1/2/11

O complexo público, con 600 prazas, aínda espera pola adxudicación das obras

La Opinión de A Coruña
01/02/2011
A Coruña

José Manuel Gutiérrez. A Coruña

O inicio das obras do complexo residencial do campus coruñés aínda precisa da adxudicación do proxecto a unha das 20 empresas que concurriron ao concurso convocado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo. Todo o proceso se paralizou coa chegada do PP á Xunta, pese a que as ofertas das construtoras xa foron evaluadas e existen indicios de que xa se coñece cal é a proposta gañadora.

A Universidade aprobou ademais hai xa 6 meses o compromiso polo que aceptará a cesión do coplexo unha vez construído, así facerse cargo do seu mantemento, conservación e xestión das 600 prazas previstas, requisito que lle esixiu o Goberno galego. O vicerreitor Xosé Lois Martínez estima que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, debe aplicarse neste caso o mesmo comentario que efectuou hai días sobre as caixas de aforro galegas: "Habería que preguntarse por que se a residencia era viable hai un ano e medio, por que non o é agora.

O proxecto establece a construción de 370 apartamentos cunha capacidade situada entre os 500 e os 600 estudantes e profesores, o que reduciría a demanda actual, aínda que lonxe as 1.500 ou 2.000 prazas que cumprirían os niveis europeos. En Galicia, o campus de Santiago conta con 1.203 prazas públicas e o de Lugo con 97. Vigo dispón de 218 aloxamentos deste tipo, mentras que Ourense de 194.

A esta iniciativa, a Universidade suma a incluída no Campus Center - entre o apeadeiro do ferrocarril e o estadio universitario -, onde se proxectan 250 vivendas. Outro polígono residencial situaríase en terreos entre Elviña e a avenida de Alfonso Molina.

A Universidade vincula o freo á súa residencia pública co convenio para a privada Rialta

La Opinión de A Coruña
01/02/2011
A Coruña

O vicerreitor Xosé Lois Martínez advirte agora de que a exconselleira de Vivenda Teresa Táboas sufriu "presións" en 2007 para intentar que o proxecto de aloxamentos públicos non se levase a cabo

Un acordo suscrito hai 17 anos afecta de forma importante á posta en marcha da residencia pública da Universidade coruñesa, segundo o Reitorado, xa que obriga a financiar parte do coste das prazas do aloxamento que posee a empresa Rialta, propiedade de Manuel Jove. O Vicerreitor Xosé Lois Martínez afirma que a anterior Xunta recibiu "presións" para que non se construísen os apartamentos proxectados pola institución académica, con alugueres entre 100 e 150 euros, e estima que non debería manterse o convenio con Rialta se non reduce os seus prezos actuais ata os niveis da futura residencia pública.

José Manuel Gutiérrez. A Coruña

A existencia dun convenio suscrito pola Universidade en 1994 coa empresa Rialta - propiedade de Manuel Jove - inflúe de forma decisiva na paralización do proxecto de construción de aloxamentos públicos no campus coruñés desde a chegada do PP ao Goberno galego, segundo afirma o vicerreitor de Infraestruturas, Xosé Lois Martínez, quen estima que o Reitorado debería suspender o acordo coa residencia privada se non ofrecese os mesmos prezos que os previstos para a pública.

José María Barja e Teresa Táboas na presentación do proxecto da residencia públuca en 2007. Cabalar

Desde a firma do convenio con Rialta, a Universidade non puxo en marcha ningunha iniciativa para dotarse de aloxamentos propios, ata que en 2005 o Reitorado e a Xunta bipartita decidiron promover un conxunto de apartamentos que se ofertarían en réxime de aluguer.

A Consellería de Vivenda foi encargada de deseñar o proxecto da área residencial e Martínez asegura que a súa responsable, Teresa Táboas, recibiu "presións para que non se executase". En opinión do vicerreitor, o convenio que suscribiran con Rialta "é unha variable máis" da situación actual, que leva á Coruña a ser a única universiade española que carece de prazas de residencias públicas.

Pese a que a Universidade aprobou en 1990 un plan parcial no que se reservaban 40.000 metros cadrados de terreos para uso residencial de estudantes e profesores, o Reitorado, que entón presidía José Luis Meilán, deu un golpe de timón e aprobou o 14 de xuño de 1993 un convenio co Concello de Culleredo para colaborar na construción de residencias de prezos concertados.

Tan só un mes máis tarde, Residencial Rialta presentou ao Concello unha proposta para levar a cabo o acaordo e construír "edificios de interese público e utilidade social nuns terreos da súa propiedade" que estaban clasificados como solo urbanizable non programado no plan xeral de Culleredo de 198. As parcelas, que ocupaban 39.820 metros cadrados, formaban parte dunha antiga canters e non podían ser edificables ata que esa superficie non se programase e se realizasen a urbanización e as cesións do solo obrigatorio para os solos urbanizables.

Aínda nese mesmo verán, o pleno de Culleredo concedeu o 19 de agosto a Rialta os beneficios incluídos no convenio, metras que o 20 de outubro declarou de utilidade pública e de interés social o proxecto da empresa, que o 26 de xaneiro de 1994 recibiu o permiso da Comisión Provincial de Urbanismo para construír a residencia. Foi no seguinte verán cando as tres partes - Universidade, Culleredo e Rialta - suscribiron o acordo que segundo o actual reitorado dificulta na actualidade a construción de aloxamentos públicos.

O pacto do 14 de xullo obrigaba á empresa de Jove a levantar unha residencia de 259 prazas que debía entrar en servicio no curso 1995-1996. A cambio, o Goberno local cuulerdense liberou a Rialta de abonar o 50% do custe das licencias e impostos municipais e comprometeuse a "non autorizar ningunha instalación deste tipo como destino a usos universitarios públicos ata que a Universidade non xustifique a súa necesidade e sempre reservando a favor de Rialta SL as primeiras 500 prazas".

Xosé Lois Martínez mostra a súa sorpresa pola aprobación dun convenio que obriga a unha institución pública como a Universidade da Coruña a xustificar ante unha empresa privada a necesidade de dotarse de aloxamentos propios e pon de relevo ademais outra das cláusulas do acordo, pola que existe a obriga de financiar parte do custe de 150 prazas de Rialta mediante unha aportación anual que se sitúa agora nos 270.000 euros, polo que cada un dos beneficiarios desa subvención recibe uns 200 euros ao mes para contribuír ao pago da súa habitación.

O convenio establecía ademais a conversión da residencia nun aloxamento de carácter xeral durante o verán, de forma que os universitarios vense obrigados a abandonalo para permitir a chegada doutras persoas.

Se finalmente se constrúe o complexo residencial público no campus coruñés, "non tería moito sentido manter outro tipo de convenios", afirma Xosé Lois Martínez, para quen o acordo existente con Rialta "só reía mantible se se ofrecesen os mesmos prezos que na residencia pública".

As tarifas que pretende aplicar o reitorado nos apartamentos que proxecta en Elviña correspóndense co aluguer das vivendas de proteción autonómica, que varía entre os 100 e os 150 euros. Fronte a eses prezos, Rialta cobra 675 euros por unha habitación individual e 583 por unha dobre, aínda que quen solicite un cuarto de maior tamaño para uso individual debe abonar 701 euros. Esas tarifas inclúen o aloxamento, a pensión completa, a limpeza da habitación e o transporte ao campus e á cidade, aínda que non os consumos de electricidade, auga quente e calefacción.

"Non ten sentido que a Universidade alugue aprtamentos no campus a 100 ou 150 euros e que por outra banda estea pagando 200 euros por praza a unha empresa privada", comenta Martínez sobre a inviabilidade do convenio nos seus termos actuais.

15/1/11

A herdanza do embaixador

La Opinión de A Coruña

A Coruña

15/01/2011




M. Otero / R. García. A Coruña. Javier Losada herdou o bastón de mando municipal en 2006 de mans de Francisco Vázquez, que daquela tomou o camiño do Vaticano como embaixador de España ante a Santa Sé. Porén, o actual alcalde herdou aquel día algo máis que o despacho de Alcaldía. Ese 10 de febreiro de 2006 no que Vázquez anunciou oficialmente a súa marcha, Losada tivo que facerse cargo en solitario das actuacións que durante dúas décadas protagonizaron a xestión do hoxe diplomático á fronte do Concello, xa que logo formou parte dos gobernos de Váquez desde que se incorporou á corporación municipal no ano 1983.



Antes que alcalde, Losada tivo outras responsabilidades. Foi, por exemplo, concelleiro de Urbanismo. Esa etapa lémbralla agora a oposición, cando o seu goberno local paga a peaxe dalgunhas das decisións que se tomaron cando Francisco Vázquez exercía como alcalde. O edificio do Conde de Fenosa, as expropiacións de Someso ou a urbanización da Agra de San Amaro, todas son consecuencia, en maior ou menor medida, do último plan xeral que aprobou o emabaixador ante o Vaticano. Algúns viron nestas controvertidas actuacións e outras de natureza similar -a compra dunha vivenda no Parrote a un prezo moi inferior ao de mercado ou os seus vinculos con sectores empresariais- o motivo polo que Vázquez abandonou a Alcaldía. Losada paga agora polo mesmo pero en forma de indemnizacións xudiciais e sentencias millonarias.



O edificio Conde de Fenosa. No verán de 2009, o Tribunal Supremo confirmou a orde de derrubo do edificio a raíz da denuncia presentada por un particular. O fallo do alto organismo xudicial daba a razón ao demandante e establecía que a licenza de reforma da antiga sede da compañía eléctrica na rúa Fernando Macías para convertila nun bloque de vivendas e oficinas non se adaptaba ao planeamento urbanístico vixente no momento da concesión. As manobras xudiciais para evitar a sentenza foron encamiñadas desde que se iniciou o proceso xudicial a legalizar a situación do edificio para esquivar a demolición. O Goberno local continúa insistindo nesa postura, malia que se esgotaron todos os recursos posíbeis. Desde o Palacio Municipal de María Pita tampouco ninguén ofreceu explicacións sobre o acontecido, a pesar da periodicidade coa que o Partido Popular esixiu a creación dunha comisión de investigación. O concelleiro de Urbanismo cando se concedeu a licenza, Salvador Fernández-Moreda, hoxendía presidente da Deputación, tamén garda silencio.



Os terreos de Someso. O Concello expropiou en 1989 uns terreos en Someso para a cosntrucción do novo campo de fútbol do Relámpago. Porén, o Goberno local decidiu finalmente vender as parcelas a promotoras privadas para levantar pisos. Os antigos propietarios, ao coñecer as intencións municipais, esixiron a reversión dos terreos. No 2004, sendo edil de Urbanismo Javier Losada, o Concello rexeitou esta posibilidade e iniciouse un procedemento xudicial que finalizou recentemente cunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no que se lle obriga ao Concello a pagar indemnizacións por mais de oito millóns de euros aos antigos donos.



A urbanización de San Amaro. A última das consecuencias do plano xeral de 1998 resolveuse esta mesma semana. O anterior ordenamento incluíu entre os novos solos urbanizábeis dipoñíbeis na cidade uns predios a 500 metros da Torre de Hércules, entre o que hoxe é a urbanización de Adormideras e as instalacións deportivas. O paso foi consecuencia do convenio para as compensacións pola contrucción do paseo marítimo. O proxecto, porén, estivo gardado nun caixón até o nomeamento do monumento como Patrimonio da Humanidade, en xuño de 2009, e rebentoulle na cara ao Goberno local porque lle ocultou á Unesco durante o proceso de avaliación do faro romano que a urbanización se mantiña no plan xeral actualmente en tramitación nos mesmos termos que en 1998. A Consellería de Cultuar ordena agora eliminar estación para non poñer en risco o título da Torre.




Parque Ofimático. A urbanización do parque Ofimático dou tantas voltas que se chegou a modificar por completo a execucíón do proxecto. O que ía ser un sofisticado centro tecnolóxico para empresas punteiras, convertiuse co paso dos anos nunha zona residencial con máis de 2.400 pisos. Entrementres, o Concello tivo que se enfrontar á reparcelación de todas as parcelas necesarias para construír a urbanización. Porén, as denuncias presentadas puxeron varias pedras no camiño do Goberno local.

Finalmente, e a pesie a que o Administrador local de Infraestructuras Ferroviarias (Adif) reclamou que o concello obviara que varios predios eran da sua propiedade, a obra saíu a contratación. Agora a que se enfronta a un proceso xudicial por esta actuación é a Xunta, á que varios particulares reclaman a reversión dunha serie de terreos.


12/1/11

A Universidade vese obrigada a construír en zonas non edificábeis por falta de terreos.

El Ideal Gallego
3/01/2011
A Coruña



M. Pérez> A Coruña. O campus queda sen espazo por falta de terreos e por ese motivo a Universidade vese obrigada a construír en lugares onde non lle está permitido. Fontes próximas á institución explicaron a este xornal que parte das estruturas situadas en Elviña ocupan áreas onde está prohibido edificar. É o caso, por exemplo, da ampliación do Edificio de Informática, ou da de Enxeñaría de Camiños, que se levantan sobre unha beirarrúa: “Algo haberá que inventar para poder construír”. Trátase nesta situación de infraestruturas de máis de catro andares que ocupan un espazo que non lles corresponde e “comen” espazo –aínda que este é mínimo- á rúa.

O problema é que esta irregularidade urbanística se debe exclusivamente, tal e como explica esta persoa, á falta de terreos. Segundo apunta, a Xunta non expropiou arredor dun 48% do espazo comprometido para poñer a disposición da entidade educativa hai xa vinte anos. Acontece que hai dúas décadas se acordou coa administración un plano parcial para a entidade educativa do que quedan aínda por expropiar 420.000 metros cadrados de terreo, ademais de outros que deben ser cedidos e aínda están pendentes de ser habilitados. En total son sete parcelas que no devandito documento estaban destinadas a “ser campus” e das que a UDC non dispón hoxe en día.

Maxisterio> Unha situación similar se vivirá no inmóbel de Ciencias da Educación, no que se vai levar a cabo unha expansión “en breve”. Segundo indica esta fonte, a obra terá que realizarse ocupando unha zona verde. Malia negaren que sexa do gusto da entidade saltarse a normativa, si xustifican os feitos asegurando que sería imposíbel crecer adecuadamente sen facelo.

O que acontece, sostén a persoa que revelou a información, é que “non se proporcionan os recursos adecuados a unha institución que os necesita e moito”. Por outra banda non se prexudica practicamente a ninguén con estas irregularidades, aínda que si, aseguran , se mantén preocupadas a aquelas persoas que están pendentes de que as súas parcelas sexan expropiadas.

Mais esta non é a única polémica entre a Xunta e o organismo de educación superior coruñés, porque, entre ambos, aínda colea o problema da residencia universitaria. Neste caso tamén houbo demoras cos terreos, unha dificultade que agora se estende á adxudicación da obra. Ao ser A Coruña a única cidade universitaria de Europa que non conta coa posibilidade de dar aloxamento público aos seus estudantes, vería recortadas as súas posibilidades fronte a outros centro do continente cos que terá que competir.

Boloña> Esta discusión acentúase este curso máis e cabe coa entrada en vigor do Espazo Europeo de Educación Superior este ano. En varias ocasións, desde o Reitorado, sinalaron que “cada día que se atrasa é un prexuízo” para a cidade e para o Sistema Universitario de Galicia (SUG) en xeral.
E acontece que se hai menos rapaces estudando na Coruña, non só a poboación herculina se ve afectada, senón que tamén se resinte a economía do resto das entidades galegas –Vigo e Santiago- que forman parte dun todo coñecido como SUG, que este ano promoven os tres reitores como unha realidade presente e unha esperanza de futuro.

23/11/10

Expropiados de Elviña recurren ante o Superior os prezos que pagou a Xunta

La Opinión de A Coruña
20/11/10
A Coruña
Os afectados denuncian que o Goberno autonómico adquiriu os terreos para construír unha residencia universitaria por 105 euros o metro cadrado, mentras que os peritos o taxan en 518
Tania Suárez > A Coruña
As familias ás que a Xunta expropiou 45.000 metros cadrados de solo para construír unha residencia universitaria en Elviña presentaron un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Os afectados, que son propietarios de 64 parcelas na zona, esixen aos xuíces que investiguen por que o Goberno galego lles pagará 105 euros por cada metro cadrado dos seus solares cando os peritos o taxan en 518 euros. O Executivo autonómico, segundo denuncian os perxudicados, abonaralles un prezo cinco veces inferior ao estimado polos profesionais.
O Instituto Galego de Vivenda e Solo iniciou en 2006 as expropiacións nas inmediacións do campus universitario e do núcleo rural de Castro de Elviña para construír unha residencia con máis de 600 prazas para profesores e alumnos. A Xunta ofreceu aos donos das fincas 105 euros por metro cadrado. Os propietarios reclamaron a taxación, que consideran irrisoria porque se trata de solo urbán, ao xurado de expropiacións. O órgano, porén, determinou o pasado 17 de setembro que o prezo que pagará o Goberno galego polos terreos é suficiente, polo que os afectados presentaron un recurso de interposición ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Os afectados convocaron manifestacións contra o Executivo autonómico polas expropiacións, xa que a maioría teñen que abandonar a casa onde residiu toda a súa vida. A zona do Castro de Elviña é a máis afectada da cidade polas expropiacións, que comezaron coa construción de Alfonso Molina, dos polígonos industriais e da univeAñadir imagenrsidade, e que continúan cos terreos adquiridos polo Concello en Someso para levantar vivendas e un centro comercial, cos solares que expropiou a Xunta para o parque ofimático e coas fincas adquiridas cerca do campus para albergar unha residencia de estudantes.
A administración galega encargarase de construír as instalacións para os alumnos e profesores, mentras que a universidade se comprometeu a mantelas. O proxecto para levantar a residencia ten licencia de obra desde marzo do ano pasado, pero os traballos aínda non comezaron. O centro situarase na ladeira que une os campus de Elviña e A Zapateira e contará con máis de 600 prazas de aloxamento. O Executivo autonómico incluiu nos orzamentos deste ano unha partida de 10,7 millóns de euros para iniciar a construción do edificio, que está parada.
O Goberno galego prevé invertir na residencia e no acondicionamento da parcela e dos accesos á mesma 24,5 millóns de euros. A Consellería de Traballo e Infraestruturas acusou ao Concello do retraso na execución das obras, que durarán en torno a dous anos e medio.
O Concello comprometeuse co Executivo autonómico a realoxar as familias ás que lles van derribar as vivendas, pero aínda non foron recolocadas. As expropiacións dos terreos de Elviña para a construción da residencia universitaria figuraban no plan parcial do campus, aprobado pola Xunta en decembro de 2006.
O descontento dos propietarios dos terreos polas indemnizaciñons que lles pagará o Executivo autonómico levounos a cortar o tráfico en Alfonso Molina, a concentrarse no lugar de Castro de Elviña durante a conmemoración do bicentenario da batalle que se orixinou na zona e a manifestarse ante o alcalde. As protestas non foron efectivas, polo que recurriron á xustiza.
"Na Coruña parece que hai unha novela con distintos capítulos, tantos nesta (en referencia ao parque ofimático) como noutras actuacións, sempre hai un acto principal, que é o alcalde (Javier Losada). Na Xunta foron cambiando", afirma o delegado provincial do Goberno galego, Diego Calvo, sobre as últimas sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que abrigan ao Executivo autonómico a devolver os terreos que expropiou para levantar a futura urbanización do ofimático e ao Concello coruñés a indemnizar a antigos donos de Someso con 8,2 millóns de euros.
Calvo lamentou que o Concello compare as expropiacións de Someso realizadas desde María Pita e o seu posterior recalificación co que efectuou a Xunta no ofimático, pois o Goberno municipal participou nambos proxectos. O portavoz local do PP, Carlos Negreira, criticou que o alcalde utilice o parque ofimático como cortina de fume para evadirse das súas responsabilidades en Someso. O Tribunal de Contas abrirá unha investigación para depurar responsabilidades en Someso. A concelleira de Urbanismo, Obdulia Taboadela, mostrouse disposta a colaborar: "Todo neste polígono fíxose conforme á ley".

22/11/10

Todos os proxectos de obra nova aprázanse sen data

La Voz de Galicia
19/11/10
A Coruña
O Equipo reitoral comprométese a "intentar manter" a plantilla da institución
A Coruña
A programación plurianual esbozada no claustro terá unha repercusión inmediata nas inversións, que sufrirán no 2011 un recorte similar ao practicado este ano, do 20%. "Será imposible abordar grandes proxectos con fondos propios", resumiu o vicerreitor económico, de modo que as actuacións se limitarán só a terminar as obras que xa están en marcha e a realizar as esixidas polo proceso de adaptación ao espazo europeo de educación superior. "Todas as proxectadas se adiarán", engadiu Ángel Fernández.
En marcha: Informática, Camiños, Educación, Náutica, Riazor
Entre as obras que continuarán levándose a cabo no 2011 están as xa iniciadas para ampliar a facultade de Informática e a Escola de Camiños cun orzamento global de 4 millóns dotados con cargo a orzamentos anteriores. A área deportiva do Campus Center, con fines docentes vinculados á facultade de Ciencias da Educación, recibirá 1,4 millóns de euros e 300.000 irán á reforma da Aula de Náutica. Por último, outros 900.000 serán para acondicionar o Centro Cultural de Riazor e o Centro Cívico de Ferrol.
En suspenso: Parque Tecnológico, Campus Center e residencia de Ferrol
As restriccións orzamentarias deixan en suspenso proxectos previstos para iniciar o ano que vén no Parque Tecnolóxico, como a segunda fase de ampliación do Citeec e dous novos edificios, e do Campus Center, caso da área de servizos e atención universitaria. Ademais, tamén se apraza a construcción da residencia prevista en Ferrol, que en palabras do equipo reitoral, resulta "prioritaria para acadar ingresos externos". Sobre a residencia de Elviña, informouse no claustro de que a tramitación requerida á UDC completouse hai meses e que a obra, que financia a Xunta, está pendente de adxudicación.
Priorización: Sen un millón para o pintado de facultades
Ángel Fernández insistiu en que a UDC deberá medir moito as decisións de gasto que tome nos próximos exercicios e será "imprescindible priorizar". Puxo exemplos da crítica situación asegurando que "hai necesidades de pintado de fachadas por valor superior a un millón de euros, inabordables neste momento".
Máis información:

20/11/10

O Superior condena á Xunta por recalificar as fincas que expropiou no parque ofimático

La Opinión de A Coruña
17/11/10
A Coruña

O Tribunal ordena ao Goberno gallego nunha sentencia contra a que non é posible un recurso que devolva aos seus donos 80.000 metros cadrados. A reversión é inviable, polo que terán que indemnizalos.

Tania Suárez > A Coruña

A Xunta deberá indemnizar aos propietarios de 80.000 metros cadrados de terreos situados entre Eirís e Matogrande aos que expropiou para construír un parque de oficinas e que finalmente albergarán máis de 2.000 vivendas. Así o ordena o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nunha sentencia firme, é dicir, contra a que non hai recurso posible. O alto órgano xurisdiccional galego considera probado que o Instituto Galego de Vivenda e Solo presionou aos afectados para que vendesen os seus solares entre 1993 e 1994 por 60 euros o metro cadrado. Tras facerse coas parcelas, o Goberno autonómico e o Concello decidiron modificar o proxecto inicial do parque ofimático e destinalas a pisos.

Parte dos terreos nos que se prevía contruír o parque ofimático e que albergarán pisos. / juan varela

O Tribunal Superior estima o recurso presentado por unhas sesenta familias que eran propietatias de 80.000 metros cadrados de solo porque a administración recalificou os solares despois de expropialos. Os xuíces ordenan á Xunta, que adquiriu cerca de 157.000 metros cadrados, que devolva os terreos aos perxudicados que reclamaron a reversión, algo imposible de executar porque existe un plan de reparcelación do parque ofimático. A única saída do Goberno galego para acatar o fallo, que é firme, é pagar indemnizacións aos expropiados, que na súa maioría foron representados polos avogados María José Almodóvar Melendo, Luis Antonio Cores Castro e Juan Ricardo López. O letrado Abraham Piñeiro tamén defendeu a varios dos perxudicados.
O Executivo autonómico ten un prazo de dous meses para cumprir de forma voluntaria a sentencia, por tanto, deberá iniciar antes desa data os trámites para devolver as fincas aos demandantes. O propio Goberno galego fixará a cantidade coa que indemnizará aos perxudicados, que poden recurrir aos xulgados en caso de que consideren que é insuficiente.

Os xuíces desestimaron os recursos presentados polo afectados durante os últimos anos porque carecían de probas de que o Instituto Galego de Vivenda e Solo os expropiara. A administración defendía que adquirira os terreos de forma libre, é dicir, mediante un proceso de compra venta. Despois de anos de denuncias, reclamacións e sentencias, os afectados localizaron un documento que confirma que foron obrigados a vender as súas fincas, o que provocou que en 2009 o Superior anulase todo o proceso xudicial que se levara a cabo.

"Resulta probado que a administración iniciou formalmente o procedemento expropiatorio mediante a aprobación e publicación do decreto polo que se declaraba a urxente ocupación, a efectos da súa expropiación, dos bens e dereitos necesarios para executar a primeira fase do plan parcial do parque ofimático", suliña o alto tribunal galego no fallo no que condena á Xunta. O Superior, por tanto, basea a súa sentencia no achado do documento que o Instituto Galego de Vivenda e Solo ocultaran aos xuíces durante anos.
O escrito, ao que tivo acceso este diario, inclúe o cálculo do prezo das expropiacións e a relación de propietarios das fincas e dos bens afectados para construír un parque de oficinas. Os xuíces insinúan no auto no que anularon as sentencias nas que daban razón á Xunta que se sentiron burlados polo Executivo galego. "A súa existencia - din referíndose ao documento - debía ser obrigatoriamente coñecida pola administración demandada", destacan os maxistrados.
O proxecto do ofimático que presentou a principios do mes de outubro a concelleira de Urbanismo, Obdulia Taboadela, inclúe a construcción de máis de 2.000 vivendas. Dista moito do plan presentado hai vinte anos polo entón conselleiro Antonio Couceiro, que incluía, entre outras instalacións, un heliporto, un apeadeiro de tren e un campo de golf. As instalacións estarían ao servizo dunha área que albergaría oficinas de empresas relacionadas coa tecnoloxía.


Os avogados dos expropiados celebran que a xustiza recoñecese o seu dereito de reversión aínda que lamentan que algúns dos afectados morresen sen coñecer a sentencia.

Máis información: