16/9/09

O castro de Elviña "prepárase" para unha nova campaña de escavacións no outono

El Ideal Gallego
14/09/09
A Coruña

O Concello segue avogando pola conservación do castro de Elviña sacando a concurso a contratación de dous servizos que contribuirán á mellora do ámbito. A intervención sobre a vexetación da zona, así como a presenza dun servizo de vixilancia para as próximas escavacións, son os proxectos máis inmediatos que facilitarán a súa conservación, así como o traballo dos arqueólogos.

Todos os labores executaranse unha vez pasado o período estival e baixo a dirección do director do Museo Arqueolóxico e arqueólogo, José María Bello. Este afirma que o principal obxectivo é limpar a maleza da zona, sobre todo daquelas partes periféricas que, debido á falta de presuposto, quedaron máis abandonadas. Iso si, tamén se procurará manter determinadas especies: "Cortaranse as árbores que non son autóctonas, e deixaremos outras coma os castiñeiros ou os loureiros", alega Bello.

A pesar da dificultade dos traballos debido á pendente do lugar, así como á súa dimensión, a vantaxe estará en que se poderán realizar os labores de poda durante o período dun ano.


Financiamento > Este proxecto esta cofinanciado nun 75% polo Ministerio de Fomento con cargo ao programa de rehabilitación do Patrimonio Histórico. O resto, será sufragado polo Concello. En total, os traballos de intervención sobre a vexetación contarán cun orzamento final de 195.123 euros que se adxudicaron, provisionalmente a Malveción S.L., por ser a proposición máis vantaxosa á hora de aplicar os requisitos establecidos nos pregos reguladores da contratación.

Pola súa banda, os servizos de vixilancia, contarán cun fondo de 59.653 euros e están adxudicados, a día de hoxe, a Protección de Patrimonios. Estes servizos xa estiveron activos durante as escavacións que se levaron a cabo durante os últimos meses. Así, tal e como relata José María Bello, as faenas realizáronse ao longo de seis meses, ata en días de fortes temporais. Dende xaneiro, ata finais do pasado mes de xuño, un grupo de arqueólogos estivo a traballar en Elviña sacando á luz superficies que aínda estaban ocultas.

Achados >Entre os descubrimentos realizados nos últimos meses, os especialistas encontraron restos dalgunha vasilla, pezas dun prato, así como anacos de tella, os cales confirman, unha vez máis, a presenza posterior dos romanos na zona.

A día de hoxe aínda se descoñece cando se levarán a cabo as próximas escavacións, algo que deberá tramitar a Xunta xunto coa Concellaría de Cultura. Iso si, as zonas nas que se levaron a cabo os últimos traballos xa están listas para que os arqueólogos continúen as faenas. Así, varios metros de lona cobren as franxas descubertas durante os pasados meses para que as condicións meteorolóxicas e os visitantes non dificulten a continuación das operacións que se deixaron iniciadas en xuño.

De momento, tampouco se pode dar unha data que concrete a finalización das escavacións, xa que, tal e como apunta o arqueólogo José María Bello, aínda poden quedar ao redor de tres hectáreas por escarvar. Poderíase dar o caso de que se encontrase unha muralla. Nese caso poderíase decidir se facela visible na súa totalidade ou, non dependendo do interese que puidese achegar.

4/9/09

Festas de Elviña

Hoxe empezan as festas de Elviña coa sesión vermú ás 14.00 horas. A verbena de hoxe e mañá correrá a cargo da orquestra Rumba Oeste que xa participaran nunha das xornadas do ano pasado, con gran éxito entre os veciños.

Maña haberá unha degustación de mexillón a partir das oito da tarde no campo da festa, que se encontra diante da Sociedade de Elviña.

O domingo celebrarase a tradicional misa á 13.00, coa procesión do Santísimo.

Boas festas a todos!

2/9/09

Festa afrogalaica



O sábado 26 de setembro tera lugar unha festa intercultural de África e Galiza. A xornada vén con actividades deportivas e gastronómicas que culminará cunha festa á noitiña.

PROGRAMA
- Torneo Internacional de Fútbol 4 -mañá e tarde- enfrontaranse equipos africanos e galegos.
- Competición de Futbolín -mañá e tarde-.
- Partidos de Baloncesto -mañá e tarde-.
- Degustación de comida africana e galega, para xantar, a prezos anticrise.
- Xogos populares -tarde-.
- Entrega de premios, ó final da xornada.
- Festa Hortera para a noitiña, amenizada por músicos espontáneos de tódalas nacionalidades; gaitas, djembés, pandeiretas...


Organizan a SRCD Tempo Novo e o colectivo Mondelivre

http://tempo-novo.blogspot.com/

20/8/09

A Xunta culpa o Concello do atraso nas obras da Residencia Universitaria.


A Opinión de A Coruña
19/08/09
A Coruña


Infraestruturas asegura que o Concello debe concluír o proceso de expropiación dos terreos.


O anterior executivo autonómico acordara cos afectados que os traballos non se iniciarían até que fosen realaxados.


José Manuel Gutiérrez. A Coruña. A Consellería de Territorio e Infraestruturas atribúe ao Concello coruñés o atraso producido na adxudicación das obras da residencia de estudantes da Universidade, que ten licencia de construcción desde finais do mes de marzo. O departamento autonómico asegura que o Concello aínda non concluíu o proceso de expropiación dos terreos necesarios para construír o complexo en Elviña, posto que aínda non hai unha proposta de realoxo para as familias cuxas casas deben ser derrubadas para permitir a posta en marcha do proxecto.


O vicerreitor de Infraestruturas, Xosé Lois Martínez, expresou a semana pasada na OPINIÓN o seu temor a que a demora de adxudicación do concurso cause a caducidade da licencia concedida á Universidade, cun prazo máximo para o inicio dos traballos de seis meses. En tan só uns días cumpriranse cinco meses desde a aprobación da licencia, sen que o Reitorado teña noticias acerca de cando se fallará.


Os afectados polo proxecto acadaran un acordo coa Xunta o pasado mes de febreiro para que os traballos non comezasen até que o expropiados dispuxesen dunha nova residencia, pero o cambio de goberno ao que deron lugar as eleccións impediu que se materializara.

O novo Executivo autonómico entende que é o Concello o organismo que debe facer fronte ao realoxo dos prexudicados pola iniciativa, xa que, aínda que o novo edificio pertencerá á Universidade, a operación urbanística é de carácter municipal, xa que se tramitou mediante un plano parcial.


O Reitorado sabía que a Consellería analizou xa as ofertas presentadas polas vintetrés constructoras que acudiron á convocatoria, pero ignoraba que existisen os problemas cos que Infraestruturas xustifica agora o atraso na adxudicación do proxecto.


As expropiacións de terreos na zona de Elviña para a construcción da residencia universitaria figuraban no plano parcial do campus, aprobado pola Xunta en decembro de 2006. A iniciativa afectada sesenta e oito parcelas que sumaban 44.202 metros cadrados de superficie.



Sete dos propietarios de terreos presentaron un recurso xudicial contra este proceso ao consideraren que as cantidades coas que foran indemnizados eran insuficientes, porque non se lles recoñecía a titularidade de terreos incluídos nesta operación, na que se fixou un prezo de 105 euros por cada metro cadrado expropiado, polo que as compensacións alcanzan os 5,6 millóns de euros.


O descontento coas propostas económicas efectuadas pola Administración levou os veciños da zona a cortar o tráfico en Alfonso Molina, a concentrarse no lugar de Castro de Elviña durante a conmemoración do bicentenario da batalla que tivo lugar na zona en 1809 e a protestar ante o alcalde durante a súa vistita ao lugar co ministro de Cultura en febreiro.


Outro dos motivos que a Consellería de Infraestruturas menciona como causa do atraso da construcción da residencia universitaria é que aínda esta pendente a sinatura dun convenio co Reitorado no que se determine cal será a fórmula de xestión do centro residencial.


O departamento non explica que influencia pode ter este acordo sobre o proxecto de construcción do complexo, que ademais tardará un mínimo de trinta meses en construírse, de acordo coas ofertas presentadas polas empresas participantes no concurso, de forma que Xunta e Universidade aínda terían este prazo para establecer a forma na que se explotará o centro residencial.

A demora na dispoñibilidade desta infraestructura xera unha fonda preocupación na Universidade, cuxos responsábeis insisten en que A Coruña é única cidade española cun campus que non ofrece prazas de aloxamento público, unha circunstancia que consideran que limita a capacidade de atracción dos centros docentes, malia que na cidade se imparten titulacións que non están disponíbeis nas outras universidades galegas e que gozan dun grande prestixio académico.


O alto prezo da vivenda na cidade e a escaseza da oferta dos pisos en alugueiro complican aínda máis o problema para os estudantes que proveñen doutras localidades, xa que deben enfrontarse a unhas rendas moi elevadas. Este situación derivou na aparición nos últimos anos de até un cento de infravivendas na contorna do campus, construídas por propietarios de chalés dentro das súas fincas, nas que ofrecen aloxamento a universitarios a prezos inferiores aos do mercado inmobiliario.


A saída á luz desta actividade clandestina puxo en marcha unha inspección por parte do Concello e da Axencia Tributaria que culminou coa orde de derrubo dalgunhas destas construccións, aínda que de momento non se executou ningunha demolición.


A construcción do Complexo requirirá arredor de trinta meses
Das vintetrés propostas presentadas polas construtoras que participan no concurso convocado pola Xunta, tan só dúas superan nas súas ofertas o prazo de trinta meses para a construcción da residencia universitaria, aínda que só nun e tres meses respectivamente, fronte aos trinta e seis que permitían as bases da convocatoria.

Por iso prevese que o complexo tardará en torno a dous anos e medio en estar dispoñíbel desde que o Goberno autonómico adxudique os traballos, o que deixará a Universidade coruñesa polo menos outros tres cursos sen contar con esta infraestrutura.

O centro proxectado polo Reitorado terá capacidade para seiscentas persoas distribuídas en catrocentos apartamentos para estudantes e profesores visitantes, con superficies entre os corenta e os corenta e cinco metros cadrados. Entre as construtoras que optan a executar o proxecto figuran algunhas das principais do país, como Ferrovial, FCC, Dragados, Isolux-Corsán-Corviam, OHL, Sacyr e Abeconsa así como varias das máis destacadas de Galiza, como Fontenla, Arias Hermanos ou Ángel Jove. En canto ás súas ofertas económicas, oscilan desde os 19,9 até os 24,1 millóns de euros.

O reitorado ten previsto pór en marcha un novo proxecto con catrocentas prazas máis en canto consiga desenrolar este último, que está a ter unha tramitación moito máis longa do agardado. Esta iniciativa tivo que soportar unha paralización de varios meses por mor da necesidade de modificar o plano xeral de urbanismo da cidade, xa que o visto bo da Xunta chegou moito máis tarde do previsto inicialmente.

1/8/09

Historia dun despropósito

Galicia Hoxe
1/08/2009

Yes, I do

Maré. Santiago. A maioritaria participación dos centros privados -agrupados en asociacións que desde o primeiro apoiaron o propósito do PP para rebaixar a proteción legal do galego- favoreceu que o castelán se eirixise no idioma triunfante da Consulta Vázquez sobre o idioma no que os pais queren a educación dos seus fillos. O propio secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que compareceu só ante os periodistas sen ningún dos dous impulsores da consulta, o presidente Alberto Núñez Feijóo e o conselleiro de Eduación, Jesús Vázquez, recoñeceu que os centros privados foran os máis dados a contestar o cuestionario dunha consulta que unicamente acadou o 58 por cento de participación. Non obstante, rexeitou dar datos sobre a diferenza entre o ensino público e privado.

Boa proba de que os centros privados impuxeron o seu punto de vista na consulta -e lle deron a Feijóo unha coartada política - é que en Formación Profesional -maioritariamente pública- o galego impúxose ao castelán. Con todo, a máis votada foi a opción bilingüe nese ámbito, o mesmo que ocorre en infantil.

Tras un mes de reconto, e cun custo declarado de 160.000 euros, a tan polémica e cuestionada consulta Vázquez non presenta, polo demais, ningunha novidade. "O conxunto das respostas das familias fan evidente que a sociedade galega se reafirma bilingüe. Esa foi a interpretación de Lorenzo nunha roda de prensa por veces tensa porque, analizando os datos polo miúdo, o que se amosa é unha polarización perigosa: en primaria e secundaria as respostas a prol do monolingüismo -sexa galego ou castelán superan as do bilingüe.

As familias dos rapaces e rapazas de maior idade amosáronse menos interesadas na consulta. A porcentaxe de respostas superou o 70% en infantil e primaria, pero caeu por debaixo do 40% en secundaria, pasando pouco do 30% en Formación Profesional.

Hai que ter en conta ademais que a maioría dos alumnos e alumnas están matriculados na educación primaria -127.000- e secundaria -124.000-. O censo utilizado pola Consellaría de Educación sitúa en 64.661 o número de estudantes de infantil, e en 15.144 o de alumnos de F.P. Lorenzo apuntou outro dato importante, que non precisou con cifras: responderon á enquisa máis os pais dos centros privados que os dos concertados, e máis estes que os dos públicos, polo que a representatividade da "mostra" é cuestionable, -independentemente de todos os defectos metodolóxicos que varios colectivos xa denunciaron-. Tampouco se de- sagregaron os datos segundo o hábitat rural-urbano.

Unha das cuestións que non ofrecen dúbida é o acordo dos pais con que se "impartan materias en inglés": o 91,5% dos de educación infantil, o 75,2% dos de primaria, o 63% dos de secundaria e a mesma porcentaxe en FP. Lorenzo aclarou que a Xunta "fará un esforzo" para que o ensino "trilingüe" sexa realidade en oito anos.

O resto dos datos poden interpretarse de diversos xeitos: como un apoio ao ensino en castelán, como un decantamento polo ensino bilingüe ou polo monolingüismo, con preferencia polo castelán. En educación infantil, malia que o 58,8% dos pais afirmaron que o castelán é a lingua inicial do seu fillo, máis da metade, o 53,2%, inclináronse por un modelo bilingüe. Pero son moitos máis os que optaron pola resposta só "castelán" que os que escolleron só "galego".

En educación primaria e secundaria a cousa complícase. Ante a pregunta "En que lingua preferiría as materias troncais?", a resposta máis numerosa é "todas en castelán" -37,6% en primaria e 33,8% en secundaria-. A segunda resposta máis escollida é "unhas en galego e outras en castelán": en primaria 26,6% e en secundaria 23,6%. E en secundaria a resposta "todas en galego" -19,8%- é máis elixida que en primaria -12,5%.

Se se suman as respostas "todas en castelán" e "a maioría en castelán", o castelán acadaría máis da metade: 54% pero non chegaría nin ao 50% en secundaria: 48,5% . A suma de "todas en galego" e "a maioría en galego" acada porcentaxes moito menores: 18,3% para primaria, e 27,5% para secundaria. A opción polo bilingüismo, -se se suman as respostas "a maioría en galego", "unhas en galego e outras en castelán" e "a maioría en castelán"- queda por debaixo da metade: 49.40% en primaria, e 48.5% en secundaria-. "Todas en galego" e "todas en castelán" suma o 50,10% en primaria, e o 53,6 en secundaria.

Se o que se suma son as respostas de todos os niveis educativos, conclúese que 75.577 pais prefiren un ensino só ou maioritariamente en castelán, fronte aos 35.019 que o queren en galego. Hai que ter en conta que os mesmos pais puideron contestar máis dun cuestionario, e que non hai garantías de que fosen os fillos os que respondesen-. Un total de 93.900 pais optaron por algún tipo de ensino bilingüe.


Galicia Hoxe

http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=454076



15/6/09

A Universidade propón cambios no Plan parcial

La Voz de Galicia
15/06/09
A Coruña
Ana Lorenzo. A nova proposta urbanística que deseñou o arquitecto catalán Joan Busquets para a cidade coruñesa tamén ten unha pequena achega da Universidade dá Coruña, que quixo axudar a mellorar o planeamento na zona de Elviña e A Zapateira. De feito, a institución académica coruñesa fixo dúas propostas que conseguiron o voto afirmativo do Concello, xa que teñen como finalidade beneficiar os veciños que habitan na contorna dos campus, así como á propia institución educativa.
Segundo explicou o vicerreitor de Infraestruturas, Xosé Lois Martínez, o actual ordenamento urbanístico que rexe nesta zona é de 1990, e no mesmo facíase constar que unha vintena de vivendas do núcleo do castro de Elviña estaban, desde esa data, afectadas por un proceso de expropiación que aínda non se levou a cabo. «A xente levaba 19 anos coa espada de Damocles da expropiación sobre as súas cabezas, e poderían estar esperando 20 anos máis. A nosa proposta foi que se debía de cambiar o sistema de desenrolo do plan parcial, para facer compatible a supervivencia destas vivendas (que pertencen ao núcleo do castro), co desenrolo da universidade».
Deste xeito, pódense evitar dous grandes custos: o económico e o social, xa que se aforra o diñeiro das expropiacións (máis de 30 millóns de euros), e permítese que os residentes nesta contorna poidan seguir vivindo nesta zona e edificando segundo a normativa urbanística que rexe no núcleo tradicional do castro de Elviña. «O Concello recolleu esta suxerencia no seu novo plan de urbanismo, que está en exposición pública neste momento, e no que se explica que nestes 27.250 metros cadrados de terreo se exclúen do campus universitario, co que se poderá evitar a expropiación e ou derruba de aproximadamente vinte vivendas», recordou Xosé Lois Martínez.
A outra proposta universitaria ten un maior ámbito de actuación, posto que a superficie afectada ascende a 175.045 metros cadrados, que se reservaron para a ampliación da universidade, e afectaban os terreos que están situados entre a avenida de Alfonso Molina, a estrada do castro de Elviña e o campo de golf. Aquí había preto de 120 parcelas, cuxos propietarios tamén estaban pendentes dunha orde de expropiación, que aínda non se efectuou, co cal non podían construír nin realizar ningunha actividade en devanditas leiras desde facía 19 anos.
Adeus á expropiación
Neste caso, a proposta realizada desde a UDC foi a de cambiar o sistema de expropiación polo de cooperación, de tal forma que os donos dos terreos ceden gratuitamente á institución académica 45.000 metros cadrados; e, no resto (130.000), poderán construír cunha edificabilidade de 1,5 metro cadrado por metro cadrado. «Vai haber 120 propietarios que van ter os seus terreos urbanizables, onde van poder executar vivendas que ata agora non podían», explicou Martínez, quen dixo que, a cambio de ter liberalizado estas parcelas, a universidade vai desprazar o aproveitamento urbanístico que nun principio tiña nestes terreos, ás parcelas que conforman o actual campus de Elviña. De feito, nesta zona pasarán de ter unha edificabilidade do 0,5 metro cadrado por metro cadrado a 1,5.

10/6/09

A UDC retira o cableado para a Residencia Universitaria


La Voz de Galicia
A Coruña
10/06/09


A UDC retira o cableado eléctrico de Elviña e pide á Xunta que acelere a construción da residencia


Ana Lorenzo> A Universidade da Coruña xa fixo todo o que estaba na súa man para iniciar a construción da nova área residencial de Elviña. De feito, onte un grupo de operarios procederon a retirar unha liña de alta tensión, de 450 metros de lonxitude, que estaba instalada na zona onde se levantará o futuro complexo, e que era o último obstáculo que había que superar antes de comezar as obras.


Con todo, desde a Xunta aínda non anunciaron que empresa encargarase de realizar os traballos, unha decisión que quedou pendente tras as últimas eleccións autonómicas de marzo e o consecuente cambio de goberno. Segundo recordou onte o vicerreitor de Infraestruturas da UDC, Xosé Lois Martínez, «a licenza de obra foi concedida polo Concello hai tres meses, moito antes xa se convocara o concurso e xa están feitos os informes técnicos de cada proposta. Simplemente, queda unha decisión por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) de asignar ou proxecto a unha empresa».


Así mesmo, explicou que a anterior Consellería de Vivenda xa consignara unha partida orzamentaria para esta actuación de 24,5 millóns de euros, e que a residencia ten un prazo de execución que podería oscilar entre os 24 e os 36 meses. «A UDC xa ten realizado todo ou que se lle ten encomendado, e cada día que pasa sen iniciarse a obra é un tempo precioso perdido», insistiu Martínez, quen volveu recordar que a institución académica coruñesa é a única de Europa que non conta cunha residencia universitaria pública.


Competir en Europa


«Un dous grandes retos da UDC, pero sobre todo da cidade e a súa comarca, é poder competir en Europa nunhas mínimas condicións de igualdade, e poder ofrecer aos estudantes europeos unha oferta de aloxamento universitario público, ao igual que fan o resto de universidades europeas», destacou o vicerreitor coruñés. Neste sentido, quixo fai especial fincapé en que na Coruña se imparten varias titulacións, como Arquitectura, Aparelladores ou Enxeñería de Camiños, que son únicas no sistema universitario galego e en todo o noroeste peninsular, «e aquí non se lle estar a ofrecer unha residencia pública ao alumnado que ven de fóra. Non resto de universidades, as comunidades e vos concellos saben dá importancia que isto ten para ou desenrolo social e económico, e a situación actual prexudica á cidade coruñesa».


Por todo iso, Xosé Lois Martínez considera que non se pode demorar por máis tempo o inicio da construción desta área residencial universitaria, que terá capacidade para unhas 600 persoas, entre alumnos e profesores.