14/12/09

As primeiras hortas urbanas de Feáns ocuparán 7.400 metros


La Opinión de A Coruña
04/12/2009
A Coruña

Os veciños da zona ceden de forma gratuita os terreos, nos que 25 persoas solicitaron practicar a agricultura como afición

O soño de moitas persoas de practicar a agricultura como afición pode materializarse xa en Feáns, onde os veciños cederon 7.400 metros cadrados para a iniciativa Hortas na cidade. Ata agora son 25 os inscritos nesta actuación, para a que non se precisa ningunha experiencia nos labores agrícolas e que se leva a cabo por parte do Colexio de Arquitectos


JOSÉ MANUEL GUTIÉRREZ A CORUÑA A iniciativa Hortas na cidade, que ten como finalidade promover a práctica da agricultura con fines recreativos, conta xa con 7.400 metros cadrados cedidos para este uso polos veciños de Feáns e con 25 persoas inscritas como solicitantes dunha parcela.

O traballo feito nas últimas semanas polo colectivo de arquitectos Desescribir forma parte do proxecto A cidade dos barrios, impulsado pola delegación coruñesa do Colexio de Arquitectos de Galicia e dirixido polo estudio de arquitectura MMASA. Tras os contactos establecidos cos veciños do val de Feáns e a visita realizada polos primeiros interesados en cultivar unha horta nesa zona, os promotores desta actuación deron onte conta dos resultados obtidos ata agora.


Interesados en el cultivo de las huertas, junto a la caseta para herramientas instalada en Feáns. / c. pardellas

As máis de 2.000 visitas contabilizadas en só dúas semanas polo blog aberto polos responsables de Hortas na cidade é un reflexo do interese que suscita a posibilidade de dispoñer dunha pequena porción de terreo na que practicar as habilidades como agricultor.

Felipe Riola, un dos membros de Desescribir, explicou que os inscritos nesta iniciativa son persoas de moi diferentes características, tanto xente nova como maiores e con experiencia agrícola ou cunha carencia absoluta de coñecementos sobre este traballo. O arquitecto detallou que as parcelas serán cedidas de forma totalmente gratuita e que o seu tamaño variará entre os 40 e os 60 metros cadrados, xa que algunhas delas serán cultivadas de forma colectiva por familias ou grupos de amigos.

Na actualidade xestiónase a constitución dunha asociación de usuarios destas hortas, cunha superficie que se confía en incrementar no val nos próximos meses.

No hay comentarios:

Publicar un comentario