3/2/11

A Universidade rexeita que unha empresa constrúa e xestione a residencia pública

La Opinión de A Coruña
03/02/2011
A Coruña
O ente académico aférrase a un convenio asinado hai medio ano, a petición da Xunta, polo que se fará cargo do futuro aloxamento para estudantes no campus de Elviña

A Xunta quedou soa no seu intento por deixar en mans dunha empresa privada unha parte ou a totalidade da financiación da obra e a posterior xestión da residencia do campus de Elviña. A Universidade oponse a esta posibilidade, pese a que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas argumenta que agora se expón esta opción porque a crise económica pon en dúbida a viabilidade do proxecto. "Ao final todo é económico, pero a Universidade leva dous anos esperando", lamenta o vicerreitor.

Rubén García. A Coruña

"Mal". Así de explícito se mostra o vicerreitor de Infraestruturas da Universidade, Xosé Lois Martínez, sobre a nova proposta da Xunta para deixar en mans dunha empresa privada parte ou a totalidade da residencia universitaria de Elviña, tanto a construción como a xestión do complexo. A institución académica oponse a esta solución e recorda que foi a administración galega a que puxo como condición que o Reitorado se fixese cargo do aloxamento para universitarios unha vez se termine a obra.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas argumenta que o proxecto do campus de Elviña ten un problema de carácter "orzamentario", e máis en tempos de crise, polas "importantes restriccións" económicas que sofren as administracións públicas. Esta circunstancia leva á Xunta a proponer un cambio no proxecto e dar protagonismo á empresa privada.

A súa intención é crear unha concesión para a construción -tasada en 24,5 millóns, pois inclúe tamén o acondicionamento da parcela e os accesos- e xestión da residencia. "A lei permite botar man desta figura en época de restricción orzamentaria, é a forma da facelo viable e é o que se vai facer", defendeu o martes un portavos do departamento de Agustín Hernández.

A Universidade rexeitou onte a nova solución que propoñen desde San Caetano e reclaman que se axilice a execución do proxecto, pois A Coruña é a única universidade de España que carece de residencia, o que, segundo suliñou o ente académico, supón un hándicap para a captación de estudantes e docentes. "Ao final todo é económico, pero a Universidade leva dous anos esperando e cada mes que pasa supón unha perda de competitividade da cidade e de calidade do sistema universitario de Galicia", lamentou onte o vicerreitor.

Xosé Lois Martínez criticou o cambio de opinión da Xunta, porque ao seu entender a administración galega rompeu o compromiso que asinaron hai medio ano para que a Universidade se encargase do "mantemento", a "conservación" e a "xestión" da residencia. O reitor universitario, José María Barja, enviou un escrito á Consellería no que a institución académica se comprometía a facerse cargo da instalación unha vez terminada. Porén, o Goberno galego solicitou que a proposta se levase ao Consello do Goberno da Universidade, que a aprobou por unanimidade.

A Universidade da Coruña (UDC) destacou que foi a Xunta quen puxo como condición que o proxecto fose xestionado polo Reitorado. "Foi unha imposición e unha esixencia", insistiu Martínez, polo que carece de sentido expoñer agora que unha concesionaria regule o funcionamento da residencia. "A UDC comprométese a recibir os bens resultantes da execución das obras (...) e asume o compromiso de encargarse da conservación e mantemento delas así como de todos os gastos de xestión, directa ou indirecta da residencia. Compromiso que foi acordado polo Consello do Goberno", establece a cuarta cláusula do convenio da Universidade coa Consellería de Medio Ambiente.

A Univesidade tamén advertiu de que deixar en mans dunha empresa privada a xestión do complexo pode supoñer un incremento dos prezos das habitacións, o que sopuría incumplir o convenio que se asinou coa Xunta. O vicerreitor de Infraestruturas destacou que o acordo fixa que o aluguer dos apartamentos debe corresponderse cos prezos da vivenda de proteción autonómica.

O ente académico tamén lamentou que, desde a firma do convenio, non recibiu noticias desde a Xunta sobre a situación da residencia do campus de Elviña e sobre os plans de abrir un concurso para a construción e xestión do complexo a través dunha concesión.

O departamento que dirixe Agustín Hernández acusou o martes á Universidade de "marer a perdiz durante meses" e agora reclama a execución inmediata da residencia. Onte, desde o Reitorado da Coruña responderon que son os políticos quen poñen trabas ao proxecto do campus. "Se alguén está mareando a perdiz é a Xunta, pois a adxudicación da obra xa estaba incluída no orzamento en 2009", apostillou o vicerreitor de Infraestruturas.

O proxecto encóntrase en fase de evaluación das vinte ofertas presentadas para a construción da residencia. O Instituto Galego de Vivenda e Solo é o encargado de analizar as propostas para decidir a adxudicación da obra do campus de Elviña. En setembro do ano pasado, a Universidade xa lamentou que aínda non se empezara a residencia: "Está sen adxudicar pese a que se concedeu a licenza e licitouse hai máis dun ano", criticou entón o vicerreitor de Infraestruturas. A queixa de Xosé Lois Martínez prodúxose tras comprobar este periódico que os galpóns da Zapateira para estudantes volvían abrirse pese a que o Concello se conprometeu a erradicar esta práctica, pois a maioría das caonstrucións levantáranse sen a pertinente autorización municipal.

Expropiacións

Os propietarios de 64 parcelas expropiadas pola Xunta para a construción da residencia universitaria de Elviña presentaron a finais do ano pasado un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) polos prezos abonados pola administración autonómica.

Son cerca de 45.000 metros cadrados. O Instituto Galego da Vivenda e Solo empezou as expropiacións en 2006 nas inmediacións do campus e do castro de Elviña. Ofreceu 105 euros por metro cadrado aos donos. Porén, os afectados recurriron ao xurado de expropiacións. Os peritos tasaron o metro cadrado en 518 euros, case cinco veces máis que o prezo fixado pola Xunta. Esta diferencia levou aos propietarios de 64 parcelas a acudir aos tribunais para defender os seus dereitos e conseguir que se lles pague polas súas fincas o prezo tasado polo tribunal de expropiacións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario