17/4/11

A Universidade esixe de maneira unánime que se adxudique xa a residencia de Elviña

El Ideal Gallego

A Coruña

15/04/2011

M. Pérez > A Coruña


Pódese dicir máis alto, pero non máis claro. A Universidade está farta e non son só xa voces puntuais as que esixen á Xunta que constrúa unha residencia en Elviña, senón a institución o pleno e a todos os niveis estamentarios. Onte tocoulle o turno ao Consello de Goberno, que aprobou por unanimidade un documento no que se insta o Executivo autonómico a que desbloquee "xa" o proceso de adxudicación da obra, paralizado desde hai dous anos. O reitor, José María Barja, recoñeceu que a situación económica é distinta á existente cando se firmou o pacto anterior, co bipartito, pero pediu que "aínda que non se poda facer todo o proxecto agora, se faga canto antes, por partes". A idea é ter un aloxamento dentro do campus "con prezos públicos", para que os estudantes "que máis o necesiten" conten coa posibilidade de acceder a él e deixen de "estar discriminados" con respecto aos seus compañeiros doutros centros galegos e españoles.


Definitivamente e segundo o aprobado onte, a pelota está agora no tellado da administración autonómica. Por iso o escrito solicita que se cumpran os compromisos que ambas instituciónscontraeran e que contemplaban a cesión da residencia para que fose a UDC a encargada de xestionala. A pesar de que esta foi a primeira premisa que puxo o IGVS (o Instituto Galego de Vivenda e Solo), na actualidade existe unha controversia sobre se o manexo do inmoble debería deixarse en mans privadas ou corresponder á Universidade.


Ao mesmo tempo, a postura de Barja continúa sendo de rexeitamento cara a construción da residencia universitaria en réxime de concesión de obra pública. O reitor entende que de facerse así, suporía hipotecar a comunidade universitaria durante cerca de 35 anos, sen ter ningunha garantía da existencia duns prezos públicos idóneos.


No texto recórdase así mesmo que esta infraestrutura corresponde a un servizo público, polo que non debe someterse "en ningún momento" a unha lóxica de lucro mercantil.


Xa no pasado Claustro, celebrado hai algo menos dun mes, tanto os opositores a BArja como os seus defensores - sobre todo alumnos - manifestaron a súa preocupación polo futuro da residencia universitaria e, a instancias dos representantes do estudantado, acordouse elevar a Consello este posicionamento conxunto en defensa da residencia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario