14/10/11

Barja retrasa dúas semanas explicar a falta de permisos para as obras da UDC

La Voz de Galicia

A Coruña

14/10/2011


Ana Lorenzo
O reitor da Universidade da Coruña (UDC), José María Barja, explicará o próximo mércores todos os pormenores relacionados coa polémica pola falta de licencias de obra para realizar distintas actuacións nos campus de Elviña e a Zapateira. Esta comparecencia producirase coincidindo coa celebración dun Consello de Goberno da UDC, e xusto dúas semanas despois de que este escándalo saltase á opinión pública polas declaracións do exvicerreitor de Infraestruturas, Xosé Lois Martínez, destituído o pasado luns.


Foi ese mesmo día cando Barja emitiu un comunicado explicando esta decisión, xa que consideraba que a falta de infraestruturas da institución académica «non xustifica obrar á marxe da norma e moito menos a ostentación de tal comportamento». No mesmo comunicado, o reitor tamén explicaba que se ían poñer en contacto co Concello para «reparar a tramitación administrativa, o que, entre outras actuacións, supón a orde de revisión de cantas obras se estean realizando e a paralización inmediata daquelas que non cumpran a normativa».


Goberno local e UDC insistiron toda esta semana en que traballan neste expediente para solucionar o problema o antes posible. Porén, non aclararon se as actuacións realizadas pola Universidade nos últimos oito anos tiveron licenza, algo que cuestionou Xosé Lois Martínez, quen chegou afirmar que o único permiso de obra que obtivo a UDC foi o da residencia, que non se construíu.

No hay comentarios:

Publicar un comentario