1/2/11

A Universidade vincula o freo á súa residencia pública co convenio para a privada Rialta

La Opinión de A Coruña
01/02/2011
A Coruña

O vicerreitor Xosé Lois Martínez advirte agora de que a exconselleira de Vivenda Teresa Táboas sufriu "presións" en 2007 para intentar que o proxecto de aloxamentos públicos non se levase a cabo

Un acordo suscrito hai 17 anos afecta de forma importante á posta en marcha da residencia pública da Universidade coruñesa, segundo o Reitorado, xa que obriga a financiar parte do coste das prazas do aloxamento que posee a empresa Rialta, propiedade de Manuel Jove. O Vicerreitor Xosé Lois Martínez afirma que a anterior Xunta recibiu "presións" para que non se construísen os apartamentos proxectados pola institución académica, con alugueres entre 100 e 150 euros, e estima que non debería manterse o convenio con Rialta se non reduce os seus prezos actuais ata os niveis da futura residencia pública.

José Manuel Gutiérrez. A Coruña

A existencia dun convenio suscrito pola Universidade en 1994 coa empresa Rialta - propiedade de Manuel Jove - inflúe de forma decisiva na paralización do proxecto de construción de aloxamentos públicos no campus coruñés desde a chegada do PP ao Goberno galego, segundo afirma o vicerreitor de Infraestruturas, Xosé Lois Martínez, quen estima que o Reitorado debería suspender o acordo coa residencia privada se non ofrecese os mesmos prezos que os previstos para a pública.

José María Barja e Teresa Táboas na presentación do proxecto da residencia públuca en 2007. Cabalar

Desde a firma do convenio con Rialta, a Universidade non puxo en marcha ningunha iniciativa para dotarse de aloxamentos propios, ata que en 2005 o Reitorado e a Xunta bipartita decidiron promover un conxunto de apartamentos que se ofertarían en réxime de aluguer.

A Consellería de Vivenda foi encargada de deseñar o proxecto da área residencial e Martínez asegura que a súa responsable, Teresa Táboas, recibiu "presións para que non se executase". En opinión do vicerreitor, o convenio que suscribiran con Rialta "é unha variable máis" da situación actual, que leva á Coruña a ser a única universiade española que carece de prazas de residencias públicas.

Pese a que a Universidade aprobou en 1990 un plan parcial no que se reservaban 40.000 metros cadrados de terreos para uso residencial de estudantes e profesores, o Reitorado, que entón presidía José Luis Meilán, deu un golpe de timón e aprobou o 14 de xuño de 1993 un convenio co Concello de Culleredo para colaborar na construción de residencias de prezos concertados.

Tan só un mes máis tarde, Residencial Rialta presentou ao Concello unha proposta para levar a cabo o acaordo e construír "edificios de interese público e utilidade social nuns terreos da súa propiedade" que estaban clasificados como solo urbanizable non programado no plan xeral de Culleredo de 198. As parcelas, que ocupaban 39.820 metros cadrados, formaban parte dunha antiga canters e non podían ser edificables ata que esa superficie non se programase e se realizasen a urbanización e as cesións do solo obrigatorio para os solos urbanizables.

Aínda nese mesmo verán, o pleno de Culleredo concedeu o 19 de agosto a Rialta os beneficios incluídos no convenio, metras que o 20 de outubro declarou de utilidade pública e de interés social o proxecto da empresa, que o 26 de xaneiro de 1994 recibiu o permiso da Comisión Provincial de Urbanismo para construír a residencia. Foi no seguinte verán cando as tres partes - Universidade, Culleredo e Rialta - suscribiron o acordo que segundo o actual reitorado dificulta na actualidade a construción de aloxamentos públicos.

O pacto do 14 de xullo obrigaba á empresa de Jove a levantar unha residencia de 259 prazas que debía entrar en servicio no curso 1995-1996. A cambio, o Goberno local cuulerdense liberou a Rialta de abonar o 50% do custe das licencias e impostos municipais e comprometeuse a "non autorizar ningunha instalación deste tipo como destino a usos universitarios públicos ata que a Universidade non xustifique a súa necesidade e sempre reservando a favor de Rialta SL as primeiras 500 prazas".

Xosé Lois Martínez mostra a súa sorpresa pola aprobación dun convenio que obriga a unha institución pública como a Universidade da Coruña a xustificar ante unha empresa privada a necesidade de dotarse de aloxamentos propios e pon de relevo ademais outra das cláusulas do acordo, pola que existe a obriga de financiar parte do custe de 150 prazas de Rialta mediante unha aportación anual que se sitúa agora nos 270.000 euros, polo que cada un dos beneficiarios desa subvención recibe uns 200 euros ao mes para contribuír ao pago da súa habitación.

O convenio establecía ademais a conversión da residencia nun aloxamento de carácter xeral durante o verán, de forma que os universitarios vense obrigados a abandonalo para permitir a chegada doutras persoas.

Se finalmente se constrúe o complexo residencial público no campus coruñés, "non tería moito sentido manter outro tipo de convenios", afirma Xosé Lois Martínez, para quen o acordo existente con Rialta "só reía mantible se se ofrecesen os mesmos prezos que na residencia pública".

As tarifas que pretende aplicar o reitorado nos apartamentos que proxecta en Elviña correspóndense co aluguer das vivendas de proteción autonómica, que varía entre os 100 e os 150 euros. Fronte a eses prezos, Rialta cobra 675 euros por unha habitación individual e 583 por unha dobre, aínda que quen solicite un cuarto de maior tamaño para uso individual debe abonar 701 euros. Esas tarifas inclúen o aloxamento, a pensión completa, a limpeza da habitación e o transporte ao campus e á cidade, aínda que non os consumos de electricidade, auga quente e calefacción.

"Non ten sentido que a Universidade alugue aprtamentos no campus a 100 ou 150 euros e que por outra banda estea pagando 200 euros por praza a unha empresa privada", comenta Martínez sobre a inviabilidade do convenio nos seus termos actuais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario