6/6/09

Realoxos en Santiago polo AVE

Podiamos ler no Xornal Galicia Hoxe que o Concello de Santiago de Compostela ten previsto a construcción de catrocentas vivendas para acoller os veciños das setenta edificacións que a construcción do AVE vai derrubar no Castiñeiriño. As vivendas faranse en terreos de propiedade municipal na mesma zona do Castiñeiriño.
http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=153&idNoticia=434491

Asusta ver a lixeireza con que a Administración expropia casas. Se miramos para a nosa comarca moitos veciños de Culleredo están pendentes da expropiación das súas vivendas para a ampliación do aeroporto así como tamén veciños da parroquia oleirense de Nós que están á espera do proxecto de ampliación da N-VI. Iso sen esquecer as ducias de vivendas que van derrubar en Mesoiro e San Cristovo para a Terceira Vía e as de Elviña para o Campus, o Parque Ofimático e a Terceira Vía.

Cando expropian unha vivenda están expropiando algo máis que unha propiedade ou unha casa, están a expropiar recordos e sentimentos. Evidentemente iso non é tanxíbel, suxeito a unha indemnización, pero a práctica que debería de imperar é a do realoxo no entorno.

E dá medo ver como a nova lei de expropiación en troques de mellorar está situación o único que fai é facilitarlle a expropiación á Administración, rebaixando os prezos.

Nós somos da opinión de que xa é de por si duro ter que abandonar a túa casa en nome dun suposto “interese xeral” para canto máis se vexan negados os dereitos a seguir vivindo no teu entorno.

Actualmente no mellor dos casos os expropiados acceden directamente aos concursos de vivendas de protección. As expropiacións do Estado non o fan, simplemente indemnizan.

Resulta gratificante ver como no caso de Castiñeiriño se oferta a solución ao realoxo na contorna. É un primeiro paso. Parece sensato que se ofrezan unhas condicións similares ás que tiñas, e non falamos de piscina e jacuzzi, senón de expropiados en zonas rurais que posúen casas con hortas e con animais. Non son posesións, é un modo de vida.

É inconcibíbel que en nome do interese público haxa xente que teña que saír perdendo. Os avances non poden ir en detrimento dunha minoría.

No hay comentarios:

Publicar un comentario