5/11/11

O xurado de expropiación sobe un 20% o prezo do solo do Ofimático

La Voz de Galicia

03/11/11

A Coruña


Gabriel Lemos


O xurado de expropiación de Galiza xa fixou o prezo definitivo do solo sobre o que se levantará o futuro Parque Ofimático. É que, despois de que a Xunta abrise o proceso de reversión para devolver aos propietarios orixinais os terreos que lles foran expropiados hai vinte anos, en cumprimento dunha sentencia xudicial, estes últimos rexeitaron o prezo fixado polo goberno galego, obrigando a recorrer á taxación do organismo independente.

E a revisión non foi favorábel para os seus intereses. Así, fronte aos 212 euros que reclamaba a Xunta cando abriu o proceso, o xurado de expropiación fixa agora o valor medio dos terreos en 260 euros, aínda que o prezo varía para cada propietario, en función das características de cada predio, baremando factores como a situación dentro do polígono.

O organismo, no que toman parte nas decisións profesionais dos colexios de arquitectos, enxeñeiros, economistas e notarios, empezou a enviar as comunicacións aos propietarios orixinarios, un proceso que se prolongará durante as vindeiras semanas. A partir do momento no que reciban a notificación, os propietarios orixinarios terán un prazo de tres meses para aboar o importe fixado polo xurado de expropiación. En caso contrario, avanza a Xunta, entenderase que renuncian ao dereito de reversión e que os terreos pasan a estar a disposición do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Segundo a última previsión do Goberno galego, os predios estarían libres en xaneiro, momento no que procederían a entregárllelas ás tres cooperativas de vivenda protexida ás que lles foron adxudicadas provisionalmente en marzo de 2009 e ao resto de promotores privados.

En calquera caso, os representantes legais dos propietarios orixinarios dos predios xa amosaron a súa desconformidade co proceso de reversión aberto pola Xunta, tanto no relativo ao prezo como no que respecta á devolución das terras, que ao seu xuízo xa non é posíbel, polo que anunciaron que tomarán medidas legais. En concreto, o bufete que representa a meirande parte dos expropiados advertiu hai uns días que se querelarán contra a Xunta por ofrecerlles terreos xa vendidos.

O debate do Ofimático chegou onte até o Parlamento de Galiza, onde os socialistas denunciaron a paralización das obras mentres os populares que a súa xestión permitiu desbloquear a tramitación do proxecto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada