29/5/09

Obradoiro de danza do ventre


Tempo Novo

22/05/09



O fin de semá 6 e 7 de Xuño realizarase na SRDC Tempo Novo un taller de Danza do Ventre, impartido pola mestra Eva Domínguez, auténtica profesional da danza e da fotografía.


O taller comezará o sábado 6 pola tarde, as 16:30, e ó longo de 3 horas ensinaranse os pasos e movementos básicos desta danza oriental. Despóis de descansar, ó chegar a noitiña, iremos tomar unha deliciosa cea lixeira á de Carmelo, en Castro de Elviña. A festa continuarase ó longo da noite, poñendo en práctica os movementos aprendidos.


O domingo 7 concluirase, as 16:30 da tarde cunha coreografía dos movementos aprendidos.
O coste deste taller, sería de 35 €, todo incluído, TALLER + CEA


Como mínimo, para poder facer o taller necesitamos contar cun mínimo de 13 persoas.


Para apuntarse, pódese mandar un e-mail o correo da sociedade: srdctemponovo@hotmail.com ou ben a rakicastro@hotmail.com, tamén poñéndose en contacto con calquera dos membros da directiva ou chamando ó teléfono 653 253 976


ANIMÁDEVOS E NON DUBIDEDES EN APUNTARVOS¡¡¡¡¡¡¡


http://tempo-novo.blogspot.com/

Presentacións nas AVV da RDS e da Cartografía crítica

RDS
29/05/09


Esta semana leváronse a cabo as dúas primeiras presentacións da Rede e da Cartografía Crítica en Asociacións Veciñais, o martes 26 na de Monte Alto e o 28 na do Agra.
Presentación na A.VV. da Agra do Orzán

A acollida foi moi boa nos dous sitios, é destacable como na do Agra, que non participou durante este tempo da rede mostraron interese, cando menos, en seguir traballando sobre propostas que se lles fixeron durante a presentación.


Seguimos coas presentacións en diferentes espazos, o vindeiro día 3 de xuño nos Rexumeiros de Elviña.

26/5/09

Os expropiados de Elviña piden que se cumpra o realoxo pactado


La Voz de Galicia

A Coruña

26/05/09


Acusan ao Concello de incumprir os seus propios acordo e de non atendelos



Sobre doce vivendas de Elviña-Castro pende a ameaza dunha expropiación forzosa pola construción da residencia universitaria e do Centro Tecnolóxico, prevista dentro da ampliación do campus. Máis aló da oposición a este tipo de medidas, os afectados aseguran sentirse abandonados polo Concello e decepcionados pola anterior Xunta, que finalizou o seu mandato sen chegar a asinar un acordo xa negociado, que recollía, en parte, as súas demandas, por unha banda o realoxo na mesma contorna, e por outro, o pago dunha cantidade próxima á que terán que abonar polas súas novas vivendas.


O presidente da asociación veciñal, Carlos Maceiras, explica que a normativa os debería protexer, pero con todo, o Concello desentendeuse de esixir que se cumpran os documentos que asinou no seu día, o que o levou a «este conflito». Explica que o plan parcial de 1991 para a zona contemplaba que no caso de que o crecemento do campus afectase a áreas residenciais se debería levar a cabo un realoxo nas inmediacións, pero «o Concello aprobou a reforma do plan parcial saltándose o que o plan de urbanismo dicía que había que facer».


Recorda que ante este «incumprimento» os afectados e os veciños da zona, que os apoian, optaron por levar a cabo medidas de presión, de cortes de tráfico parciais, o que levou á Xunta a sentarse a negociar.


Os afectados esixiron un acordo marco de realoxo ás consellerías de Vivenda e Innovación, que expropiaban os terreos. O presidente veciñal indica que as negociacións comezaron en novembro do 2007. Como interlocutor tiñan á Consellería de Vivenda, ao delegar Industria e o Concello nesta administración todo o proceso.


«Respecto institucional»


Tras varias propostas non aceptadas, en xaneiro pasado, chegouse a un documento aceptado polas partes. Nel recollíase que aos desaloxados permitiríaselles optar a vivendas unifamiliares, situadas na zona destinada ás casas dos profesores. A postura do colectivo foi o que non se producisen negociacións individuais e apostar por condicións similares.


O problema xurdiu cando viron que desde Vivenda se lles ofrecían 520 euros polo metro cadrado, e Industria aos seus afectados ofrecíalles 812, pero deberían afrontar o pago de 1.200 euros o metro cadrado da nova casa.


Nas negociacións logrouse que Vivenda alcanzase os 812.Aínda que acordaran, segundo din, selar o acordo antes dos comicios autonómicos, isto non se produciu. «Marcháronse sen dicir adeus e non deron ningún tipo de explicación», indica Maceiras, que apuntou que houbo un mutismo total e non contestaban nin ás súas chamadas.


Os veciños aseguran que ademais da Xunta, non conseguiron reunirse con ninguén do Concello, a pesar de ter solicitadas entrevistas co alcalde, a concelleira de Urbanismo e o edil de Promoción Económica. «O que pedimos é un respecto institucional», comenta a representación dos afectados.


Explican que a única institución que respondeu é a Universidade, que discutiu o documento en comisión de goberno e informoulles de que o aprobaría cando fose preciso. Esta semana, os afectados reuníronse co delegado provincial da Xunta, Diego Calvo, nun encontro que cualifican de satisfactorio e no que, apuntan, comprometeuse a que non se iniciarían as obras sen ter asinado o realoxo.Fronte ás críticas ao goberno municipal, a edil de Urbanismo, Obdulia Taboadela, indicou en días pasados que era unha cuestión que deberían negociar coa Universidade e a Xunta.

Un novo fogar do tamaño do seu actual garaxe


El Ideal Gallego
A Coruña
24/05/09


Reportaxe de C.R.

Parece que os veciños de Castro de Elviña poderían chegar por fin a un acordo económico que os afectados consideren máis xusto, pero iso non fai desaparecer o problema, cando menos para unha das partes. Son doce familias que deberán abandonar o seu fogar para comezar a vivir –cando se constrúan- nunha vivenda de protección oficial cunhas condicións totalmente diferentes ás que tiñan, que en moitos casos son peores.

Un caso concreto é o de Beatriz Abad que terá que cambiar a súa casa de 340 m2 cun terreo de 2000 por unha casa unifamiliar de 90m2 sen finca. Esta afectada explica que perderá a calidade de vida da que dispón e non só ela se verá afectada, o seu fillo de quince anos deberá esquecerse de invitar os seus amigos á pequena cancha de baloncesto da que dispón e o seu home de todos os artigos de caza e animais disecados que garda no soto de 40 m2.

Incluso os seus amigos cambiarán de vida. É que esta familia adoitaba celebrar festas e ceas no seu garaxe de cen metros ou na mesa de pedra que teñen na súa finca. “E todo iso acabouse”, declara entristecida Abad. Entre as súas maiores preocupacións tamén están os animais xa que, ademais dos cans, tamén ten faisáns. “E agora que fago con todo iso?”, pregúntase esta muller que aínda que tivo dous anos para asimilar o problema, admite que non imaxina cando teña que irse realmente.

Tamén o terán que facer os seus sogros de oitenta anos e deixar os seus cochos e galiñas para viviren sos nunha nova vivenda. Abad denuncia tamén o seu caso, xa que actualmente a parella posúe dous pisos independentes e contiguos á súa casa, un dos que ten alugado, pero ambos están nun mesmo inmoble e só lles aboarán o prezo dunha casa.

Beatriz Abad entende que a Universidade e cidade teñen que crecer pero reclama que, se para iso teñen que abandonar o seu fogar, se lles ofrezan unhas condicións similares ás que tiñan.

Os expropiados de Elviña confían en que a Xunta ratifique o acordo xa pactado

El Ideal Gallego
A Coruña
24/05/09
O superdelegado da Xunta na Coruña reuniuse esta semana cos veciños expropiados de Elviña e diminuíu as súas preocupacións. Tras o encontro os damnificados teñen a esperanza de que o goberno galego ratifique o novo acordo ao que chegou con anteriores dirixentes.
C.R. A Coruña

Con esperanza. Así é como saíron os veciños de Castro de Elviña que serán expropiados para construír a residencia universitaria tras a reunión que mantiveron coa administración autonómica. O superdelegado do goberno galego na provincia, Diego Calvo, reuniuse esta semana cos afectados e parece que se comprometeu a intentar ratificar o convenio que, de palabra, xa tiñan acordado coa anterior Xunta.
O portavoz dos damnificados, Carlos Maceiras, cualifica de “positiva” e, segundo os presentes, nada tivo que ver cos anteriores encontros, “moi tensos”. “Non houbo ningunha negativa de entrada”, afirma Maceiras, o que xa considera como un paso cara a adiante. Tras unha explicación por parte dos veciños de todo o proceso polo que pasaron durante estes dous anos, Calvo comprometeuse a defender o acordo inicial que existía porque considera razoábeis as esixencias dos afectados. Os veciños destacan o informado que estaba o delegado sobre o conflicto e el asegurou que se poñería en contacto con eles nun prazo de vinte días.
Maceiras asegura que Calvo tamén se comprometeu a non desaloxar ningunha familia nin dar comezo ás obras ata que o acordo e o proceso administrativo estivese pechado, algo que tranquiliza aos que serán expropiados.
O pacto ao que chegaran coa anterior Xunta consistía basicamente en aumentar o prezo que lles abonaría a administración por metro cadrado ata superar os oitocentos euros no caso do terreo edificado, nun principio esta cifra situábase en cincocentos vinte. No caso das fincas o prezo é de cento cinco euros.
Os veciños sempre denunciaron a diferencia que existía entre o que lles pagaba o Concello e o que debían pagar os expropiados pola súa nova vivenda de protección oficial, entre novecentos e mil douscentos euros o metro, segundo a situación de cada familia. O obxectivo era achegar os prezos para evitar o desfase económico entre ambos inmobles.
Proxecto> A nova Xunta será a encargada de adxudicar a construcción da residencia a unha das vintetrés empresas que accederon ao concurso público que finalizou o prazo de presentación en febreiro.
O proxecto, elaborado por un estudio catalán, inclúe catrocentos apartamentos de entre 40 e 45 m2, con capacidade para seiscentos estudiantes e profesores, dúas grandes prazas a cada un dos lados xa que se lle deu gran importancia aos espacios comúns. Prevese que o edificio estea listo no 2012.

24/5/09

Um passeio polo lugar d'Elvinha

Rede de Direitos Sociais
28/03/09

Rodeadas de umha autêntica apocalipse post-urbana. Assim vivem no âmbito quotidiano as vizinhas e vezinhos do histórico e singular lugar-bairrode Elvinha, no -atual- perímetro urbano da Corunha.
Partes significadas dum cinto sub-rural paradoxalmente rodeado e acossado polo próprio tecido urbano da metrópole corunhesa, os lugares que conformam esta comunidade humana assentada neste território desde há séculos sofrem hoje a pior das violências especulativas: a institucional.
As expropriaçons inerentes ao crescimento desmedido dumha instituiçom-negócio (a Universidade da Corunha) ninguneam umha realidade social de respeito e aproveitamento sustentável dos recursos consolidadadurante geraçons nas terras de Elvinha, hoje pendentes de expropriaçons irrisórias a mãos da UDC. E a ninguneám em fondo e forma. Tratando de borrar do mapa umha organizaçom do território centenária e fazendo-o sem realoxos dignos. Oferecendo esmolas dificilmente equiparáveis a qualquer preço lógico queempurram as vizinhas futurivelmente expropriadas cara a umha incertasituaçom no económico e vital.
Desde o eixo de território da Rede de Direitos Sociais (Rede de ativistase vizinhas da Corunha) caminhamos junto as nossas compas de Elvinha, por este tecido societário baixo risco de destruiçom iminente (o desalojo das primeiras vizinhas pode vir no prazo dum par de meses) conhecendo, comprendendo e analisando este espaço físico e afetivo em conflito aberto com a instituiçom/universidade.
Estade atentas a novas infos.

23/5/09

Novo proxecto no Campus de Elviña


La Voz de Galicia
22/05/09
A Coruña



A UDC proxecta un centro de investigación da madeira sobre un aparcadoiro




Dolores Vázquez. Os 37.000 metros cadrados destinados á investigación no campus coruñés veranse ampliados cun novo centro, a denominada unidade mixta de investigación da madeira, que se vai adxudicar en 15 días e que se espera que entre en funcionamento o próximo ano, segundo avanzou o vicerreitor de Infraestruturas, Xosé Lois Martínez, que defendeu que este tipo de inmobles se incorporen ao campus.

O inmoble, financiado pola Consellería de Innovación con 300.000 euros e que terá 300.000 metros cadrados, é un deseño dos arquitectos Covadonga Carrasco e Jorge Salgado. Situarase encima dun inmoble destinado a aparcadoiro entre a Escola Superior e a Técnica de Arquitectura.

O edificio, construído en madeira, sobrevoa catro metros sobre a rúa e o seu deseño, moi lonxitudinal, emula a pezas esculpidas. «Fachada, cuberta, chans e mobiliario serán de madeira. O edificio como unha peza en si mesma», explicou Carrasco, que indicou que se sitúa entre dúas placas de formigón e terá un prazo de execución de nove meses.

Martínez destacou que se apostou por este material non só por ser o motivo principal do centro, senón que recordou que hai unha «razón cultural porque a cidade da Coruña é a cidade de madeira», apostilou en alusión ás galerías. Así mesmo, destacou que o uso da madeira na construción tendeuse a relegar desde a aparición do formigón, pero indicou que noutros países europeos xa se está producindo esta tendencia e no caso galego supón tamén unha aposta pola sustentabilidade, non só porque non é un recurso esgotado, senón pola súa capacidade como material reciclable.

Martínez tamén manifestou que a localización permite relacionar as dúas escolas e estimou, respecto ao aparcadoiro, que «a crise tamén vai supoñer un cambio» dos espazos na cidade e levará a dar outros usos a algunhas zonas.