15/1/12

Os coruñeses “pagan” a xestión de Vázquez




La Opinión de A Coruña

15/01/2012

A Coruña





Edificios do Plan Someso. Foto: Juán Varela



Parte dos impostos dos coruñeses serán destinados a pagar 8,16 millóns de euros a algunhas persoas que foran expropiadas en 1989 en Someso para construír un campo de fútbol. O Goberno dirixido por Vázquez, tras apropiarse das fincas, cambiou o seu uso e permitiu levantar edificios e un centro comercial. Os afectados recorreron á Xustiza, que decretou que o Concello indemnice o antigos propietarios dos predios con 8,16 millóns. Os prexudicados recibirán este mes os dous primeiros millóns.



T. Suárez /A. Rodríguez/ A Coruña. O Goberno local abrirá unha investigación sobre as presuntas irregularidades cometidas polo Executivo dirixido por Francisco Vázquez en 1989 ao expropiar parcelas en Someso. O Tribunal Superior sentenciou en 2010 ao Concello a pagar 8,16 millóns de euros aos propietarios das fincas. Os terreos, que foran expropiados para construír un campo de fútbol, albergan na actualidade vivendas e un centro comercial . LA OPINIÓN realiza, a seguir, un resumo das cuestións máis relevantes do caso.

Para que expropia o Concello os soares en 1989?
O Goberno dirixido por Vázquez tomou os terreos para construír un campo de fútbol para o club Relámpago do barrio de Elviña.

Cando se cambiou o uso que habían ter os terreos?
O plan xeral aprobado en 1998, que aínda está en vigor, cambiou o uso dos soares de Someso para permitir que fosen edificados.

Cando se aprobou o plan para Someso?
O plan parcial de Someso aprobouse en 2001 e foi modificado en 2004 para incrementar o uso residencial dos terreos. O Concello, que estaba dirixido por Francisco Vázquez, vendeu o 10% de aproveitamento urbanístico que lle correspondía á Xunta de Compensación, presidida por Antonio Fontenla, que está á fronte da Confederación de Empresarios de Galicia. A venda produciuse cando estaba en trámite a modificación da lei que prohibiría a venda directa do patrimonio municipal sen concurso público.

Cal foi a actuación do Grupo Antonio Fontenla?
Fontenla é o gran promotor do desenrolo de Someso. Canovan, unha empresa do seu grupo, ofertou a venda de pisos nun edificio que aínda carece de licenza e de plan que o ampare en Someso. O proxecto do edificio conta, ademais, con máis pisos que garaxes en propiedade, o que foi causa recente de nulidade de licenza no próximo inmoble da Torre Urbis. Fontenla tramitou en 2010 unha modificación do plan parcial para que se lle permitise facer o inmoble de maior dimensión que a prevista inicialmente; e tamén solicitou outro cambio para agrupar tres edificios de vivenda protexida en dous e poder construír máis pisos.

Como reaccionaron os antigos propietarios dos soares?
No 2004 os expropiados demandaron ao Goberno municipal que lles devolvese os terreos, xa que os adquirira para construír un campo de fútbol, non para vivendas. A lei prohibe ás Administracións o cambio de uso das fincas expropiadas, polo que o Concello alegou no 2004 que as adquirira mediante un proceso de libre compravenda e negouse a executar a reversión aos seus antigos propietarios.

Cando se inicia o proceso xudicial?
Os expropiados recorren á Xustiza en 2008 para esixir ao Goberno local a devolución das súas fincas.

Que deciden os tribunais?
Tras anos de demandas, recursos e sentenzas, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza condenou en outubro de 2010 ao Concello ao aboar os 8,16 millóns de euros aos expropiados de Someso. O alto tribunal galego sentenciou ao Concello a aboar esa cantidade aos afectados en concepto de indemnización, xa que a devolución dos terreos é inviábel.

Como reacciona o Concello?
O Executivo presidido por Javier Losada alegou que carecía de diñeiro para pagar as indemnizacións e remarcou que o pago dos 8,16 millóns suporía “un grave trastorno para a facenda municipal”. O Concello propón dar terreos aos afectados noutras zonas da cidade, pero os maxistrados denegan esa posibilidade e ordenan que pague aos prexudicados.

O caso está pechado?
A sentenza do Superior responde aos recursos que presentaron algúns dos expropiados, pero outros, ao coñecer que os xuíces deran a razón aos seus antigos veciños, presentaron novos recursos contra o Concello en febreiro de 2011. A Xustiza tramita na actualidade 23 recursos contra a actuación do Executivo municipal en Somesmo.

A que acordo chegou o actual Goberno para acatar o fallo xudicial?
O actual Executivo acordou cos afectados que lles pagará a prazos os 8,16 millóns de indemnización. Os expropiados repartiranse dou millóns antes de que remate este mes, e recibirán unha cantidade similar antes do 31 de marzo. O terceiro prazo aboarase antes de que finalice o ano, mentres que o último se entregará antes do 31 de marzo de 2013. Os demandantes renunciaron aos 825.000 euros que lles corresponden polos intereses de demora xerados desde que se fixo pública a sentenza.


Javier Losada e Mar Barcón son os dous únicos nomes que saen da boca do Partido Popular á hora de pedir responsabilidades polas políticas urbanísticas en Someso. Piden a dimisión de ambos, esgrimen razóns pola súa participación nas diferentes decisións dos sucesivos Gobernos socialistas que desembocaron na millonaria indemnización, pero evitaron en todo momento citar a cabeza daquel Executivo, Francisco Vázquez.

Á primeira que sinala a nota de prensa enviada en nome do presidente do PP local, Fernando Fernández Barreiro, é a Mar Barcón para esixir a súa dimisión. Lembran que a edil socialista formou parte da Xunta de Goberno local de 2004, na que se aprobou a venda dos terreos expropiados en Someso en 1989 para construír un campo de fútbol que nunca se fixo. O ex-embaixador era alcalde naquel momento. “Pola súa parte”, prosigue a nota de prensa, “o ex-alcalde Javier Losada formaba parte do Goberno municipal que en 1989 enganou os propietarios das parcelas ubicadas en Someso”. Tampouco ningunha frase sobre o rexedor daquel Executivo municipal. Recordan que en 2004, cando Losada era concelleiro de Urbanismo, se negou a devolver as parcelas orixinais aos seus propietarios. E, de novo, nada de Vázquez, que deixou de ser alcalde en 2006. O Goberno municipal anunciou o venres que abrirá unha investigación para esclarecer responsabilidades. Para o BNG, a orixe das compensacións no é a expropiación dos terreos, senón a súa reclasificación, que foi aprobada polo PP mediante o respaldo ao PXOM de 1998 e a plan parcial de 2001.

No hay comentarios:

Publicar un comentario