28/2/10

Xosé Lois Martínez, Vicerreitor de Infraestruturas: “Sen aloxamento público non poderemos competir coas demais universidades”

El Ideal Gallego
28/02/10
A Coruña

ENTREVISTA DE MARINO PÉREZ

Un cativo de Mera que adicou a súa vida, máis que a un traballo ou a un xeito de gañar a vida a unha paixón. A arquitectura, o urbanismo, nas verbas do vicerreitor Xosé Lois Martínez adquiren unha dimensión distinta, a de aquel que domina o que poucos sequera coñecen. Coa calma do que se sabe seguro, non é quen de superar os tic do bo docente, do vocacional, nin cando é o entrevistado. Cada vez que ten que explicar un concepto colle un lápiz e un papel para ilustralo, para que os de fóra o vexan “sobre o plano”. Con tres trazos debuxa A Coruña, cun cuarto plasma a comarca enteira. Queda claro que sabe do que fala, aínda que nin se atisbe a suficiencia no seu discurso. O que se di todo un mestre.

Nunha semana na que na cidade só se fala de urbanismo, o vicerreitor de Infraestruturas adquire un papel máis relevante do que ten habitualmente. Ninguén mellor ca el para analizar unha reforma complexa que na Universidade pasa, en primeiro termo, por construír unha residencia pública para estudantes.

O anterior goberno da Xunta axilizara este proxecto pero co cambio de ocupantes do Executivo galego paralizouse o procedemento. A edificación albergará ao 15% dos alumnos matriculados nos catro campus coruñeses, unha ínfima parte se teñen en conta as necesidades do estudantado. Por ese motivo, porque a cidade é a única que non conta con estas instalacións en todo o Estado, o equipo de goberno leva anos reclamando a súa construcción. E, máis intesamente, nos últimos catro meses. A recente visita do conselleiro de Territorio, Agustín Hernández, serviulles aos responsables da entidade educativa para arrincarlle unha promesa sobre o futuro da residencia: “Estará resolto en breve”.


O vicerreitor asume as posibilidades dun grao en Medicina. gago


­Falou algo esta semana co conselleiro de Territorio sobre a residencia universitaria?

­Algo. Os tempos mortos das visitas sempre serven para charlar. É a consellería a que ten que dar as boas noticias e supoñemos que será rápido.

­El dicía que ambas institucións estaban a analizar cal era a mellor forma de continuar coa obra.

­Si, pero é que unha residencia non é só unha obra, hai un importante tema de xestión que vén despois, que pode chegar a ser máis decisivo. Para nós é tan importante un aspecto coma o outro. Sobre todo, penso que é unha cuestión crucial para a Universidade como para a cidade, porque cando se fala de universidade tamén se fala de cidade. Sen ela, sen un aloxamento público, estamos en inferioridade de condicións na competición coas demais.

­E está o tema dos cartos.

­Esta residencia debe ser pública. Debe ter unha serie de servizos que permitan competir á universidade coas demais a nivel europeo e nacional. Moitas non entran no ránking mundial entre as primeiras porque non teñen prazas suficientes para os matriculados. Imaxine como estamos eiquí.

­Falaban hai pouco de que se non veñen máis Erasmus é precisamente por esa carencia.

­Para os europeos é evidente que ese é un tema imprescindible. Levamos 20 anos así, desde que existimos sen esta infraestrutura e nunha área urbana que en pouco tempo será a máis importante de Galicia. Por unha cuestión demográfica, non deberiamos prescindir de algunhas cousas.

­E de quen é a culpa?

­Pode ser que esa cuestión houbera que plantexarlla ao anterior equipo reitor. Eles preocupáronse de construír edificios, que era a prioridade no seu momento. Urbanizar, facer facultades, agora hai outras necesidades.

­Falemos de cifras. Ese tan agardado edificio vai poder acoller a un 15% dos matriculados. Será suficiente?

­Non. Son 600 prazas e non é suficiente, pero, polo menos é un principio. Por iso estamos a traballar noutra alternativa. O proxecto do campus center contempla outra forma de acoller estudantes, preparado para os que veñen de fóra.

­E que a cidade de A Coruña conta con moitas carreiras únicas na zona norte e ten un efecto chamada.

­Ten. Sobre todo en Camiños ou en Arquitectura, en todas as que son únicas. A facultade de Camiños máis próxima á nosa, por exemplo, é a de Valladolid, así que a xente de León, de Zamora, de Asturias vén a estudar eiquí.

­Tamén haberá que acondicionar a cidade para eles logo.

­Exacto. A xente non vai a unha universidade hoxe por ir a unha universidade, tamén vai a unha cidade, que está detrás dela, a un espazo de desenvolvemento socioeconómico. Por iso as entidades teñen que colaborar coa educación. Eu mesmo cambiei Sevilla por Barcelona porque en Cataluña era máis doado traballar. Iso é o que fai atractiva a unha cidade.

­Aí entra tamén a transformación urbanística de A Coruña. Que imaxino que integrará ao campus.

­Para min, este plan xeral é o primeiro onde a Universidade aparece como a grande protagonista. Está, xunto co sistema hospitalario ao nivel da estación intermodal ou do porto como un dos grandes temas deste texto.

­Para expandirse haberá que solucionar o tema das expropiacións dos veciños de Elviña, que agora mesmo son un problema para vostedes e o Concello.

­Nós fixemos até o de agora todo o que tiñamos que facer. Pero, por suposto, os veciños teñen dereito a seguir vivindo onde viviron sempre, tanto en San Vicente como no castro. Por iso pedimos que se garanta o seu realoxo.

­Habería que preguntarlles a eles se queren seguir vivindo ao lado desa nova infraestructura.

­Ao cabo, unha entidade educativa non é unha central nuclear, non creo que poida ter ningún efecto negativo sobre aqueles que viven ao carón dela. Incluso hai hoxe moita xente na zona que se adica a dar aloxamento aos estudantes.

­Visto así son todo vantaxes. E medrar nos outros campus, como o de Oza?

­Se sabe que o que Busquets chamou a cidade da saúde pasa pola zona do antigo Juan Canalejo.

­Aí entramos nun tema complicado, o da facultade de Medicina. Haberá unha?

­Seguramente. A realidade é que non hai que darlle servizo á poboación do século XIX, senón á de agora. Hoxe en día, a meirande parte está concentrada nun núcleo ao noroeste, que abarca A Coruña, Ferrol e Carballo. Ademais, coa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, cada curso pode ter menos prazas e en Santiago, en primeiro hai 350 alumnos, iso xa é case unha facultade enteira.

­Vaise enfadar Senén Barro -decano da USC-.

­Non creo que sexa o momento dos localismos, eu creo no SUG, un sistema universitario galego. Nesa fórmula, probablemente Santiago sería a gran facultade de Medicina, pero debería abrirse á posibilidade de que existisen outras.

­Pois alí están reticentes. Din que se A Coruña pide Medicina, eles pedirán Camiños, Arquitectura, Informática...

­Ao mellor esa é a solución. Se non se amplía a facultade de Medicina, os estudantes de fóra rematarán por marchar a estudar a outras universidades, porque non terán sitio en Galicia. De feito en Andalucía ou Cataluña están a abrir máis centros.

26/2/10

Xunta e Universidade ultiman o acordo para construír a residencia

La Opinión de A Coruña
26/02/10
A Coruña

O conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, asegurou que as conversacións previas á edificación acabarán "en breve"

G. M. O. A Coruña

"En breve". Ese é o único límite temporal que se atreve a desvelar o conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, cando fala da edificación da residencia pública da Universidade da Coruña.

Recoñece que é unha "necesidade" e que a Xunta está traballando para que se constrúa, pero non di datas nin revela cando se poderá poñer a primeira pedra.

O único que asegurou onte, antes da presentación da colección de libros Documentos de Reflexión Urbanística -que prometeu seguir financiando para que se convirta nunha cita tradicional entre a Administración e os estudiantes do Máster de Urbanismo- foi que as conversacións entre a Universidade e a Xunta para construír a residencia de alumnos terminarán "en breve" e é que non só contemplan a construción do edificio, senón tamén o seu mantemento e funcionalidade.

O reitor da Universidade, José María Barja, tamén presente na presentación dos libros, alabou a colaboración da Administración na aplicación práctica da actividade académica.

A Xunta adxudicará “en breve” as obras da residencia universitaria de Elviña


El Ideal Gallego
26/02/10
A Coruña

M. Pérez > A Coruña

A demora na construción da residencia que dará cobixo a cerca dun 15% dos estudantes matriculados na Universidade estará resolta “en breve”. A última palabra tíñaa ata agora a Xunta, que desde a nova formación do goberno -en maio do ano pasado- andaba a voltas con este proxecto. Pero onte, o conselleiro de Territorio, Agustín Hernández, asegurou que actualmente analizan “coa Universidade” a mellor forma de levar a cabo a obra.

Desde a entidade educativa fornon moitas as voces que calificaron este proxecto de “crucial”, “imprescindible” ou “irrenuciable”, pero ata agora o Goberno galego escudábase en que os plans que tiñan diante eran un legado do executivo anterior, o do bipartito, e que non ían a aprobalos sen estudalos a conciencia.

A realidade é que ata agora, a educación superior na cidade non pode competir coa de ningún outro campus español. Ningún, porque Elviña é o único recinto académico do estado que non dispón dun aloxamento público e gratuito para os estudantes. Este dato, “vergonzoso” para os membros do sindicato os Comités, supón, en opinión do vicerreitor de infraestruturas, Xosé Lois Martínez, unha importante pérdida de competitividade.

O vicerreitor (esquerda) reclama a importancia do aloxamento público


Para ir a clase, a maioría dos estudantes teñen que coller un autobús ata Elviña ou A Zapateira que, na maior parte dos casos, teñen que pagar integramente, xa que existen restricións para acceder a unha subvención parcial a través de bonos anuais. Non só iso, senón que aqueles a quen se lles conceden, en ocasións non ven tramitada a súa solicitude ata mediados do curso, coa conseguinte inversión, que non recuperan.


Isto chama se cabe máis a atención cando en Santiago, por mentar o campus máis próximo, a maior parte das facultades están no centro da cidade e, porén, os alumnos contan coa posibilidade de durmir baixo teito subvencionado -hai residencias tanto na zona norte como na sul-. Por ese motivo chama a atención, pero ademáis existe un bonobús gratuito.

24/2/10

Os alumnos sairán á rúa para reclamar a residencia universitaria

El Ideal Gallego
24/02/10
A Coruña
M. Pérez > A Coruña

Despois de que a maior parte dos estamentos da Universidad avisasen, por activa e por pasiva, da importancia de construír unha residencia de estudantes no campus de Elviña, os alumnos decidiron implicarse de cheo na reivindicación. Ante a recente paralización do proxecto para construír este novo espazo, os Comités -antigos CAF- despois dunha asamblea celebrada onte iniciarán esta semana unha campaña para conseguir que se siga adiante cun plan que facilitaría o acceso de cualquera alumno a unha educación superior.

A pesar de que non ten aínda unha data concreta, planean levar a cabo nos próximos días unha movilización e unha asamblea de estudantes. A primeira das iniciativas para coñecer a opinión dos afectados e a segunda que podería consistir nunha manifestación multitudinaria ou unha acampada xunto ao solar onde se tería que construír o edificio.

Indignado, o líder nacional da organización, Marcos Loureiro, criticaba onte que a capital herculina é “a única en todo o Estado Español” que non conta con este tipo de infraestrutura. O enfado do sindicato académico ten que ver coa demora nos traballos que aprobara o anterior goberno da Xunta e que “o PP tirou por terra”. Ata asegura Loureiro que o partido conservador planea levar a cabo unha privatización do aloxamento.

A pesar de que estas instalacións estarían preparadas para albergar tan só ao 15% dos matriculados na Universidade, os Comités ven crucial a súa construción e “sangrante”, o feito de que aínda non se comezase a levantar. Esperan ademais, que unha vez posto en marcha o programa, primen os criterios económicos sobre os académicos para poder acceder a unha praza. Alega Loureiro que, desta maneira, aquel que queira estudar poderá facelo sen ter que atender á súa renta, mentras que se se fai ao contrario perderíase a raíz dunha universidade pública.

A maior parte das facultades sitúanse fóra do casco urbán da cidade, o cal obriga aos alumnos a desplazarse a diario utilizando o transporte público ou os seus vehículos particulares, co conseguiente gasto que isto supón.

Por ese motivo, os alumnos levan anos reclamando que se lles otorgue un bonobús universal, en lugar do que actualmente funciona e que só cubre parte dos gastos dos que teñen unha determinada renda. Este sistema aplícase con éxito na Coruña.

21/2/10

As agrupacións de zonas rurais esixen a conservación dos núcleos tradicionais


La Opinión de A Coruña
20/02/10
A Coruña


Os residentes nos barrios máis periféricos solicitan ao Concello que modifique a normativa que incrementa a protección urbanística dos terreos nos que viven

José Manuel Gutiérrez A Coruña

A persistencia dos núcleos rurais do municipio coruñés, cun número considerable en relación ás súas reducidas dimensións, é a principal preocupación das asociaciçons que agrupan aos residentes nestas áreas. Os colectivos nos que existen estas entidades de poboación reclaman que se teñan en conta as recomendacións do autor do plan xeral, Joan Busquets, para que se manteña a tipoloxía das antiguas aldeas que aínda resisten nas zonas periféricas do casco urbán.

. Bens é Nostián. As asociacións destes dous núcleos reclaman de forma conxunta que sigan sendo considerados como entidades rurais, de forma que os terreos que rodean ás vivendas existentes sexan calificados como rústicos de protección ordinaria e non de protección especial. A fin é que os veciños poidan seguir construíndo vivendas unifamiliares nambas localidades, coa fin de manter o seu sistema de vida tradicional.
Un veciño de Bens na súa horta, xunto á refinería de Repsol. / f. martínez

. O Portiño. O colectivo decidiu integrarse na plataforma Dereito á cidade, que presentou alegacións ao plan nas que critica o modelo elixido para a súa elaboración, a falta de participación cidadá real e a excesiva edificabilidade autorizada. O proxecto de construción dun gran número de vivendas neste barrio, que suporá a desaparición do núcleo existente e o realoxo dos veciños en novos edificios, é a principal preocupación dos residentes.

. As Xubias. Busquets alaba as características deste barrio e defende a súa conservación, pero os veciños reclaman uns accesos adecuados desde a Avenida da Pasaxe, xa que na actualidade é imposible a chegada dos autobuses urbáns e dos vehículos dos bombeiros. A asociación esixe ademais unhas zonas verdes reais, xa que as únicas previstas son taludes con fortes pendentes.

. Castro de Elviña. A consolidación dos núcleos de San Vicente e O Castro é o obxectivo do colectivo veciñal, que se opón á construcción de vivendas colectivas, e esixe a catalogación de elementos etnográficos como as fontes e que se garantice a supervivencia das casas afectadas pola ampliación do campus universitario.

. O Birloque-San Cristovo das Viñas. Tamén esta asociación alega á normativa de alturas, ao tempo que reclama alternativas aos viais que pasarán por este barrio, para o que conta co apoio da federación veciñal. A entidade defende que o núcleo das Rañas manteña o seu carácter rural e que se modifique a súa conversión nunha zona verde.

. Feáns. A agrupación veciñal mostra a súa disconformidade coa ordenación proposta para toda a zona máis elevada desta parte do municipio, como a próxima ao colexio Obradoiro. Os residentes desexan ademais que o val de Mesoiro, ao que o novo plan xeral define como zona de protección paisaxística, conserve a súa calificación urbanística actual para que se poidan construír vivendas unifamiliares no futuro.

. Visma. O barrio esixe unha mellor comunicación coa terceira ronda e a construción dunha vía periférica que evite o paso do tráfico polo núcleo actual. Outra reclamación refírese á glorieta existente no barrio, xa que o plan redúcea á metade da súa superficie actual e os veciños consideran que debería estar regulada mediante semáforos.

. Eirís. A ordenanza sobre alturas tamén é alegada por esta asociación, que reclama ademais a conservación das vivendas unifamiliares no monte Mero, así como nas zonas de Curramontes e Castaño de Eirís. Tamén pide o colectivo que o polígono de Pedralonga non resulte afectado pola lei galega sobre o litoral, xa que estará moi próximo ao borde da ría.

. A Zapateira. As alegacións desta asociación defenden a consolidación dos núcleos urbáns na súa zona porque estiman que a nova normativa deixará fóra de ordenación a vivendas que agora están en terreo urbanizable e que o plan define como rústico.

A continua expansión do casco urbán coruñés cara os arredores supón unha seria ameaza para a continuidade dos núcleos de poboación rurais que aínda existen no municipio, segundo afirma Joan Busquets no proxecto do plan xeral. O urbanista catalán sinala que o contacto entre as antigas aldeas e os edificios modernos é "en moitos casos directo, sen apenas transición" e califica de "invasión" o proceso mediante o cal a cidade penetra nestas zonas rurais.

Para o autor do novo deseño urbán da Coruña, en moitos casos "é imposible garantir o entorno mínimo rural que a lei establece para a preservación da súa condición de núcleos rurais", que no caso de Galicia está fixado en 50 metros de distancia con relación ás vivendas tradicionais. Na súa opinión, a definición legal fai que sexa imposible considerar como rural ningún dos núcleos de poboación coruñeses, que no plan xeral aparecen tipificados como "tradicionais", aínda que o seu solo clasifícase como urbán, aínda que diferenciado do que admite a edificación compactada que se autoriza no resto do municipio.

Busquets estima que os núcleos rodeados por completo de solo urbán "perderon o seu carácter rural" e que se integrarán na zona urbana "con maior ou menor fortuna". Para este técnico, o tamaño das parcelas residenciais e a forma na que se agrupan as vivendas serve para identificar os núcleos tradicionais coruñeses. No plan sinálase que a superficie media dos terreos edificados vai dos 100 aos 200 metros cadrados e que a agrupación habitual é en ringleira de polo menos tres casas, o que en opinión do seu autor "configura unha imaxe máis próxima a un modelo de crecemiento suburbán que a unha implantación rural".

20/2/10

A ausencia dunha residencia universitaria limita a chegada de alumnos estranxeiros

El Ideal Gallego
19/02/10
A Coruña

Marino Pérez> A Coruña

O número de Erasmus que chega cada ano á cidade é moito menor do desexado polos responsábeis da Universidade, debido a que a entidade educativa non dispón dunha residencia pública que poida acollelos. Esa era unha das conclusións que se podía tirar onte das palabras de María José Martínez, a vicerreitora de Estudantes, durante a cerimonia de benvida celebrada no Reitorado en honra dos alumnos estranxeiros. Por ese motivo, vense obrigados a residir en pisos de estudantes ou aloxamentos privados, que, na mairía dos casos están afastados do campus.

Xa hai tempo que o responsábel de Infraestruturas, Xosé Lois Martínez e máis o reitor, Jose María Barxa, reclaman a construcción deste edificio, do que os traballos están pendentes na actualidade do labor do Instituto de Vivenda. Mais, de momento, os alumnos terán que agardar. Existe xa un orzamento e espérase tamén unha subvención estatal, que está pendente de adxudicación, que está en mans do Executivo galego.

Máis en www.elidealgallego.com

15/2/10

Esiximos o dereito á cidade

"O PXOM da Coruña, unha ilusión nada realista e pouco eco-lóxica”

Persoas individuais, colectivos culturais e sociais, asociacións veciñais e diversos espazos da sociedade civil coruñesa queremos manifestar a nosa disconformidade rotunda, ante a aprobación inicial (unilateralmente acordada desde o concello da Coruña incluso co informe desfavorable da XUNTA) dun PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal), que se materializaría na formulación dun modelo de cidade insostible, laboral, ecolóxica e socialmente falando.

Expresamos a nosa disconformidade en forma de esixencia do Dereito á Cidade. Unha cidade, a de todas e todos, necesitada de procesos de diálogo social real, recibe un plan xeral inconcreto, escuro, dificilmente comprensible e contrariamente do que se quere facer ver, cun elevado déficit no que a participación e debate cidadán se refire.

A exclusiva presenza de administracións-partidos e centros de decisión económicos privados (lobbies económicos e grande empresariado da cidade) marca a ausencia dunha formulación dialogante e participativa cunha sociedade civil activa e recoñecible (asociacións culturais e sociais, agrupacións de profesionais, asociacións veciñais, colectivos de base,..) non tida en conta e francamente ausente do proceso de creación deste importantísimo plan de ordenación municipal. Un PXOM que demarca as liñas que dentro do termo “modelo de cidade” marcarán o futuro social, económico, cultural e ambiental da cidade. Grazas ao que lemos neste PXOM o futuro desta cidade semella inconsciente e francamente en suspenso.

Que modelo produtivo (económico) impón o PXOM?

O modelo de cidade terciaria que pretende, fala dun esquema insostible e irreal laboralmente falando, no que se substitúe un sistema produtivo máis heteroxéneo e diversificado por outro baseado en dous eixos de elevado custo ambiental e difícil consolidación económico-produtiva.

Primeiro, un ilóxico tecido de grandes superficies comerciais que socavan o pequeno e mediano comercio ,entregando ás traballadoras e traballadores a elevadas doses de precariedade laboral e impoñendo á cidadanía un modelo de consumo irracional moi por riba das demandas actuais e futuras da área metropolitana.

Segundo, un porto exterior (sobre o que pivotaría segundo o PXOM e o seu autor, Joan Busquets o tecido industrial e o futuro económico da cidade) tecnicamente cuestionado por persoal experto, administracións e cidadanía, sen uns orzamentos rigorosos e realistas, e dependente do proceso especulativo da venda dos peiraos do porto industrial actual; unha venda bloqueada polo estoupido da burbulla inmobiliaria nunha cidade onde o 15% das vivendas están actualmente baleiras.

Que modelo urbano (ambiental, territorial, social..) impón o PXOM?

O PXOM fala de “restablecer a relación co medio natural” algo que vai en clara confrontación coas directrices marcadas en relación á creación de novos recheos, megainfraestruturas, ou novos polígonos industriais e residenciais.

As grandes bolsas de zonas verdes nomeadas polo Plan dependen en gran medida de concellos limítrofes, algúns dos cales xa manifestaron a súa indispoñibilidade ante as intencións do municipio capitalino.

Tamén podemos afirmar que o que se supón un dos seus eixos centrais (a creación de vivendas de protección) é fume co que tratar de lexitimar e dar un marco institucional ao proceso de formalización de polígonos urbanizables (e Convenios de última hora e dubidosa formulación) onde a especulación e a xentrificación con actores privados serán o principal elemento urbanizador dunha cidade xa tremendamente densificada.

Por outra banda, unhas infraestruturas que na realidade violentan a cidade peonil (fraccionándoa con autoestradas como a terceira rolda que a illan fisicamente) para dotar principalmente de comunicación a empresas privadas (radicadas esencialmente en grandes centros comerciais e polígonos industriais de futura construción) e apoiar un modelo de transporte onde, de seguirmos co sistema de mobilidade en uso non solucionaremos os problemas de saturación automobilística. Deberíase solucionar as carencias dunha área metropolitana sen alternativas reais de transporte público, e con hexemonía absoluta e dependencia total do vehículo particular co custo de tempo, económico, e ambiental que isto require.

Outra carencia do PXOM é o tratamento ineficiente ou vago do tecido rural; a única alternativa para os núcleos rurais existentes no termo municipal é a de ser fagocitados polo tecido urbano, sen posibilidade de hibridación e enriquecemento mutuo. No mellor dos casos vemos unha conservación dos núcleos tradicionais en tanto elementos históricos, mais destrúese ou ignórase o territorio que lles dá sentido. Por si mesmo ese territorio ten un valor cultural e ecolóxico, en tanto que son territorios sustentables sempre que se potencie, entre outros, o seu uso primario que agora está en decadencia tanto pola dificultade para poder vivir do cultivo destas terras como pola especulación do que é obxeto.

Por último, falamos dun documento que segue sen abordar a solución que dende as políticas sociais, merecen os mal chamados asentamentos marxinais, e as persoas que os habitan.

En definitiva, a cidadanía da Coruña, activa e propositiva, esiximos participar no modelo concreto (rúas, barrios, comunidades…) e xeral de cidade.

Esiximos cauces democráticos de debate participativo sobre como queremos construír o noso ecosistema urbano porque buscamos ter a oportunidade de facer desta cidade un territorio realmente habitable, sustentable e tolerante.

Esixímolo Aquí e Agora.

1/2/10

A residencia universitaria depende da Xunta para unha axuda de oito millóns

El Ideal Gallego
01/02/10
A Coruña

M. Pérez > A Coruña

O Goberno do Estado podería destinar unha partida de oito millóns de euros para a construción da residencia universitaria que está proxectada no campus de Elviña. Coas obras aínda pendentes de adxudicación por parte da Xunta, o edificio leva xa tempo cerrado desde o punto de vista orzamentario e custará ao redor de 20 millóns.
Así o explica Xosé Lois Fernández, vicerreitor de Infraestruturas e parte implicada na redación do proxecto, que recentemente mantivo unha reunión en Santiago de Compostela con distintos técnicos e representantes do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) -dependente da Consellería de Infraestruturas.

Segundo apunta Martínez, o Ministerio de Vivienda prevé nas súas partidas orzamentarias axudas que van desde os catro ata os oito millóns de euros para aloxamento de estudantes superiores en todo o país, pero para que esta subvención chegue á cidade, o Executivo autonómico tería que axilizar os trámites. De feito entre os próximos días 20 e 28 de febreiro revisaranse os acordos entre ambos organismos.

Tal e como apunta o vicerreitor e especialista, o Goberno de Núñez Feijóo ten orzamentados xa 10 millóns para sufragar o gasto, polo que o aporte desde Madrid podería supor un enorme adianto, pero “para iso teñen que adxudicalo”, di.


O vicerreitor de Infraestruturas, Xosé Lois Martínez, ve “indispensable” a realización do proxecto




Plazos > O Concello da Coruña deu o visto bo á licenza de obras da residencia universitaria o pasado mes de marzo e a Xunta convocou un concurso para construila ao que se presentaron una vintena de empresas, pero ata agora, aínda non está resolto. Por iso o vicerreitor recordou recentemente que hai catro anos que se iniciou a tramitación desta iniciativa, redactouse un proxecto, convocouse un concurso para adxudicar as obras, modificouse o plan xeral urbán e fíxose tamén un concurso de ideas para elexir o deseño do edificio. Así mesmo, reservouse unha partida de 23 millóns no orzamento da Xunta.

A partir do momento en que se poda edificar, a nova instalación estaría lista en 30 meses, segundo prevén os técnicos. O total do novo complexo podería acoller a máis dun millar de alumnos -serán dous, unha parte para 400 e outra para 600-. Algúns tachan esta capacidade de insuficiente se se ten en conta que na cidade estudian actualmente ao redor de 24.000 matriculados, pouco menos que a súa veciña, que ten 27.000 e ten, desde hai anos, máis de 1.100 habitacións.

Periferia > Este último dato faise máis chamativo se se ten en conta que as facultades na capital galega están situadas no casco urbán da cidade, mentres que na Coruña ubícanse fóra do centro. Este último inconveniente provoca que os alumnos teñan que realizar cada día longos desprazamentos para ir a clase.

Asegurou así mesmo que a construción é “irrenunciable” e que de non levarse a cabo podería supor un grave paso atrás con respecto a outros centros e dificultaría a equiparación da capital herculina a outras poboacións con centros adscritos ao Plan Bolonia.

Martínez entende por tanto que “cada día que pasa sin resolver a adxudicación do concurso da obra, non só se xenera un escenario de incertidume” e un momento de paro e crisis e entende que a consecuencia é que se “debilite” o proxecto coruñés da área urbana máis dinámica de toda Galicia.