14/12/09

O Plan Director da Universidade busca firmar a paz coa zona rural de Elviña

El Ideal Gallego
10/12/2009
A Coruña
C.R.> A CORUÑA
O vicerreitor de Infraestructuras, Xosé Lois Martínez, presentou onte o Plan Director da Universidade no que a empresa Prointec -adxudicataria do proxecto- leva meses traballando e polo que se guiarán todas as obras que se leven a cabo en calquera dos campus, desde Esteiro, en Ferrol, ata Elviña. O documento, de máis de 600 páxinas, contempla mellorar a relación cos núcleos rurais do entorno de Elviña.

Os residentes nestas zonas teñen acusado en varias ocasións ao organismo de ser o causante da desaparición destes núcleos debido ás expropiacións executadas para o crecemento do campus. Agora, a Universidade pretende solventar este problema. Segundo Martínez, xa existe unha relación entre os alumnos e estas zonas e o obxectivo agora é “o reforzamento dos núcleos rurais” como Castro, Eirís ou San Vicente. Para o responsable de Prointec, Pablo Campos, os estudantes poden aprender dese estilo de vida e das construcións, especialmente os alumnos de arquitectura. Pero o vicerreitor resalta que para iso é necesaria unha importante rehabilitación da zona que pasaría por unha implicación municipal.

En canto a como crecerá entón a Universidade para evitar desmantelar estas áreas, Campos é claro, non é necesario aumentar a superficie. “É moi grande xa”, declara. Aposta, en cambio, por unha “recualificación” dos campus segundo as súas especificidades para mellorar o aproveitamento das infraestructuras e da superficie da que dispón a Universidade. “Hai moitos espazos inertes a efectos educativos e non é difícil transformalos en produtivos”, declara o arquitecto. Deste modo tamén se adaptará o entorno ao Espazo Europeo de Educación Superior.


Integración > Un dos retos do Plan Director é, entre outros, conseguir que os campus deixen de ser “cidades pantasma” ou “dormitorio” que só teñan actividade durante determinadas horas e días da semana. Os responsables do documento cren que esta tendencia comenzará a cambiar coa construción da residencia de estudantes, que requerirá outros equipamentos complementarios.

O gran obxectivo do documento é conseguir que a cidade e a Universidade non se entendan como áreas independentes e “optimizar” a relación que manteñen. Para iso, tamén se intentará que o proxecto evolucione parello ao PXOM. Xosé Lois considera que para evitar que o ente educativo se convirta nun “gueto” é necesario “focalizar o seu ámbito” de actuación que incluiría non só Oleiros, A Coruña e Ferrol senón a toda a comarca.

1 comentario:

  1. Hostia, pois se o que buscan co plan director é busca-la paz cos veciños, o día que busquen o conflito xa nin che conto.

    Así que o mellor deste conto é que se non queres unha cunca de cinismo toma dúas.

    ResponderEliminar