17/11/11

Os cooperativistas urxen acelerar as obras do Ofimático tras o seu desbloqueo



El Ideal Gallego

16/11/11

A Coruña




C.R.>A Coruña


Os cooperativistas, xunto aos expropiados, son os primeiros afectados polo desbloqueo da urbanización do Parque Ofimático. As familias que investiron na construción dun piso que aínda non existe están desexando que comecen a levantarse os edificios, aínda que para iso é necesario que se inicie a urbanización dos predios., algo que poderá acontecer en breve tras o anuncio do luns do Concello. Desde a cooperativa principal do proxecto, Cofuncovi, séntense satisfeitos pola decisión de retomar a urbanización e agora o que solicitan é celeridade nas obras.

“Agora, que empecen e que empecen a bo ritmo para poder comezar a construír o antes posíbel”, declara o portavoz José Ramón Mosquera. Este responsábel admite que o goberno local cumpriu o seu compromiso de levantar a paralización antes do 21 de novembro, pero ao mesmo tempo dubida de que fose necesaria esta actuación. “Non o sei, se cadra non facía falta tela suspendida –a urbanización-, a tramitación podería terse feito sen suspendela”, considera.

En canto á liberación das terras, cre que se lle deu a razón aos cooperativistas, que defendías que se iniciasen os traballos naquelas parcelas non ocupadas. “Hai terras de sobra” afirma o portavoz. De feito, o executivo local decidiu deixar as persoas que viven no polígono permanezan nas súas casas até que a súa estadía impida o avance do proxecto.

Pese a todo, José Ramón Mosquera prefire evitar polémicas e mostrar a súa satisfacción pola noticia de que de forma “inminente”, conforme o anunciou o concelleiro de Urbanismo, poderían entrar as máquinas no Ofimático. O portavoz de Cofuncovi si ten, porén, unha petición para a Xunta, que se lles adxudique canto antes as parcelas. Nunha reunión que mantiveron con responsábeis do goberno galego en xuño, falóuselles dos meses de novembro ou decembro para a entrega de soares, pero se teme que este prazo se dilate dado que aínda non concluíu o proceso de reversión que ten por obxecto devolver as terras aos que no seu día foran expropiados para construír un parque empresarial.

PSOE> Os socialistas son máis duros que os afectados. A portavoz do grupo, Mar Barcón, considera que a paralización respondeu “a un capricho persoal de Negreira” para defender “os intereses da Xunta”, “que gañou tempo para intentar resolver o seu preito cos propietarios orixinais dos terreos do polígono”, denuncia.
O PSOE lembra que 350 familias están agardando a unha vivenda na contorna, que contará con mil pisos de protección. “E un investimento de máis de corenta millóns paralizado, freando a economía da cidade”, critica a edil.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada