20/11/10

O Superior condena á Xunta por recalificar as fincas que expropiou no parque ofimático

La Opinión de A Coruña
17/11/10
A Coruña

O Tribunal ordena ao Goberno gallego nunha sentencia contra a que non é posible un recurso que devolva aos seus donos 80.000 metros cadrados. A reversión é inviable, polo que terán que indemnizalos.

Tania Suárez > A Coruña

A Xunta deberá indemnizar aos propietarios de 80.000 metros cadrados de terreos situados entre Eirís e Matogrande aos que expropiou para construír un parque de oficinas e que finalmente albergarán máis de 2.000 vivendas. Así o ordena o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nunha sentencia firme, é dicir, contra a que non hai recurso posible. O alto órgano xurisdiccional galego considera probado que o Instituto Galego de Vivenda e Solo presionou aos afectados para que vendesen os seus solares entre 1993 e 1994 por 60 euros o metro cadrado. Tras facerse coas parcelas, o Goberno autonómico e o Concello decidiron modificar o proxecto inicial do parque ofimático e destinalas a pisos.

Parte dos terreos nos que se prevía contruír o parque ofimático e que albergarán pisos. / juan varela

O Tribunal Superior estima o recurso presentado por unhas sesenta familias que eran propietatias de 80.000 metros cadrados de solo porque a administración recalificou os solares despois de expropialos. Os xuíces ordenan á Xunta, que adquiriu cerca de 157.000 metros cadrados, que devolva os terreos aos perxudicados que reclamaron a reversión, algo imposible de executar porque existe un plan de reparcelación do parque ofimático. A única saída do Goberno galego para acatar o fallo, que é firme, é pagar indemnizacións aos expropiados, que na súa maioría foron representados polos avogados María José Almodóvar Melendo, Luis Antonio Cores Castro e Juan Ricardo López. O letrado Abraham Piñeiro tamén defendeu a varios dos perxudicados.
O Executivo autonómico ten un prazo de dous meses para cumprir de forma voluntaria a sentencia, por tanto, deberá iniciar antes desa data os trámites para devolver as fincas aos demandantes. O propio Goberno galego fixará a cantidade coa que indemnizará aos perxudicados, que poden recurrir aos xulgados en caso de que consideren que é insuficiente.

Os xuíces desestimaron os recursos presentados polo afectados durante os últimos anos porque carecían de probas de que o Instituto Galego de Vivenda e Solo os expropiara. A administración defendía que adquirira os terreos de forma libre, é dicir, mediante un proceso de compra venta. Despois de anos de denuncias, reclamacións e sentencias, os afectados localizaron un documento que confirma que foron obrigados a vender as súas fincas, o que provocou que en 2009 o Superior anulase todo o proceso xudicial que se levara a cabo.

"Resulta probado que a administración iniciou formalmente o procedemento expropiatorio mediante a aprobación e publicación do decreto polo que se declaraba a urxente ocupación, a efectos da súa expropiación, dos bens e dereitos necesarios para executar a primeira fase do plan parcial do parque ofimático", suliña o alto tribunal galego no fallo no que condena á Xunta. O Superior, por tanto, basea a súa sentencia no achado do documento que o Instituto Galego de Vivenda e Solo ocultaran aos xuíces durante anos.
O escrito, ao que tivo acceso este diario, inclúe o cálculo do prezo das expropiacións e a relación de propietarios das fincas e dos bens afectados para construír un parque de oficinas. Os xuíces insinúan no auto no que anularon as sentencias nas que daban razón á Xunta que se sentiron burlados polo Executivo galego. "A súa existencia - din referíndose ao documento - debía ser obrigatoriamente coñecida pola administración demandada", destacan os maxistrados.
O proxecto do ofimático que presentou a principios do mes de outubro a concelleira de Urbanismo, Obdulia Taboadela, inclúe a construcción de máis de 2.000 vivendas. Dista moito do plan presentado hai vinte anos polo entón conselleiro Antonio Couceiro, que incluía, entre outras instalacións, un heliporto, un apeadeiro de tren e un campo de golf. As instalacións estarían ao servizo dunha área que albergaría oficinas de empresas relacionadas coa tecnoloxía.


Os avogados dos expropiados celebran que a xustiza recoñecese o seu dereito de reversión aínda que lamentan que algúns dos afectados morresen sen coñecer a sentencia.

Máis información:



No hay comentarios:

Publicar un comentario