Pola súa parte, desde a Concellaría de Urbanismo, tamén aceptaron estas condicións, se ben é agora cando falta unha resposta do órgano educativo, ao que os residentes culpan do “bloqueo” de todo o proceso. O pacto consistía basicamente en aumentar o prezo que lles abonaría a administración por metro cadrado ata superar os 800 euros no caso do terreo edificado, co obxectivo de achegarse ao que debían pagar os expropiados pola súa nova vivenda de protección oficial, entre 900 e 1.200 euros o metro. No caso das fincas, o prezo sería de 105 euros.
Os veciños de Castro de Elviña encheron de pancartas o entorno do campus pedro puig
Contradición > Pese a que o reitor, José María Barja, manifestou publicamente en varias ocasións a súa conformidade co acordado, os expropiados aseguran que “o delegado da Xunta ten un informe no que se reflexa que a Universidade non está de acordo”. Así mesmo, acusan ao vicerreitor de Infraestruturas, Xosé Lois Martínez, de “dar plantón” a unha representación dos afectados nunha reunión convocada a tres bandas, hai apenas un mes, pola responsable de Urbanismo, Obdulia Taboadela, na que estaba previsto que o responsable universitario deixase clara a súa postura neste asunto.
Ante esta situación, Maceiras explica que xa solicitou unha reunión con Barja, para a que aínda non hai data. “Queremos saber por qué non move ficha, o porqué deste silencio”, indica, á vez que reclama tamén o apoio do resto de administracións implicadas. “Cremos que como parte interesada neste tema tamén poden facer de mediadores”, señala.
Con todo, avisan de que, de non obter unha solución en breve, estudiarán a posibilidade de retomar as mobilizacións, pois, segundo manifesta o seu portavoz, “a indefinición duns poucos está deixando sen aire a 11 familias afectadas, que levan moitos anos sen saber o que vai pasar coas súas casas”.
Polo momento, os veciños xa encheron o entorno do campus de pancartas para reivindicar os seus dereitos e para denunciar o tratamento que están recibindo, que o seu representante califica de “indigno”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario