15/1/11

A herdanza do embaixador

La Opinión de A Coruña

A Coruña

15/01/2011




M. Otero / R. García. A Coruña. Javier Losada herdou o bastón de mando municipal en 2006 de mans de Francisco Vázquez, que daquela tomou o camiño do Vaticano como embaixador de España ante a Santa Sé. Porén, o actual alcalde herdou aquel día algo máis que o despacho de Alcaldía. Ese 10 de febreiro de 2006 no que Vázquez anunciou oficialmente a súa marcha, Losada tivo que facerse cargo en solitario das actuacións que durante dúas décadas protagonizaron a xestión do hoxe diplomático á fronte do Concello, xa que logo formou parte dos gobernos de Váquez desde que se incorporou á corporación municipal no ano 1983.



Antes que alcalde, Losada tivo outras responsabilidades. Foi, por exemplo, concelleiro de Urbanismo. Esa etapa lémbralla agora a oposición, cando o seu goberno local paga a peaxe dalgunhas das decisións que se tomaron cando Francisco Vázquez exercía como alcalde. O edificio do Conde de Fenosa, as expropiacións de Someso ou a urbanización da Agra de San Amaro, todas son consecuencia, en maior ou menor medida, do último plan xeral que aprobou o emabaixador ante o Vaticano. Algúns viron nestas controvertidas actuacións e outras de natureza similar -a compra dunha vivenda no Parrote a un prezo moi inferior ao de mercado ou os seus vinculos con sectores empresariais- o motivo polo que Vázquez abandonou a Alcaldía. Losada paga agora polo mesmo pero en forma de indemnizacións xudiciais e sentencias millonarias.



O edificio Conde de Fenosa. No verán de 2009, o Tribunal Supremo confirmou a orde de derrubo do edificio a raíz da denuncia presentada por un particular. O fallo do alto organismo xudicial daba a razón ao demandante e establecía que a licenza de reforma da antiga sede da compañía eléctrica na rúa Fernando Macías para convertila nun bloque de vivendas e oficinas non se adaptaba ao planeamento urbanístico vixente no momento da concesión. As manobras xudiciais para evitar a sentenza foron encamiñadas desde que se iniciou o proceso xudicial a legalizar a situación do edificio para esquivar a demolición. O Goberno local continúa insistindo nesa postura, malia que se esgotaron todos os recursos posíbeis. Desde o Palacio Municipal de María Pita tampouco ninguén ofreceu explicacións sobre o acontecido, a pesar da periodicidade coa que o Partido Popular esixiu a creación dunha comisión de investigación. O concelleiro de Urbanismo cando se concedeu a licenza, Salvador Fernández-Moreda, hoxendía presidente da Deputación, tamén garda silencio.



Os terreos de Someso. O Concello expropiou en 1989 uns terreos en Someso para a cosntrucción do novo campo de fútbol do Relámpago. Porén, o Goberno local decidiu finalmente vender as parcelas a promotoras privadas para levantar pisos. Os antigos propietarios, ao coñecer as intencións municipais, esixiron a reversión dos terreos. No 2004, sendo edil de Urbanismo Javier Losada, o Concello rexeitou esta posibilidade e iniciouse un procedemento xudicial que finalizou recentemente cunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no que se lle obriga ao Concello a pagar indemnizacións por mais de oito millóns de euros aos antigos donos.



A urbanización de San Amaro. A última das consecuencias do plano xeral de 1998 resolveuse esta mesma semana. O anterior ordenamento incluíu entre os novos solos urbanizábeis dipoñíbeis na cidade uns predios a 500 metros da Torre de Hércules, entre o que hoxe é a urbanización de Adormideras e as instalacións deportivas. O paso foi consecuencia do convenio para as compensacións pola contrucción do paseo marítimo. O proxecto, porén, estivo gardado nun caixón até o nomeamento do monumento como Patrimonio da Humanidade, en xuño de 2009, e rebentoulle na cara ao Goberno local porque lle ocultou á Unesco durante o proceso de avaliación do faro romano que a urbanización se mantiña no plan xeral actualmente en tramitación nos mesmos termos que en 1998. A Consellería de Cultuar ordena agora eliminar estación para non poñer en risco o título da Torre.




Parque Ofimático. A urbanización do parque Ofimático dou tantas voltas que se chegou a modificar por completo a execucíón do proxecto. O que ía ser un sofisticado centro tecnolóxico para empresas punteiras, convertiuse co paso dos anos nunha zona residencial con máis de 2.400 pisos. Entrementres, o Concello tivo que se enfrontar á reparcelación de todas as parcelas necesarias para construír a urbanización. Porén, as denuncias presentadas puxeron varias pedras no camiño do Goberno local.

Finalmente, e a pesie a que o Administrador local de Infraestructuras Ferroviarias (Adif) reclamou que o concello obviara que varios predios eran da sua propiedade, a obra saíu a contratación. Agora a que se enfronta a un proceso xudicial por esta actuación é a Xunta, á que varios particulares reclaman a reversión dunha serie de terreos.


12/1/11

A Universidade vese obrigada a construír en zonas non edificábeis por falta de terreos.

El Ideal Gallego
3/01/2011
A Coruña



M. Pérez> A Coruña. O campus queda sen espazo por falta de terreos e por ese motivo a Universidade vese obrigada a construír en lugares onde non lle está permitido. Fontes próximas á institución explicaron a este xornal que parte das estruturas situadas en Elviña ocupan áreas onde está prohibido edificar. É o caso, por exemplo, da ampliación do Edificio de Informática, ou da de Enxeñaría de Camiños, que se levantan sobre unha beirarrúa: “Algo haberá que inventar para poder construír”. Trátase nesta situación de infraestruturas de máis de catro andares que ocupan un espazo que non lles corresponde e “comen” espazo –aínda que este é mínimo- á rúa.

O problema é que esta irregularidade urbanística se debe exclusivamente, tal e como explica esta persoa, á falta de terreos. Segundo apunta, a Xunta non expropiou arredor dun 48% do espazo comprometido para poñer a disposición da entidade educativa hai xa vinte anos. Acontece que hai dúas décadas se acordou coa administración un plano parcial para a entidade educativa do que quedan aínda por expropiar 420.000 metros cadrados de terreo, ademais de outros que deben ser cedidos e aínda están pendentes de ser habilitados. En total son sete parcelas que no devandito documento estaban destinadas a “ser campus” e das que a UDC non dispón hoxe en día.

Maxisterio> Unha situación similar se vivirá no inmóbel de Ciencias da Educación, no que se vai levar a cabo unha expansión “en breve”. Segundo indica esta fonte, a obra terá que realizarse ocupando unha zona verde. Malia negaren que sexa do gusto da entidade saltarse a normativa, si xustifican os feitos asegurando que sería imposíbel crecer adecuadamente sen facelo.

O que acontece, sostén a persoa que revelou a información, é que “non se proporcionan os recursos adecuados a unha institución que os necesita e moito”. Por outra banda non se prexudica practicamente a ninguén con estas irregularidades, aínda que si, aseguran , se mantén preocupadas a aquelas persoas que están pendentes de que as súas parcelas sexan expropiadas.

Mais esta non é a única polémica entre a Xunta e o organismo de educación superior coruñés, porque, entre ambos, aínda colea o problema da residencia universitaria. Neste caso tamén houbo demoras cos terreos, unha dificultade que agora se estende á adxudicación da obra. Ao ser A Coruña a única cidade universitaria de Europa que non conta coa posibilidade de dar aloxamento público aos seus estudantes, vería recortadas as súas posibilidades fronte a outros centro do continente cos que terá que competir.

Boloña> Esta discusión acentúase este curso máis e cabe coa entrada en vigor do Espazo Europeo de Educación Superior este ano. En varias ocasións, desde o Reitorado, sinalaron que “cada día que se atrasa é un prexuízo” para a cidade e para o Sistema Universitario de Galicia (SUG) en xeral.
E acontece que se hai menos rapaces estudando na Coruña, non só a poboación herculina se ve afectada, senón que tamén se resinte a economía do resto das entidades galegas –Vigo e Santiago- que forman parte dun todo coñecido como SUG, que este ano promoven os tres reitores como unha realidade presente e unha esperanza de futuro.