16/9/09

O castro de Elviña "prepárase" para unha nova campaña de escavacións no outono

El Ideal Gallego
14/09/09
A Coruña

O Concello segue avogando pola conservación do castro de Elviña sacando a concurso a contratación de dous servizos que contribuirán á mellora do ámbito. A intervención sobre a vexetación da zona, así como a presenza dun servizo de vixilancia para as próximas escavacións, son os proxectos máis inmediatos que facilitarán a súa conservación, así como o traballo dos arqueólogos.

Todos os labores executaranse unha vez pasado o período estival e baixo a dirección do director do Museo Arqueolóxico e arqueólogo, José María Bello. Este afirma que o principal obxectivo é limpar a maleza da zona, sobre todo daquelas partes periféricas que, debido á falta de presuposto, quedaron máis abandonadas. Iso si, tamén se procurará manter determinadas especies: "Cortaranse as árbores que non son autóctonas, e deixaremos outras coma os castiñeiros ou os loureiros", alega Bello.

A pesar da dificultade dos traballos debido á pendente do lugar, así como á súa dimensión, a vantaxe estará en que se poderán realizar os labores de poda durante o período dun ano.


Financiamento > Este proxecto esta cofinanciado nun 75% polo Ministerio de Fomento con cargo ao programa de rehabilitación do Patrimonio Histórico. O resto, será sufragado polo Concello. En total, os traballos de intervención sobre a vexetación contarán cun orzamento final de 195.123 euros que se adxudicaron, provisionalmente a Malveción S.L., por ser a proposición máis vantaxosa á hora de aplicar os requisitos establecidos nos pregos reguladores da contratación.

Pola súa banda, os servizos de vixilancia, contarán cun fondo de 59.653 euros e están adxudicados, a día de hoxe, a Protección de Patrimonios. Estes servizos xa estiveron activos durante as escavacións que se levaron a cabo durante os últimos meses. Así, tal e como relata José María Bello, as faenas realizáronse ao longo de seis meses, ata en días de fortes temporais. Dende xaneiro, ata finais do pasado mes de xuño, un grupo de arqueólogos estivo a traballar en Elviña sacando á luz superficies que aínda estaban ocultas.

Achados >Entre os descubrimentos realizados nos últimos meses, os especialistas encontraron restos dalgunha vasilla, pezas dun prato, así como anacos de tella, os cales confirman, unha vez máis, a presenza posterior dos romanos na zona.

A día de hoxe aínda se descoñece cando se levarán a cabo as próximas escavacións, algo que deberá tramitar a Xunta xunto coa Concellaría de Cultura. Iso si, as zonas nas que se levaron a cabo os últimos traballos xa están listas para que os arqueólogos continúen as faenas. Así, varios metros de lona cobren as franxas descubertas durante os pasados meses para que as condicións meteorolóxicas e os visitantes non dificulten a continuación das operacións que se deixaron iniciadas en xuño.

De momento, tampouco se pode dar unha data que concrete a finalización das escavacións, xa que, tal e como apunta o arqueólogo José María Bello, aínda poden quedar ao redor de tres hectáreas por escarvar. Poderíase dar o caso de que se encontrase unha muralla. Nese caso poderíase decidir se facela visible na súa totalidade ou, non dependendo do interese que puidese achegar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario