10/6/10

José María Barja considera «moi positivo» o convenio para a construción da residencia

La Voz de Galicia
10/06/10
A Coruña
O reitor coruñés anuncia que o aloxamento comezará a levantarse este ano

Ana Lorenzo / A Coruña

Tremendamente satisfeito mostrábase onte o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, ao falar do acordo ao que chegou esta institución académica coa Xunta para poñer en marcha a futura residencia de Elviña, que se convertirá na primeira pública da cidade. O responsable da UDC explicaba que, nestes momentos, estase acabando de perfilar o borrador do convenio, xa que as asesorías xurídicas de ambas entidades están traballando nos flecos legais do documento.

En concreto, recoñeceu que se están ultimando os detalles de como será a cesión do aloxamento á Universidade da Coruña, posto que o Goberno galego será o encargado de correr cos gastos de construción do inmoble, que logo pasará a mans da UDC. «É un trámite complicado, porque se está falando dun edificio que aínda non está construído e que vai ser cedido pola Xunta á Universidade. Ademais, hai un organismo interposto no medio, que é o Instituto Galego de Vivenda e Solo (que depende de Medio Ambiente), que é o que vai executar a obra», especificou onte Barja, que recoñeceu que o desbloqueo deste proxecto «foi moi positivo» para a institución académica e para a cidade.

Neste senso, tamén quixo puntualizar que, desde o principio, «sempre houbo vontade por parte do conselleiro de Medio Ambiente de levar a cabo este proxecto, e sempre estivo interesado en facelo». O reitor coruñés tamén se mostrou encantado de que, tras varios meses de reunións, por fin se chegase a un entendemento entre ambas partes, e tamén anunciou a intención de ambos organismos de que o inicio da construción da residencia universitaria se faga nun prazo de tempo relativamente curto. De feito, confiou en que a firma definitiva do acordo se faga «relativamente pronto», e incluso podería selarse antes do mes de agosto.

O motivo desta celeridade é que, ademais do retraso dun ano que leva a execución deste proxecto, a Xunta xa destinou -nos seus orzamentos para o 2010- unha partida de 10,7 millóns, coa que se comezarían a desenvolver as obras este mesmo exercicio. José María Barja tamén quixo destacar o especial deseño do complexo residencial, que se situará nunha ladeira que une os campus de Elviña e a Zapateira, e nunha zona moi próxima aos restos dun antigo castro celta.

Charla en Valladolid
Precisamente sobre esta especial ubicación e do deseño da nova residencia da UDC falará hoxe en Valladolid o vicerreitor de Infraestruturas coruñés, Xosé Lois Martínez, que apuntou que este proxecto «é a operación de aloxamento universitario máis importante que se proxectou en España e situará ao campus coruñés na vangarda da edificación sostible».

No hay comentarios:

Publicar un comentario