4/2/11

A Xunta di que non ten diñeiro para facer a residencia universitaria

La Voz de Galicia
04/03/2011
A Coruña

A. Lorenzo. A Coruña / La Voz

Os recortes orzamentarios que sufriu o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) nos últimos anos fai inviable que se poida construír a residencia universitaria, se non se conta co apoio dunha empresa privada para que a xestione. Así o explicaron onte desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, onde recoñeceron que, nun principio, se firmou un documento para que fose a Universidade da Coruña (UDC) a que se fixese cargo do aloxamento unha vez construído, pero que a actual coxuntura económica non permite esa solución. Desde a Xunta tamén destacaron que esta alternativa é a "única" para poder construír unha infraestrutura "tan necesaria", e que existen moitas administracións que utilizan esta vía para levar a cabo actuacións importantes.

Así mesmo, tamén aseguraron que a residencia será pública, "conprezos públicos, e que haberá unha cláusula no prego de condicións especificando que as empresas que se presenten ao consurso deberán ofertar prezos públicos". Por último, esperan que os responsables da institución académica entendan que esta é a única solución posible para "desbloquear" este proxecto.

Desde a Universidade afirmaron onte que están á espera "de que a consellería nos diga algo oficialmente. Nós xa dixemos todo o que había que dicir e cumprimos todos os trámites esixidos". Recordaron que, en xullo, o Consello de Goberno aprobou o convenio "esixido pola Xunta para que a UDC se encargará da xestión e mantemento da residencia. Con ese trámite, rematáronse todos os procesos pedidos á UDC e continuamos á espera de que se ratificase o Consello da Xunta, o cal non sucedeu".

No hay comentarios:

Publicar un comentario