13/5/09

Manifestación do 17 de maio

A Mesa pola normalización lingüística volve convocar este ano unha manifestación polos dereitos da lingua galega. Baixo o lema "O galego, a nosa columna vertebral" están chamados a acodir todas as persoas que amen o galego, sexa o seu idioma habitual ou non.

Integrantes da Mesa convocando a

manifestación (A Nosa Terra)


A manifestación partirá ás doce da mañá na Alameda compostelá para dirixirse cara á praza da Quintana, agardando os convocantes unha participación masiva dos galegos.

A especial relevancia deste convocatoria vén marcada polos fortes ataques que está a padecer o idioma galego. Tras unha prominente campaña na que se lle quixo facer ver á sociedade galega que a Xunta estaba aplicando políticas de imposición lingüística do galego, grupos contrarios ao galego esixen que se cambie a normativa lingüística en favor do castelán.


Tedes máis información da convocatoria e sobre os buses que saen de diferentes puntos do país en:

http://www.amesanl.org/campanhas.html#17maio2009

9/5/09

Tráfico en Elviña

Cardador garante que se mellorará o tráfico en Castro de Elviña
La Opinión de A Coruña
A Coruña/metro 09/05/09

Redacción /A Coruña. O responsábel municipal das áreas de Tráfico e Seguridade Cidadá, Florencio Cardador, entrevistouse cos representantes dos veciños de Castro de Elviña, con quen se comprometeu a buscar solucións que melloren o tráfico na zona.


O primeiro compromiso de Cardador cos residentes foi falar con outras concellerías para deseñar un itinerario máis seguro que comunique o barrio co centro de saúde de Matogrande.

O responsábel de Tráfico destacou que tamén haberá que considerar o futuro plano de mobilidade, onde deberá incluírse a posibilidade de cambiar o sentido de circulación nalgunhas vías de Castro de Elviña para conseguir que sexan de sentido único e aumentar así a seguridade dos peóns.

Sobre a estrada que une o barrio coa Zapateira, Cardador afirmou que o acondicionamento da vía depende da Deputación, a quen instará para a construcción de beirarrúas e para que pinte e sinalice os pasos de peóns.

Os veciños tamén pediron ao concelleiro socialista que medie ante a Universidade da Coruña para que limpe e pinte as estradas do Campus que conectan con Castro de Elviña, así como ante a Xunta para acondicionar outras vías que son da súa titularidade.


______

Tamén na Voz de Galicia:

8/5/09

Elviña en archetenrreiro

O blogue cultural de Marcial Tenreiro publica un artigo titulado Pola defensa de Elviña. Desde a súa mirada reflexiva lévanos a unha discusión entre a dicotomía establecida entre “progreso” e “patrimonio”, e a como se usan estes conceptos contra os que viven en áreas con forte pegada cultural.


Dentro do artigo, que vos convidamos a ler, destacamos un comentario marcado por unha fina ironía que ben resume moito do que levamos falado sobre a destrución do rural:


“É dicir cando pensamos no patrimonio pensamos en pedra e nunca no entorno desas pedras, e o entorno de Elviña é o dunha aldea rural, a única que lles queda posiblemente aínda, como "aldea irreductible" de Asterix na La-Coruña postvazquista, esa do ladrillo e dos parques temáticos -perdon museos-. Esa aldea "rural", con perdon, ten un contexto, unhas formas de vida, uns usos, chamenselle tradicións (…)”




Moi interesante é a perspectiva diacrónica que nos ofrece no seu artigo, sobre a nosa vision dos que viviron no pasado para achegarse a un presente no que temos que achantar ante o que o progreso nos dita.


En fin, moi refrescante a súa mirada desde a lóxica do legado cultural. Ficamos moi agradecidos desde Elviña e convidámolo a participar no rescate da nosa memoria.

O artigo podedes lelo en:http://www.blogoteca.com/archetenrreiro/

7/5/09

Proxectos novos para o Campus de Elviña

La Opinión de A Coruña
A Coruña /Metro
06/05/09
A Universidade edificará un centro tecnolóxico da terceira idade
A institución académica saca a concurso a redacción do proxecto
deste inmóbel e do plano director dos campus da Coruña e Ferrol.
Redacción/A Coruña. A Universidade convocou esta semana os concursos públicos para encargar a redacción dos proxectos de execución do seu centro tecnolóxico da terceira idade e dun edificio na área científica no seu parque tecnolóxico, a construción da unidade de investigación sobre a aplicación da madeira e o deseño dos planos directores de infraestruturas dos campus da Coruña e Ferrol. Todos os proxectos foron licitados a través do Diario Oficial de Galiza.

Unha vez contratado, o proxecto básico e de execución do centro da terceira idade deberá estar redactado nun prazo máximo de 105 días cun orzamento máximo de 152.000 euros.
No caso do edificio para a área científica do parque tecnolóxico da Universidade, o prazo de execución é de 120 días e o importe 184.440 euros. Para a construcción da unidade mixta de investigación sobre a aplicación da madeira no campus da Zapateira, a Universidade reservou un máximo de 275.040 euros, cun prazo de execución non superior a catro meses e medio.

A Universidade, ademais, licitou a redacción do seu plano director de infraestruturas en dous lotes: un, para os campus da Coruña –Elviña, A Maestranza, Riazor, Oza e Oleiros-, por 151.960 euros e 120 días de execución; e outro para os de Ferrol –Serantes e Esteiro-, por un importe de 48.720 euros e un máximo de noventa días.

3/5/09

Os veciños de Elviña, perennes expropiados do Concello coruñés

Existe temor a que se inicien as obras da residencia do campus da UDC antes de realoxar aos afectados de doce casas que se derribarán ·· O pacto verbal con Vivenda o 18 de febreiro aínda non foi asinado

(El Correo Gallego) "O Plan parcial para o Campus Universitario (aprobado o 18 de outubro de 1991) obriga ao realoxo de expropiados no seu entorno", recorda Carlos Maceiras, presidente da Asociación de Veciños Os Rexumeiros de Elviña e Castro, quen teme que se inicie a construcción da área residencial da Universidade da Coruña (UDC) sen terse dado unha solución aos vinte habitantes das doce vivendas afectadas polo proxecto.

É máis, recorda que "tras un ano de negociacións chegamos a un pacto coa Consellería de Vivenda o pasado 18 de febreiro, pero polo cambio de goberno non se chegou firmar", polo que espera que "as novas autoridades fosen informadas deste acordo no traspaso de poderes realizado días atrás".

Maceiras, sobre as conversas mantidas primeiro co Concello da Coruña e as consellerías de Innovación e Industria, que amplía as instalacións do Parque Tecnolóxico da UDC, e de Vivenda, da que depende a nova área residencial do campus de Elviña, sinala que "esta última foi a que asumiu finalmente as competencias das outras administracións para chegar a un pacto".

"As negociaciones foron duras, xa que no entendiamos como Industria pagaba ultimamente a expropiación das casas a 812 euros o metro cadrado, que ao final foi o acordado, para o seu Parque Tecnóloxico, cando ao lado, Vivenda para a súa Área Residencial só ofrecía 520 euros", precisa o presidente veciñal, quen afirma que, por outro lado, en canto ao solo urbán consolidado (fincas nas que se pode edificar) contrasta que "se expropiara a 105 euros o metro cadrado", cando pola parte inferior ao campus, no novo polígono de Mesoiro os promotores comprárono a 600 euros. "Esa é a diferencia real co mercado", apunta.

"Gustaríanos seguir con este mesmo tipo de vida, sen ningún asedio constructivo", comenta pola súa parte Luís Gómez, vicepresidente da A.VV., quen argumenta que "sabemos que a residencia universitaria e o parque tecnolóxico son necesarios pero pedimos que se fagan dunha forma racional, e por iso queremos que se anule o PERI (Plan especial de reforma de 1991) da zona e esta pase a ser un ARI (Área de rehabilitación integral) dun núcleo rural".

"O 25 de marzo pedímoslle unha entrevista á edil de Urbanismo no Concello, e o 21 de abril ao Alcalde, e aínda non temos novas", indica Maceiras, quen di que nunha reunión mantida o martes, co reitor da UDC, José María Barja, este aseguroulles que non desexa ter ningún conflicto social.

2/5/09

A cartografía crítica da Coruña

Rede Social de Direitos Sociais


A RDS é unha plataforma que suma o traballo de varios colectivos do concello da Coruña para identificar desde unha postura crítica diversos aspectos no noso entorno. En base ao traballo sobre tres eixos fundamentais, xénero, migración e territorio, veñen de elaborar a primeira cartografía crítica da Coruña.

Esta cartografía nace coa idea de ser o primeiro chanzo para un traballo continuo que axude a identificar problemas e servir de ferramenta para a súa solución. Un aspecto ben interesante está na idea de que os cidadáns superen o seu rol de espectadores no escenario no que habitan e actúen “na procura dun entorno territorial consciente e autoxestionado”.

Nesta primeira edición, incídese en lugares con especulación social e sobre o territorio, na precariedade laboral e traballo migrante, nas fronteiras interiores que actúan como muro invisíbel contra a comunidade migrante, e nos espacios de lecer programado fronte aos espazos de consumo. Tamén se lle dedica atención a barrios.

Lonxe de ser un documento de denuncia supón un elemento de identificación de conflictos, como primeiro paso cara a proposta de alternativas. Esas alternativas pasan por un esforzo conxunto de toda a sociedade.

No que respecta a Elviña, poderíamos dicir que as nosas asociacións, tanto Tempo Novo como os Rexumeiros, están implicados neste proxecto. Os principios nos que se fundamenta a RDS encaixan perfectamente coa liña da actuación veciñal; a traxectoria actual ten os seus piares no cese de abusos que traen as expropiacións, e ao tempo trata de acadar o cumio de manter o noso territorio tal e como o coñecemos, no que queremos vivir, tratando de manter ese legado ás xeracións futuras.

As asociacións que participan na RDS, ademais das citadas son:

Asociación de Veciños de Monte Alto (http://barriomontealto.blogaliza.org/)

Centro Social Atreu (http://atreu.info/)

Arquitectos sen fronteiras (http://asfes.org/)

Colectivo parafeminista Nomepisesofreghao (http://nomepisesofreghao@blogaliza.org/)

A hora dos mouros

O blogue cultural A hora dos mouros faise eco da criazón do noso blogue e inclúe un enlace baixo o título A loita en Elviña.
Este blogue é un espazo para a difusión da cultura galega e mantén un espírito crítico coas políticas sobre o noso patrimonio cultural. Exemplos desa loita pola conservación son as plataformas Mariña Patrimonio e a Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes.

Non é de estrañar unha afinidade e unha sensibilidade pontesa cara ás terras de Elviña. Eles tamén saben moito de expropiacións, pois a mina de lignitos supuxo a desaparición de aldeas enteiras e un gran espolio de terras.

Agardamos poder corresponder a esa gratitude cara a nós.

http://ahoradosmouros.blogspot.com/