10/10/10

A falta de placas deixa sen cartas aos veciños de Elviña

La Opinión de A Coruña
03/10/10
A Coruña

Víronse obrigados a colgar carteis coas súas novas direccións para que o carteiro non devolva as súas cartas e facturas e denuncian sentirse "ninguneados" polo Goberno municipal

Por se non lles chegaba coas expropiacións para construír a residencia universitaria, os veciños de Elviña-Castro levan tres meses sen correspondencia porque o Concello aínda non colocou os novos rótulos nas rúas do barrio, que cambiaron de nome hai máis de dous anos. Mentras o representante veciñal confesa sospeitar que son "ninguneados" desde María Pita por ser críticos co Executivo local, o edil de Infraestruturas avanza que a elaboración das placas xa foi adxudicada

Aida Mosquera A Coruña

Os veciños de Elviña-Castro levan cerca de tres meses sen recibir a súa correspondencia porque as rúas nas que viven carecen de rótulos actualizados que orienten os carteiros do servizo de Correos. O problema, explican, vén dos cambios realizados hai máis de dous anos co obxectivo de devolver ás direccións da zona os seus nomes tradicionais. Porén, denuncian, "esto non debería suceder porque, despois de que se aprobase en pleno a modificación, realizáronse os trámites oportunos no rexistro"; por este motivo, están convencidos de que "a culpa a ten o Goberno municipal", que aínda non colgou as placas informativas oportunas nas fachadas do barrio.


Un dos carteis colgados polos veciños nas portas das súas vivendas indicando a nova dirección. / carlos pardellas


"Aínda que o carteiro tamén ten parte de culpa porque nos consta que Correos recibiu do padrón municipal o novo plano cos nomes das rúas e os números dos portais, a quen responsabilizamos é ao Concello porque nós fixemos a parte que nos tocaba -trámites con Facenda, a Seguridade Social e o rexistro municipal- hai case un ano e seguimos esperando a que a Concellaría de Infraestruturas coloque unhas cantas placas", apostilla o presidente da Asociación de Veciños Os Rexumeiros, Carlos Maceiras. "En María Pita están ninguneándonos porque somos un barrio pouco complacente e bastante crítico", engade.

As críticas dos veciños óesen a diario na taberna do barrio onde Carmelo Seoane, o taberneiro, suliña ter presentado xa dúas denuncias contra Correos e lamenta "a deixadez total" do Executivo local cun barrio "que xa bastante ten coas expropiacións que sofre desde hai 25 anos".

O concelleiro de Infraestruturas, Esteban Lareo, asegura, porén, que a elaboración dos rótulos cos nomes das rúas estaba pendente de adxudicación e que, "agora que xa se adxudicaron", a próxima semana trasladará á empresa en cuestión que "a primeira tanda sexa para Elviña-Castro". Deste modo, en declaracións a este medio, o edil apunta que as rúas de San Vicente de Elviña "terán novas placas no que tarde a empresa adxudicataria en fabricalas e suministralas".

No hay comentarios:

Publicar un comentario