26/5/09

Os expropiados de Elviña piden que se cumpra o realoxo pactado


La Voz de Galicia

A Coruña

26/05/09


Acusan ao Concello de incumprir os seus propios acordo e de non atendelos



Sobre doce vivendas de Elviña-Castro pende a ameaza dunha expropiación forzosa pola construción da residencia universitaria e do Centro Tecnolóxico, prevista dentro da ampliación do campus. Máis aló da oposición a este tipo de medidas, os afectados aseguran sentirse abandonados polo Concello e decepcionados pola anterior Xunta, que finalizou o seu mandato sen chegar a asinar un acordo xa negociado, que recollía, en parte, as súas demandas, por unha banda o realoxo na mesma contorna, e por outro, o pago dunha cantidade próxima á que terán que abonar polas súas novas vivendas.


O presidente da asociación veciñal, Carlos Maceiras, explica que a normativa os debería protexer, pero con todo, o Concello desentendeuse de esixir que se cumpran os documentos que asinou no seu día, o que o levou a «este conflito». Explica que o plan parcial de 1991 para a zona contemplaba que no caso de que o crecemento do campus afectase a áreas residenciais se debería levar a cabo un realoxo nas inmediacións, pero «o Concello aprobou a reforma do plan parcial saltándose o que o plan de urbanismo dicía que había que facer».


Recorda que ante este «incumprimento» os afectados e os veciños da zona, que os apoian, optaron por levar a cabo medidas de presión, de cortes de tráfico parciais, o que levou á Xunta a sentarse a negociar.


Os afectados esixiron un acordo marco de realoxo ás consellerías de Vivenda e Innovación, que expropiaban os terreos. O presidente veciñal indica que as negociacións comezaron en novembro do 2007. Como interlocutor tiñan á Consellería de Vivenda, ao delegar Industria e o Concello nesta administración todo o proceso.


«Respecto institucional»


Tras varias propostas non aceptadas, en xaneiro pasado, chegouse a un documento aceptado polas partes. Nel recollíase que aos desaloxados permitiríaselles optar a vivendas unifamiliares, situadas na zona destinada ás casas dos profesores. A postura do colectivo foi o que non se producisen negociacións individuais e apostar por condicións similares.


O problema xurdiu cando viron que desde Vivenda se lles ofrecían 520 euros polo metro cadrado, e Industria aos seus afectados ofrecíalles 812, pero deberían afrontar o pago de 1.200 euros o metro cadrado da nova casa.


Nas negociacións logrouse que Vivenda alcanzase os 812.Aínda que acordaran, segundo din, selar o acordo antes dos comicios autonómicos, isto non se produciu. «Marcháronse sen dicir adeus e non deron ningún tipo de explicación», indica Maceiras, que apuntou que houbo un mutismo total e non contestaban nin ás súas chamadas.


Os veciños aseguran que ademais da Xunta, non conseguiron reunirse con ninguén do Concello, a pesar de ter solicitadas entrevistas co alcalde, a concelleira de Urbanismo e o edil de Promoción Económica. «O que pedimos é un respecto institucional», comenta a representación dos afectados.


Explican que a única institución que respondeu é a Universidade, que discutiu o documento en comisión de goberno e informoulles de que o aprobaría cando fose preciso. Esta semana, os afectados reuníronse co delegado provincial da Xunta, Diego Calvo, nun encontro que cualifican de satisfactorio e no que, apuntan, comprometeuse a que non se iniciarían as obras sen ter asinado o realoxo.Fronte ás críticas ao goberno municipal, a edil de Urbanismo, Obdulia Taboadela, indicou en días pasados que era unha cuestión que deberían negociar coa Universidade e a Xunta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario