4/3/10

A Xunta di que o proxecto da residencia universitaria estará desbloqueado en 15 días

La Voz de Galicia
04/03/10
A Coruña

A agrupación Comités organiza unha protesta para esixir a súa construción

Ana Lorenzo

A residencia universitaria de Elviña parece que está máis cerca de ser unha realidade, despois de que onte os responsables da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas anunciasen que, nun prazo de dúas semanas, o proxecto quedará desbloqueado. Previamente, a Universidade da Coruña (UDC) deberá poñer por escrito unha serie de condicionantes que garantan a rendabilidade que terá este novo inmoble, que se convertirá no primeiro de carácter público que existe na cidade coruñesa.

Desde a Xunta explicaron que o retraso na adxudicación das obras debeuse a que, cando chegaron ao Gobierno autonómico, o proxecto aínda non tiña á súa disposición todos os terreos necesarios. Ademais, consideraron que se debía «garantir que o futuro destas instalacións ía ser viable, polo que tivemos que chegar a un acordo coa UDC, posto que se trata dunha inversión moi importante. Desde a Xunta non temos ningún problema coa residencia, pero hai que facela con garantías», reiteraron onte fontes de Medio Ambiente, ao mesmo tempo que apuntaron que o conselleiro, Agustín Hernández, e reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, reuníranse recentemente para tratar este asunto e buscarlle unha solución.

Nos orzamentos aprobados pola Xunta para este exercicio destínase unha partida de 10,7 millóns de euros para iniciar a construción desta residencia universitaria, cun importe total que ascende a 24,5 millóns (nos que se inclúe a urbanización do entorno). Neste novo inmoble poderían aloxarse cerca de 600 estudantes e profesores, e ademais das habitacións, tamén se dispoñería de zonas de recreo, ocio e estudio. De feito, o deseño do complexo elixiuse despois de convocar un concurso a nivel internacional, que gañou un estudo catalán.

Movilizacións
A tardanza na posta en marcha desta residencia levou á agrupación estudiantil Comités a organizar unha campaña reivindicativa para conseguir que se desbloquee a situación actual. Así, xa se distribuíron polos distintos campus varios carteis nos que se pode ler Residencia pública xa!, e estanse recollendo sinaturas entre os universitarios, aos que tamén se convocará a unha asamblea.

Ademais, para finais deste mes está previsto celebrar unha acampada nocturna nos terreos que ocupará a futura residencia, e ao día seguinte terá lugar unha manifestación para reclamar a súa posta en marcha definitiva.

No hay comentarios:

Publicar un comentario