, non o fan de forma independente; os campus da Coruña e de Vigo crearon unha alianza estratéxica que lles permitirá ampliar o liderado de ambas institucións na transferencia de coñecementos, ademais de facilitar o seu papel como eixos da investigación, o desenrolo e a innovación tecnolóxica no conxunto da sociedade galega. "Se gaña algún de nós, gañamos todos", afirmou o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago.
No hay comentarios:
Publicar un comentario