12/1/11

A Universidade vese obrigada a construír en zonas non edificábeis por falta de terreos.

El Ideal Gallego
3/01/2011
A Coruña



M. Pérez> A Coruña. O campus queda sen espazo por falta de terreos e por ese motivo a Universidade vese obrigada a construír en lugares onde non lle está permitido. Fontes próximas á institución explicaron a este xornal que parte das estruturas situadas en Elviña ocupan áreas onde está prohibido edificar. É o caso, por exemplo, da ampliación do Edificio de Informática, ou da de Enxeñaría de Camiños, que se levantan sobre unha beirarrúa: “Algo haberá que inventar para poder construír”. Trátase nesta situación de infraestruturas de máis de catro andares que ocupan un espazo que non lles corresponde e “comen” espazo –aínda que este é mínimo- á rúa.

O problema é que esta irregularidade urbanística se debe exclusivamente, tal e como explica esta persoa, á falta de terreos. Segundo apunta, a Xunta non expropiou arredor dun 48% do espazo comprometido para poñer a disposición da entidade educativa hai xa vinte anos. Acontece que hai dúas décadas se acordou coa administración un plano parcial para a entidade educativa do que quedan aínda por expropiar 420.000 metros cadrados de terreo, ademais de outros que deben ser cedidos e aínda están pendentes de ser habilitados. En total son sete parcelas que no devandito documento estaban destinadas a “ser campus” e das que a UDC non dispón hoxe en día.

Maxisterio> Unha situación similar se vivirá no inmóbel de Ciencias da Educación, no que se vai levar a cabo unha expansión “en breve”. Segundo indica esta fonte, a obra terá que realizarse ocupando unha zona verde. Malia negaren que sexa do gusto da entidade saltarse a normativa, si xustifican os feitos asegurando que sería imposíbel crecer adecuadamente sen facelo.

O que acontece, sostén a persoa que revelou a información, é que “non se proporcionan os recursos adecuados a unha institución que os necesita e moito”. Por outra banda non se prexudica practicamente a ninguén con estas irregularidades, aínda que si, aseguran , se mantén preocupadas a aquelas persoas que están pendentes de que as súas parcelas sexan expropiadas.

Mais esta non é a única polémica entre a Xunta e o organismo de educación superior coruñés, porque, entre ambos, aínda colea o problema da residencia universitaria. Neste caso tamén houbo demoras cos terreos, unha dificultade que agora se estende á adxudicación da obra. Ao ser A Coruña a única cidade universitaria de Europa que non conta coa posibilidade de dar aloxamento público aos seus estudantes, vería recortadas as súas posibilidades fronte a outros centro do continente cos que terá que competir.

Boloña> Esta discusión acentúase este curso máis e cabe coa entrada en vigor do Espazo Europeo de Educación Superior este ano. En varias ocasións, desde o Reitorado, sinalaron que “cada día que se atrasa é un prexuízo” para a cidade e para o Sistema Universitario de Galicia (SUG) en xeral.
E acontece que se hai menos rapaces estudando na Coruña, non só a poboación herculina se ve afectada, senón que tamén se resinte a economía do resto das entidades galegas –Vigo e Santiago- que forman parte dun todo coñecido como SUG, que este ano promoven os tres reitores como unha realidade presente e unha esperanza de futuro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario